Que vai pasar coa colección de arte de Novagalicia Banco?

O patrimonio artístico das antigas caixas, suma case sete mil elementos valorados en 116 millóns de euros.

Este corpus atópase dividido en dous grandes bloques, debido a que os fondos de Caixanova pasaron á Obra Social de Novagalicia, mentres que as pezas da extinta Caixa Galicia se transferiron directamente ao banco. Neste momento, cando o proceso de venda da entidade semella inminente, increméntase a preocupación polo futuro deste patrimonio, sobre todo cando está en dúbidas que o banco manteña o seu carácter galego.

Por exemplo, unha petición online leva semanas reclamando a súa declaración como Ben de Interese Cultural e o seu traslado á Cidade da Cultura. A petición lembra que estas obras de arte “poden fuxir de Galicia ou ser posteriormente vendidas a particulares, acabando en lugares insospeitados e fóra do alcance da cidadanía galega” e reclama “rescatar para os galegos esa colección, que é dos galegos”.

Os fondos da antiga Caixanova, xestionados agora pola Obra Social de Novagalicia, suman 5.596 pezas (2.437 pinturas, 392 esculturas e instalacións, 2.130 gravados, 563 debuxos e 74 fotografías), reunindo a máis importante colección de artistas plásticos galegos do século XX, con obras de Sotomayor, Pérez Villaamil, Castelao, Colmeiro, Seoane, Maruja Mallo, Granell, Urbano Lugrís, Jorge Castillo, Antón Lamazares, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Manuel Vilariño ou Vari Caramés.

Por outra banda, os fondos da antiga Caixa Galicia, agora xestionados directamente por Novagalicia Banco, suman ao redor de 1.350 obras, pero cun valor superior ao outro conxunto, ao conter, canda á produción de importantes autores galegos, obras de Picasso, Chagall ou Dalí, entre outros autores, que foron adquiridos no seu momento como unha forma de investimento da caixa do norte de Galicia. Estes fondos son os que terían máis posibilidades de abandonar o país, unha vez que o banco sexa vendido.

Fonte: Praza