Patrimoniogalego.net dá o salto ao espazo público

Patrimoniogalego.net, o maior catálogo social en liña dos bens culturais galegos está presente na exposición “Patrimonio documentado: a protección e intervención nos bens culturais”, unha mostra que se presentou este venres na Cidade da Cultura e que busca contrubír á visibilidade e coñecemento do patrimonio documental que se custodia nos arquivos.

A web social sobre patrimonio máis importante de Galicia está presente nesta exposición cun vídeo no que se recolle a actividade que realiza en defensa e protecciónn do patrimonio material galego. Este documento audiovisual pódese ver en: http://www.youtube.com/watch?feature=player_embedded&v=75JyuLBWbHM.

A exposición “Patrimonio documentado” exhibe unhas 70 pezas, documentos dos fondos da Comisaría de Zona del Servicio de Defensa del Patrimonio Artístico Nacional e da Comisión Provincial del Patrimonio Histórico Artístico que se custodian no Arquivo de Galicia. Documentos que se complementan cos procedentes doutros arquivos como: Arquivo do Reino de Galicia, Arquivo Municipal da Coruña, Real Academia Galega, Arquivo Histórico Provincial de Lugo, Arquivo Histórico Provincial de Ourense, Arquivo Histórico Universitario de Santiago de Compostela, Parlamento de Galicia, Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Archivo Central de la Secretaría de Estado de Cultura, ArchivoGeneral de la Administración, Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e Congreso de los Diputados.

Case 4.000 bens

Patrimoniogalego.net conta xa con case 4.000 fichas. Isto acontece dous anos despois de botar a andar este proxecto pensado para preservar o noso patrimonio cultural. Consolídase, deste xeito, un espazo virtual cada vez máis necesario para un mellor coñecemento colectivo do inmenso patrimonio cultural de Galicia e un referente a nivel estatal e europeo.

Isto é posible grazas ao esforzo desinteresado dun cada vez máis nutrido grupo de colaboradores. Ao contrario do que ocurre cos inventarios oficias, patrimoniogalego.net permítelle á cidadanía poder involucrarse activamente a través dunha participación directa. Deste xeito, unha cada vez máis extensa rede de colaboradores vai abranguindo maiores áreas do noso territorio conforme avanza o proxecto. Algo de importancia capital, dada a inxente cantidade de bens patrimoniais existentes por toda a xeografía galega, a gran maioría dos cales están aínda pendentes de se catalogaren.

Participación cidadá 

A participación cidadá é, de feito, o motor de patrimoniogalego.net, que xa contabiliza  276.537 visitas e 99.985 visitas únicas e un número de usuarios que día tras día vai a máis. Unha vez rexistrados como colaboradores, os participantes teñen á súa disposición impresos que facilitan o seu labor de catalogación. Neles figura o nome do ben patrimonial en cuestión, a súa tipoloxía, ubicación, datación, descrición, propiedade, estado de conservación e demais aspectos que poidan resultar de interese, como é o caso da tradición oral asociada. Posteriormente, a información poderá ser ampliada mediante os comentarios dos demais usuarios, xa sexan outros catalogadores ou os propios editores da web.

Creado co soporte técnico de WordPress, patrimoniogalego.net é un sistema de información xeográfica (SIX) independente e sen ánimo de lucro, ademais de aberto á cidadanía. O seu fin último é contribuír a preservar o patrimonio cultural galego, polo de agora limitándose aos bens de carácter inmoble.

Fonte: Galicia Confidencial