Repotenciacións de Parques Eólicos: unha oportunidade para corrixir os erros do pasado

En 1996 a Consellería de Industria e Comercio encargou a realización do Proxecto de Ordenamento Eólico de Galicia (tamén chamado Plan Eólico Estratéxico de Galicia) á empresa privada APASA-GAMESA, que se converteu así en xuiz e parte ao ter naquela data o 22% da potencia eólica concedida en Galicia. De nada serviron os intentos de SGHN para coñecer os criterios de tal decisión (PDF), a queixa diante do Valedor do Pobo (PDF) e o amparo deste (PDF), nin as xestións diante dos grupos parlamentarios (PDF): a Consellería de Industria e Comercio simplemente se pechou en banda a facilitar dita información (PDF).

A consecuencia directa foi que na planificación eólica de Galicia se primasen os intereses empresariais obviando ou minusvalorando os criterios ambientais, facilitando unha avalancha de parques eólicos en terreos de moi elevado valor ambiental pero legalmente desprotexidos porque a Xunta de Galicia (casualmente?) tardou 12 anos (1992-2004) en elaborar un proposta de Rede Natura 2000 mínimamente aceptable en Bruselas. Ademais, os impactos ambientais agraváronse ao tolerar as Consellerías de Industria e de Medio Ambiente a tramitación fragmentada de pequenos parques eólicos “virtuais” próximos ou adxacentes, a miudo dunha mesma empresa, evitando así a avaliación dos efectos acumulativos e sinérxicos dos parques eólicos “reais” sobre o medio natural. Lamentablemente, en Galicia tamén é aplicable a conclusión do exhaustivo traballo de Atienza et al. (2011) sobre a enerxía eólica en España: “los parques eólicos no están siendo evaluados de forma adecuada y eso conlleva la autorización de muchos parques que están provocando elevados impactos ambientales”.

Xunto cos hábitats de interese ou de conservación prioritaria na UE (turbeiras de cobertor, uceiras húmidas,…) sepultados baixo pistas, gavias e plataformas de aeroxeneradores de parques eólicos que nunca se deberon construir, os vertebrados voadores son os que están a levar a peor parte do impacto da enerxía eólica en Galicia. En base as estimacións de Atienza et al. (2011) de que anualmente morren en España entre 4 e 18 millóns de aves e morcegos nos parques eólicos (153 a 551 individuos/Mw/ano) e a contribución de Galicia á potencia eólica de España (3289 dos 26671 Mw instalados), a mortalidade de vertebrados voadores ocasionada polas instalacións eólicas (aeroxeneradores e tendidos eléctricos) en Galicia estaría entre medio millón e case dous millóns de aves e morcegos anualmente.

Neste escenario de impacto ambiental inasumible e cos parques eólicos máis antigos perto do final da súa vida útil, nos últimos anos comezaron a presentarse proxectos de repotenciación de algúns deles (Capelada, Cabo Vilano) nos que se plantexa a substitución de moitos pequenos aeroxeneradores por uns poucos moito máis grandes, mantendo a potencia total instalada.

O razoable sería que a repotenciación dos parques eólicos existentes contemplase non só a “actualización tecnolóxica” dos mesmos, como pretenden as empresas solicitantes, senón tamén a súa “actualización ambiental” para corrixir os erros cometidos no pasado e conseguir que, ademais de renovable, a enerxía eólica en Galicia sexa o máis “amigable” posible co medio natural.

Lamentablemente non está a ser así, e a documentación dos efectos ambientais presentados polas peticionarias, ademais de revelar que os Programas de Seguemento Ambiental dos parques existentes non cumplen os requisitos mínimos necesarios, seguen a avaliar deficientemente os impactos sobre os espazos protexidos, os hábitats de interese para a conservación e as especies ameazadas.

Así acontece cos dous últimos proxectos de repotenciación de parques eólicos aos que SGHN ven de presentar as súas alegacións: PE Zás e PE Corme.

Fonte: SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL