SGHN colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) é unha entidade ambientalista sen ánimo de lucro e independente, fundada en 1973 baixo o nome de Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) que, a pesar do que o seu nome indica, non restrinxía o ámbito de actuación á ornitoloxía e, por iso, en 1976 xestionou a súa conversión na actual SGHN (1977).
GOG – SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando se crean o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellería homónimas, en 1996 e 1997 respectivamente, a SGHN levaba case un cuarto de século estudando e defendendo o patrimonio natural galego.
A SGHN ten representación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e pertence á Federación Galega de Mergullo; participa no programa anual Coast Watch de avaliación ambiental da beiramar e nas campañas Clean the World.
Participa na custodia do territorio a través da Fundación Fragas do Mandeo e fundou e xestiona o Museo da Natureza, situado en Ferrol, sede da colección de mamíferos mariños máis importante do Estado.
Dende 1973 realiza anualmente o Censo Invernal de Aves Acuáticas e en 1995 publicou o Primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia.
Coordinou o Programa de Conservación do Arao Ibérico da Unión Europea.
Participa nos trámites de información pública e Avaliación de Impacto Ambiental dos proxectos públicos ou privados e presenta denuncias por delitos contra o medio natural.
Dende 1978 publica a revista Brañas, o voceiro Paspallás e monografías e boletíns divulgativos. Á par desenvolveu unha intensa actividade loitando contra a caza das baleas, a ameaza nuclear, as mareas negras, os incendios forestais, a persecución do lobo, a protección de espazos naturais, a depuración das augas, as minicentrais, as especies invasoras e tantas outras ameazas que penden sobre medio natural galego.
A SGHN organiza Xornadas, Congresos e actividades de educación e divulgación ambiental a través da súa sede central en Santiago de Compostela, das delegacións territoriais (Ferrol, As Mariñas, Ourense, Pontevedra) e seccións (Antela, Astronomía e contaminación lumínica, Entomoloxía, Herpetoloxía, Ornitoloxía e Vertebrados mariños).
Podes obter máis información e contactar coa SGHN a través da súa páxina web: www.sghn.org