Santiago acollerá do 18 ao 26 de outubro un segundo Outlet do Libro Galego

A Asociación Galega de Editores organiza, en colaboración cos Concellos de Pontevedra, Santiago, A Coruña e Vigo, os outlets do libro de 2014 con oitocentos títulos de quince editoriais distintas. Esta actividade, que pretende achegar os libros aos lectores a «prezos de crises», foi presentada hoxe en Santiago pola concelleira de Cultura, María Antón, o subdirector da Asociación Galega de Editores, Xosé Aldea, e o xestor da iniciativa en Compostela, Antón Pedreira, da Librería Pedreira.

A segunda edición desta feira é unha oportunidade comercial para atopar moitos títulos do catálogo das editoriais que se atopa fóra dos circuítos comerciais convencionais.

Así, o obxectivo é abrir «unha nova canle de comercialización» que poña en contacto estas obras de contido variado co público, establecendo un encontro de libreiros e editores con «sinerxías positivas».

O outlet celebrarase no Centro Cultural Afundación, na rúa do Vilar, do 18 ao 26 de outubro en horario de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.30.

As editoriais que participan son 2.0 Editora, Alvarellos Editora, Editorial Andavira, Auiga Editora, Baía Edicións, Dos Acordes, Editorial Galaxia, Editorial Ideas Propias, Ir Indo Edicións, Editorial Linteo, Nova Galicia Edicións, Ouvirmos, Edicións Sotelo Blanco, Editorial Toxosoutos e Edicións Xerais.

Este ano tamén colabora Verial Galicia, empresa tecnolóxica do ámbito da xestión libreira que cede o programa informático.

Fonte: La Voz de Galicia