Presentación de ‘Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña’
O Observatorio da Mariña pola Igualdade organiza mañá martes 24 de abril ás 20:00 horas a presentación do libro Tres mulleres galegas de armas tomar: María Balteira, María Castaña e María Soliña (Baía Edicións, 2009), de Guillermina Domínguez e Felicia Estévez, profesoras no ensino secundario de historia e lingua respectivamente, que terá lugar na Casa das Letras /Gráficas Santiago de Ribadeo (R/ Rodríguez Murias, 8).
As autoras, profesoras historia e lingua, respectivamente, no ensino secundario, farán unha reflexión sobre a historia das mulleres en Galiza, o oculta que aínda permanece moitas veces e a pouca visibilidade que se lle dá, salvo excepcións, aínda hoxe nos libros de texto de secundaria.
Extracto da introdución do libro:
Este libro é unha escolma das tres marías, máis antigas, precedentes de tantas e tantas mulleres loitadoras: María Castaña, María Soliña e María Balteira.
Esta é unha nova historia coas poucas fontes e referencias que delas hai, os moitos rumores que tamén corren ao falar delas e as ganas de facer algo que chegue ás rúas, ás escolas, ás novas xeracións de rapazas e rapaces que teñen que seguir a construír un mundo en que mulleres e homes sigan facendo del un lugar máis habitable no sentido máis humano e xusto da expresión.
Así a nosa pretensión sinxela é contar parte do seu devagar pola vida, cos atrancos que supuxo vivir no Betanzos do século XIII, no Lugo do século XIV e na Cangas do Morrazo do XVII, engadíndolle o feito de seren mulleres nun mundo de homes.
Non se pretende facer historia “compensatoria” falando destas tres mulleres concretas, senón de reivindicar a visibilidade das mulleres no devir histórico ao igual que aquilo de que “o pobo que non coñece a súa historia está condenada a repetilo”. E isto poderiamos estendelo á historia social, á historia das mulleres como parte integrante dunha sociedade que, por diversos motivos, as silenciou. Reivindicar as súas vidas, fazañas e movementos nas diferentes etapas da Historia, fará que as mulleres contemporáneas teñan referentes máis que suficientes para seguir cara ao camiño da igualdade como cidadás de pleno dereito.