Resina de poliéster en Caderno da crítica
Resina de poliéster, de Correa Corredoira
Baía Edicións, A Coruña, 2013, 112 páxinas, x €
Coñecín a Correa Corredoira nunha longuísima e tediosa espera, hai xa algún anos, para gravar unha intervención naquel programa televisivo de saudoso recordo que foi Libro aberto, no que Manolo Romón mantivo despois unha ocorrente entrevista arredor do libro Pintor en Italia. Non lembro ben quen acompañabamos a Correa dando paseos polos recendentes exteriores de San Marcos, talvez Carlos Quiroga e alguén máis, mais si recordo con precisión a capacidade para a transmisión oral que atesouraba o pintor cando relataba o que facía secretamente en Vilar de Locendres para defender a flora autóctona, algo que aquí non debo contar.
Digo todo isto porque o espírito ecoloxista, a fluidez do discurso oral e mais o concepto da indignación está moi presente neste Resina de poliéster, que é o seu segundo libro de poesía publicado. O seu título remite a un material agresivo co que traballa no seu estudio e que resulta operativo como metáfora do tempo que vivimos. O poemario, non se dixo, aparece prologado por Lino Braxe, quen afirma con acerto que Correa é «un pintor que escribe» e mais «un poeta que pinta». E así é porque o volume transita, en esencia, polos eidos do diálogo entre pintura e escrita e, como se dixo antes, percorrendo ao tempo eses camiños onde é de lei erguer un brado de indignación polo que se ve e polo que se vive: un berro diante do obsceno e do kitsch, diante da pesadume do tempo e da usura, diante da mentira, a dor ou o abuso.
Quen se aproxime ao libro advertirá como os seus poemas abalan entre algúns de xinea minimalista, brevísimos, case ao xeito de aforismos ou haikus, e outros nos que agroma un devezo narrativo máis evidente. Uns e outros unidos polo que se podería definir como a poética da experiencia pois polos versos circulan lecturas, intervencións artísticas, vivencias…, construíndo unha sorte de cartografía persoal, de orde intelectual e mesmo vital.
Un libro plural, ao meu ver, que xoga ás veces co recurso ao visionario e outras apela á realidade desde a que se recollen detalles ou instantes máis ou menos fuxidíos, paisaxes ou instantáneas que recolle a retina e conserva a memoria. Nel non falta tampouco, cando cómpre, o lategazo irónico nin esas preguntas retóricas sen aparente resposta. Hai tamén versos fermosos e perdurables neste libro como o que di »pinta teas onde a lingua / da luz estrebilla sombras retornadas» ou «Osmo o teu rastro no humus orixinario… / A túa lingua revóame pola cara, Rosalía». Eu recomendo a súa lectura.