Reflexións sobre O libro e a lectura nos medios

Algunhas das bibliotecarias asistentes á décimo primeira edición do Simposio O libro e a lectura amosaron públicamente  que sentían que era a edición máis triste das máis de 9 nas que tiñan participado como público, e non pola ausencia de público atento, máis de 60 persoas, que nunca decepciona e, con independencia dos temas a tratar, enche o auditorio do Consello da Cultura Galega, desprazándose dende  Ourense, Lugo ou A Coruña, senón pola derruba que se percebe cando son xornalistas os que teñen que falar da realidade da información cultural e dos medios tradicionais e a súa atención aos sectores da cultura do país.

Elementos para a reflexión 

A xornada deixou interesantes argumentos para a reflexión de todos os axentes culturais implicados nos procesos de comunicación cultural: Que os axentes do  libro e a lectura teñen que adaptar as súas estratexias á segmentación das audiencias, outra realidade na que todos os intervintes coincidiron e que vén de constatarse nos datos ofrecidos por Manuel Gago, director de culturagalega.org. Que público cultural é variado e heteroxéneo e pode compartir ou non a súa afición pola música coa afición coa lectura, outro si acontece co cine e outros produtos adiovisuais. Que o libro debe estar atento ao nichos de mercado, bucear entre o mar das redes sociais para achegarse aos seus lectores e calibrar o protagonismo que foron cobrando os  blogueiros, xornalistas, críticos, etcétera, como mediadores cos lectores. Que o xornalismo cultural ten que contar con profesionais formados e os responsables dos medios, públicos e privados, democratizar os procesos de información prestando atención ás necesidades culturais da audiencia. Que o xornalismo, sexa por precario ou por banalizar a información cultural, non está respondendo ás actuais demandas socioculturais. Que os medios tradicionais están perdendo influencia en favor doutros recursos comunicativos, moito máis participativos e atentos aos cambios sociais.

Os xornalistas participantes amosáronse moi pragmáticos e realistas no que atinxe á valoración da situación pola que atravesan os medios tradicionais  e recoñeceron as dificultades dos contidos culturais para  facerse cun oco nos seus espazos, tendo tamén en conta a actual crise mediática e a relación entre contidos e publicidade. Os medios de comunicación máis pequenos, incluso unipersoais, con criterios pouco economicistas, moito máis centrados no traballo especializado e nesas audiencias segmentadas, desprenderon moito máis optimismo en canto ao futuro e as posibilidades da información cultural.

Fonte: AGE