Ouro, caciquismo e loita en Corcoesto
Se finalmente a Edgewater logra explotar a metade da superficie de Corcoesto, farao coa oposición de gran parte dos veciños non só desta parroquia, senón de todo o concello de Coristanco. Quedou claro este domingo, cando a oposición á macromina de ouro logrou reunir a un milleiro de persoas na capital municipal. Era a primeira gran convocatoria en contra do proxecto da empresa canadiana.
Os veciños falan para as cámaras de Tingalaranga
Antes da manifestación, GC achegouse a Corcoesto para falar cos veciños. O seu principal argumento é que por 10 anos de minaría tanta destrución non vale a pena. “Vivimos das vacas e da madeira” razonan antes de lembrar o estudio do Sindicato Labrego Galego que apuntan a que 1.000 explotacións gandeiras se verían afectadas.
Tamén lembran o estudio do Centro Superior de Investigacións Científicas, que indica que o Río Anllóns ten 2,1 veces os límites de arsénico permitidos pola Lei, debido á minaría de ouro dos ingleses de hai cen anos.
Os veciños falan de prácticas caciquís por parte dos alcaldes -a mina toca tres municipios- para dividilos. En particular, critican que un edil actúe de mediador á hora de repartir os postos de traballo: “a empresa de recursos humanos está regentada polo alcalde do Concello de Cabana”. O Concello abriu unha lista para seleccionar persoas para traballar para os americanos.
Os habitantes da parroquia ameazada aseguran que Edgwater mesmo tomaron fotografías da romaría local para poñelas na súa web como exemplo da boa relación da mina coa xente de Corcoesto, “o que non é real”.
Hai mesmo quen fai paralelismos entre a loita das Encrobas nos setenta e a actual en Corcoesto. “Hoxe non estamos neses tempos pero a presión mediática aquí é igual, aquí hai enfrentamentos, hai familias enfrentadas uns cos outros, son enfrontamentos que non se debían dar nestes tempos”.
Iso si, os habitantes da parroquia admitiron que entre eles hai división de opinións, pois os postos de traballo que xa está a ofrecer Edgewater sirven para convencer a algunhas familias.
A chegada da ‘febre do ouro’ a Corcoesto trouxo consigo outras prácticas típicas da tradición caciquil en Galicia. Edgewater, segundo os veciños críticos, tenta gañarse ao pobo investindo en iniciativas locais, dende patrocinios aos equipos de fútbol até excursións.
En Corcoesto hai xa familias que venderon as súas fincas -non hai vivendas afectadas- malia que o proxecto aínda necesita superar as alegacións á Declaración de Impacto Ambiental, autoavaliación publicada pola Xunta e pagada pola compañía.
Crónica da manifestación
“Tu-tu-tururú, o arsénico que o métan polo cú” foi un dos berros máis coreados durante a manifestación canda o típico “a culpa de quen é, dos que votan ao PP”. Os veciños están moi preocupados polo impacto que terá a mina nos centos de explotacións agrícolas que quedarían ás beiras da industria.
Curiosamente, as críticas á mina son máis unánimes nas parroquias que ficarán preto da xigantesca fonchanca e de varias balsas de residuos tóxicos que no propio Corcoesto, admiten os veciños. Nesas parroquias non haberá beneficios económicos directos -expropiacións, compra de bens, posíbeis contratos para os fillos dos que vendan a bo prezo ….- e si o impacto dunha industria moi contaminante, que pode dificultar a viabilidade de iniciativas como a agricultura e a gandería ecolóxica ou o turismo rural.
AGE e BNG canda os veciños
A mina afecta directamente a Coristanco, e a súa zona de servidume a outros municipios. Todos teñen alcaldes do PP e todos están a favor da explotación. Ademais, o concelleiro de Medio Rural de Coristanco é do propio Corcoesto, e segundo os veciños críticos actúa como ‘conseguidor’ das demandas da mina.
Polo visto este serán en Coristanco, gran parte do electorado está en contra. Tamén se opoñen forzas como o BNG, que estivo representado por Francisco Jorquera e boa parte dos cargos do Bloque na Coruña, e Anova Irmandade Nacionalista, que estivo representando por Antón Sánchez, deputado de Alternativa Galega de Esquerda.
Jorquera, en declaracións ao GC, atacou o papel da Xunta ao apoiar un proxecto que cualifica de “colonial”. Sánchez destacou que a empresa canadiana marchará cos beneficios do ouro mentres os prexuízos da contaminación afectarán para sempre o peto dos galegos.
Quedan, iso si, tres anos para os próximos comicios electorais. A intención de Edgewater é comezar as obras este mesmo ano. A pelota está no tellado da Xunta, pero tal e como o conta a TVG parece que a decisión xa está tomada.
Fonte: Galicia Confidencial
Foto: © Monte Pindo Parque Natural