Parabéns ao pobo galego no 50 aniversario do Día das Letras, desde o Parlamento Europeo
O presidente do Intergrupo de Linguas do Parlamento Europeo, François Alfonsi, congratula a todos os galegos e galegas, e á súa Academia, no 50 aniversario do Día das Letras.
Nunha misiva remitida á Academia desde o Parlamento Europeo, François Alfonsi recoñece o Día das Letras Galegas como o símbolo da nosa identidade, ao mesmo tempo que envía azos para unha pronta e completa normalización da lingua e da cultura galegas. “A diversidade cultural e nacional de Europa forma parte da identidade básica da Europa dos pobos na que moitos cremos”, conclúe a carta de felicitación.
François Alfonsi, de orixe corsa, deputado europeo desde xuño de 2009 e co-presidente do Intergrupo de Minorías Tradicionais, Comunidades Nacionais e Linguas. Trátase dunha agrupación integrada por cincuenta parlamentarios procedentes dos diversos grupos políticos. Desde a súa constitución, este conxunto de deputados dedícase a analizar os problemas que afectan ás nacións sen estado, ás linguas e ás culturas minorizadas e a procurar solucións para os seus problemas culturais, sociais, políticos ou lingüísticos. O intergrupo reúnese unha vez ao mes, coincidindo coa sesión plenaria de Estrasburgo.
Fonte: RealAcademiaGalega