Previo 8 de marzo, Xan
Xan vai coller leña ó monte,
Xan vai a compoñer cestos,
Xan vai a poda-las viñas,
Xan vai a apaña-lo esterco,
e leva o fol ó muíño,
e trai o estrume ó cortello,
e vai á fonte por auga,
e vaa á misa cos nenos,
e fai o leito io caldo.
Xan, en fin, é un Xan compreto,
desos qu’a cada muller
lle conviña un polo menos,
pero cand’un busca un Xan,
casi sempre atopa un Pedro.
Pepa, a afertunada Pepa,
muller do Xan que sabemos,
mentres seu home traballa,
ela lava os pés no rego,
cátall’as pulgas ó gato,
peitea os longos cabelos,
bótalle millo ás galiñas,
marmura co irmán do crego,
mira s’hai ovos no niño,
bota un ollo ós mazanceiros
e lambe a nata do leite,
e si pode bota un neto
ca comadre, qu’agachado
traillo embaixo do mantelo.
E cando Xan pola noite
chega cansado e famento,
ela x’o espera entr’as mantas,
e ó velo entrar dille quedo:
-Por Dios non barulles moito,
que m’estou mesmo morrendo.
-¿Pois que tes, ña mulleriña?
-¿Que hei de ter? Deita eses nenos,
qu’esta madre roe en min
cal roe un can nun codelo,
i ó cabo ha de dar comigo
nos terrós do simiterio…
-Pois, ña Pepa, toma un trago
de resolio qu’aquí teño,
e durme, ña mulleriña,
mentres os meniños deito.
De bágoas s’enchen os ollos
de Xan ó ver tales feitos;
mas non temás, qu’antre mil
n’hai máis qu’un anxo antr’os demos;
n’hai máis qu’un atormentado
antre mil que dan tormentos.
Rosalía de Castro