Se non hai vento, vogar (Manifesto do foro Reimprímete)

CONSTITUCIÓN  DO FORO REIMPRÍMETE 23 DE ABRIL 2014 DÍA MUNDIAL DO LIBRO

Se non hai vento, vogar

En un trozo de papel

con un simple lapicero,

yo tracé una escalerita,

tachonada de luceros.

Hermosas estrellas de oro.

De plata no había ninguna.

Yo quería una escalera

para subir a la Luna.

Nada máis. Antonio García Teijeiro lémbranos neste poema que tan só cun anaco de papel podemos construír esa escada que nos permita tocar a lúa coa man. En barquiños de papel navega a nosa memoria primeira: a do arrecendo das primeiras páxinas que viramos na procura de cores e sons de animais, a da fame insaciable coa que folleamos as lecturas iniciáticas da adolescencia, a da satisfacción do papel que alimenta cando xa de adultas procuramos nos libros as respostas á vida que, incansable, adoita preguntarnos por que. Nos libros non sempre está a resposta, xaora, pero na propia procura atopamos múltiples camiños.

A nosa memoria, a nosa cultura, a nosa economía é apenas un barquiño de papel nun océano inmenso. Por momentos as augas quixeron ser doces e maimiñas. Actualmente, a galerna golpéanos sen piedade. A escusa da crise económica parece motivo suficiente para asolagar e derrubar o que construímos durante séculos con tanta suor e traballos. Tras esa aparencia de inocente obsolescencia

programada agóchase un desprezo manifesto polos nosos valores culturais e un preocupante deixar facer fronte ao perigo de aniquilación que paira sobre eles.

Rafael Dieste, da man de Félix Muriel, díxonolo ben claro: se non hai vento, vogar.

Porque este barco de papel precisa de todos os remos para continuar a súa singradura coa forza dos nosos pulsos. Esquezamos os panos de lona nos mastros porque non son tempos. Agora cómpre vogar xuntos para permanecer vivos na superficie.

 Porque non podemos aínda, a pesar do avance implacable das novas tecnoloxías, claudicar á devastación. Reivindiquemos o papel como compañeiro de viaxe imprescindible aínda para garantir o acceso á educación e á cultura. As pantallas convertéronse nun recurso importante e complementario nesta etapa de hibridación e convivencia de soportes diversos. Porén, o libro en papel constitúe aínda un elemento fundamental da economía e da nosa cultura. Non nos enganemos nin nos deixemos arrastrar por euforias ficticias. O consumo de dispositivos móbiles é grande. O de e-books resulta aínda absolutamente ridículo, moito máis no caso galego. Por iso, xunto á contorna multimedia en que habitan os novos nativos dixitais, unha contorna de paisaxe cambiante e tránsitos veloces cómpre facer ocos para a reflexión e afondamento crítico. Precisamos lugares para o pensamento plural e diverso acorado en piares firmes alleos á volatilidade dun chío de twitter ou un gústame do facebook. Canda os dispositivos que fomentan o automatismo, a sociedade debe furgar nun novo paradigma en que todas e todos teñamos cabida. A cultura dixital non debe substituír á cultura impresa: debe convivir coa cultura impresa. E esta convivencia ha garantir e fomentar, cos recursos institucionais e as políticas públicas necesarias, a supervivencia, interese social, visibilidade da cultura galega: dos seus axentes económicos e dos seus creadores e creadoras.

Sen contidos non hai cultura. A xusta retribución de quen os fai posibles e, tamén, dos elos de transmisión entre quen crea e quen consome- garante a calidade, a pluralidade e a permanencia dos produtos culturais. Se non se establece unha cadea de valor xusta, seremos cómplices dunha catástrofe. As dezaseis organizacións presentes neste foro dan voz a quen escribe, quen ilustra, quen imprime, quen publicita, quen distribúe, quen deseña, quen traduce…,  un  abano   heteroxéneo de profesionais non sempre visibles, a miúdo silenciosos, pero que representan a un sector moi amplo da industria e da cultura galegas. O seu traballo corre perigo. E non só o deles, non só o noso. A ameaza tamén paira sobre as nenas e nenos a quen estamos abocando a un novo modelo educativo dixital sen valorar polo miúdo os efectos que isto provocará na súa formación.

Porque se algún espazo debe fomentar o estudo, a formación e o coñecemento baseados no libro, sen dúbida este espazo ha ser a escola. Xaora, os encerados electrónicos, as pantallas, as plataformas de contidos resultan pezas imprescindibles da aprendizaxe pero cómpre debullar ben como, que e onde. Os resultados da súa irrupción nas aulas ofrécennos aínda máis preguntas ca respostas: Quen subministra os contidos e quen garante a propiedade intelectual deses contidos? Cal é o modelo de negocio? Como resistir fronte aos monopolios tecnolóxicos e o seu discurso único? Como se preserva a igualdade de acceso e oportunidades das nenas e nenos? Como visibilizar os nosos propios contidos? Cales son as consecuencias deste novo modelo pedagóxico?

Como amar os libros se estes fican ausentes da nosa aprendizaxe escolar? Non se trata de permanecer como espectadores inmóbiles e contemplativos ante a gran revolución que nos asombra senón de sermos cómplices, actores e actrices cun papel activo nesta marea chea de riscos e oportunidades. Non permitamos que nos afogue esta vaga homoxeneizadora e destrutora. A fortaleza do noso barquiño son séculos de vixencia contrastada e garantida fronte á forza descomunal desa auga que descoñecemos aínda como evolucionará, como se sufragará, como se manterá, quen a nutrirá. Cómpre navegarmos con tino e evitar os saltos mortais cara ao abismo.

 O risco é evidente como cantou Meendinho: E cercaron-mi-as ondas que grandes son: non ei barqueiro nen remador.
 Xa que non temos nin sequera vento, é hora de unirmos folgos e vogar xuntos no noso diminuto e maxestuoso barquiño de papel.
Rosa Aneiros