Queremos Galego chama a se mobilizar pola lingua

Os datos sobre o emprego da nosa lingua que publicou recentemente o Instituto Galego de Estatística están detrás da nova convocatoria de Queremos Galego. A plataforma en defensa do idioma convocaba esta mañá a unha grande mobilización o vindeiro 8 de febreiro en Compostela para protestar contra o que consideran “o quinquenio negro para a lingua galega” e do que responsabilizan o actual goberno da Xunta. Segundo denuncia este colectivo, “a política da actual Xunta de Galiza con respecto á lingua galega agravou máis esta situación ao incidir nos prexuízos que xa sofría o galego e ao iniciar uns retrocesos sen precedentes na etapa democrática”.

De xeito previo á manifestación, as máis de 600 entidades que participan en Queremos Galego desenvolverán diferentes actividades informativas e de dinamización a nivel local. O lema da mobiliación seleccionarase entre as propostas que lle envíe a xente á plataforma.

Fonte: Culturagalega