Presentación de ‘Gaiola aberta’ na Feira do Libro da Coruña
O xoves 2 de agosto ás 19:00 tivo lugar a presentación do libro Gaiola aberta na Feira do Libro da Coruña. Na presentación contamos coa participación de Belén López Vázquez (Directora de Baía Edicións), o editor Armando Requeixo e de Xoán Neira, autor do libro.
Contido do libro:
Obra dirixida a nenas e nenos que achega unha selección dos poemas editados por Xoán Neira ao longo dos últimos vinte anos e coa que o autor quere facer unha sentida homenaxe a Manuel María no cincuentenario da publicación da primeira edición do seu celebérrimo Os soños na gaiola.
Como nos anuncia Armando Requeixo, autor da edición e do limiar, nesta Gaiola aberta de Xoán Neira atoparás grilos grileiros, toupas ceguiñas, tartarugas de pel dura e donicelas bulideiras. Tamén osos chorosos, lobos solitarios, raposos pillabáns e ata cervos de luz. Moitas raiolas na chuvia, avós paseadores, lúas crecentes e papaventos voadores. E un carrusel que xira e xira, un tren que vai e vén, un pirata boa pata e un máxico xardín.
Queres coñecer a fonte de auga lizgaira, o sol da grandísima flor e a rosa de lume? Desexas saber todos os misterios do espantallo elegante, o paporroibo piador, o piñeiro de alta copa e o morcego voador? Pois non o penses máis: dálle a volta ao libro e comeza a soñar.
Autor: Xoán Neira
Editor: Armando Requeixo
Ilustración da capa: Ana Pedreira