Pegerto Saavedra ingresa na RAG cun discurso sobre a resistencia das clases populares galegas

Reclama “consideración para todo o patrimonio material e inmaterial acumulado por xeracións de campesiños” que corre serio risco de caer no abandono e a desmemoria.

Pegerto Saavedra Fernández, ingresou na RAG como académico numerario este sábado cun discurso sobre a resistencia que ofreceron as clases populares galegas ao esforzo do rexistro do control das diversas autoridades civís e eclesiásticas, así como á grande complexidade das múltiples demarcacións administrativas que dividían Galicia durante o Antigo Réxime.

Segundo informa a RAG, no seu discurso ‘Demarcacións, topónimos, papeis, memoria: sobre a división e ou control do territorio na Galicia moderna’, Pergerto Saavedra reclamou como conclusión “consideración para todo o patrimonio material e inmaterial acumulado por xeracións de campesiños durante séculos”, que “corre serio risco de caer” no abandono e a desmemoria”.

Así, introduciu na súa alocución -centrada na análise da organización e control do territorio galego dende a pluralidade das súas divisións administrativas- unha descrición das dificultades que para os funcionarios da Administración Central do século XVIII supoñía o rexistro catastral dun lugar de tan dispersa e densamente poboado como Galicia.

Segundo Pegerto Saavedra, o esforzo por obter unha información fidedigna das divisións fiscais de Galicia e das xentes que as habitaban deu comezo xa no século XVI, pero é no XVIII cando consegue unha maior determinación e amplitude no seu propósito. Neste tempo, conforme a xustiza do rei vai penetrando no país, entra en conflito coa xurisdición dos nobres e o propio xeito tradicional de administrar xustiza nas comunidades labradoras.

No tocante á estrutura parroquial de Galicia, esta división aparece como a máis estable, pois chega dende a Baixa Idade Media ata os nosos días sen apenas cambios de importancia. A parroquia constitúe a unidade de extensión por excelencia sobre a que o cura cobra o seu décimo, e está dividida, así mesmo, en aldeas ou lugares que non foron apenas rexistrados nas relacións catastrais da época.

A Academia Galega destaca que, no seu discurso, o novo catedrático sinalou que no catastro de Enseada de 1753 –unha tentativa do goberno central por coñecer de xeito exhaustivo a extensión e calidade das terras de cultivo existentes– atopou en Galicia unha dificultade de difícil solución: a diferenza idiomática que complicaba a mutua comprensión entre os funcionarios encargados de recoller os datos e os labradores galegos que debían subministrárllesos.

Fonte: Galicia Hoxe