Premios da Crítica Galicia 2014

Xosé María Lema, Xosé Ramón Freixeiro, Poetas D(in)versos, Berrogüetto, Antón Pulido, Lois Pereiro e Grupo Cuevas foron os premiados na trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais, Artes Escénicas e Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema “A beleza feriume para sempre”, recollido dun verso de Xosé María Díaz Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país no Hotel Los Escudos de Vigo. Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséxima sétima edición na que por vez primeira se convocaba a modalidade de Cultura Gastronómica.

“Costa do Solpor” de Xosé María Lema, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria acordou declarar finalistas as obras Costa do solpor de Xosé María Lema (Xerais), O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (Galaxia) e Matarte lentamente de Diego Ameixeiras (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Costa do Solpor de Xosé María Lema editada por Xerais. O xurado salientou que “a obra gañadora asume diversos modelos narrtaivos cunha ampla documentación histórica e un rexistro lingüístico rico, poñendo en valor os territorios literarios vinculados co mar”.

“Estilística da lingua galega” de Xosé Ramón Freixeiro Mato , Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación acordou declarar como finalistas as obras Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos populares de Antón Cortizas (Xerais),  Arte e ciencia en Galicia de Francisco Díaz Fierros (Servizo de Publicacións da USC)  e Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato editada por Xerais. O xurado salientou “a novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lignua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”. Así mesmo subliñou “o seu potencial na investigación lingüística e a súa apliación en relación ás novas tecnoloxías”.

“Ciclo Poetas D(in)versos”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Ciclo de Poetas D(in)versos, revista Luzes e Viñetas desde o Atlántico. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a  Ciclo de Poetas D(in)versos. O xurado salientou que o Ciclo de Poetas D(in)versos, que se leva a cabo no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, dende onde se ofrecen recitais da mellor poesía de Galicia e do Mundo, “é fonte de alimentación do gusto poético, dignificando e visualizando o xénero, consolidando un público propio para a lírica de hoxe, tanto nacional como internacional”.

O xurado subliñou, ademais, “a capacidade do ciclo para implicar ás librarías que sirven poesía á cidade, expandíndao por toda Galicia a través de recitais de poetas convidados ao ciclo, coordinado por Yolanda Castaño”. Por último, o xurado quixo recoñecer, ademais, o Festival Ponte-Poética, dirixido tamén por Yolanda Castaño, co apoio, sobre todo, do concello de Pontevedra e do Ateneo da Cidade, no que participan poetas de todo estado e se realizan actividades para insistir na alimentación do gusto literario”.

 “Berrogüetto”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Historia da Música en Galicia de Lorena López Covas, Berrogüetto e Germán Díaz. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio por maioría a Berrogüetto.  O xurado salientou “a excelente traxectoria artística de case vinte anos do grupo vigués, constituíndose nunha referencia imprescindible na música de raíz galega, e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.

“Antón Pulido”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berta Cáccamo, Antón Pulido e Francisco Pazos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Antón Pulido.

O xurado salientou que “Antón Pulido Nóvoa é un pintor e un excelente gravador que comenza axiña nos montes de Casaio, desenvolve un trazo profundo e denso que concreta nunha narrativa rexionalista que gabou Otero Pedrayo cando aínda non fixera Belas Artes en Barcelona. Pola súa traxectoria, pola exposición que se menciona, pola lección de frescura e renovación comprendendo o seu tempo, cremos que o artista é merecedor deste premio”.

“Costa da morte” de Lois Patiño, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Costa da morte de Lois Patiño, As do peixe de Abrapalabra creacións escénicas e Eurozone de Chévere. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio á película Costa da morte de Lois Patiño. O xurado salientou “a capacidade do filme para abrir unha liña estética non convencional e un punto de inflexión no cine galego e na revisión do diálogo entre cine e  paisaxe, así como na internacionalización do sector e na renovación dos modelos tradicionais de produción, distribución e exhibición”.

“Grupo Cuevas”, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da modalidade de Cultura gastronómica acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Empresa Cuevas S.A., Fundación Dieta Atlántica e Centro Superior de Hostelería de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Grupo Cuevas. O xurado salientou que Grupo Cuevas é “unha empresa familiar de longa e consolidada traxectoria (máis de 100 anos) que ofrece dentro e fóra de Galicia un fito destacado, ser pioneira en converter un produto autóctono, a castaña, nun elemento de calidade con incidencia universal, como é a castaña confitada, sen deixar de mirar cara adiante na procura de seguir a mellorar resultados. En defintiiva, a través da posta en valor dun produto popular desprestixiado, no eido da excelencia”.

A esta edición asistiron, entre outros, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.

Fonte: Galicia Confidencial. Foto