Só un 3 por cento de escolas infantís empregan o galego
A Mesa pola Normalización presentaba esta mañá os datos dun estudo que esta asociacións realizou sobre a presenza do galego nas escolas infantís nas sete cidades galegas. Segundo os datos feitos públicos polo colectivo, unicamente 3,19% destes centros imparten ensino en galego. Pola súa banda, un 1,06% manteñen unha liña en galego e outra en castelás e un 4,96% sinalan que imparten a metade en galego e a metade en castelán. No entanto, neste último caso, A Mesa advirte que “en varios deles o idioma propio de Galiza só se utiliza na oralidade, realizándose toda a lectoescritura en castelán ou, mesmo, en inglés”. Segundo estes datos, en Lugo hai tres escolas de infantil que declaran impartir en galego; en Ourense, A Coruña e Santiago, dúas e en Ferrol, Pontevedra e Vigo só unha.
Segundo denunciou o presidente da Mesa, Carlos Callón con esta situación “non se garanten as competencias comunicativas en galego e ponse en risco a cohesión social de Galiza”. Ademais, apuntou que “estes niveis de exclusión non se producen en ningunha outra comunidade autónoma con idioma propio”.
Fonte: Culturagalega