Entradas

Feliz Día das Bibliotecas

Desde 1997 celébrase o Día da Biblioteca o 24 de outubro, una conmemoración impulsada pola Asociación de Amigos del Libro Infantil y Juvenil á que se foron sumando, xa dende hai algún tempo, o propio Ministerio de Cultura e todas as administracións autonómicas. Esta asociación, membro da OEPLI, facilita na súa páxina o cartel e o pregón para esta conmemoración nas diferentes linguas do Estado, obra desta vez do ilustrador Miguel Calatayud e a escritora Gemma Pasqual.

Pola súa parte, o Ministerio de Cultura e Deporte propón este ano 2019 a incorporación do lema “aptas para todos os públicos”, co obxectivo de salientar o papel das bibliotecas na promoción da igualdade de xénero.

As bibliotecas escolares galegas teñen o seu propio lema para este curso 2018/2019, BIBLIOTECA ESCOLAR, VIVEIRO DE CIDADANÍA, que conta cunha imaxe propia creada por Óscar Villán. Os carteis editados con este lema están xa en todos os centros educativos. As bibliotecas escolares están xa en plena celebración do seu día, unha oportunidade para inaugurar novos espazos, abrir as portas á comunidade educativa e presentar ás familias os recursos e as actividades da biblioteca, programar actos específicos nos que lembrar as oportunidades que ofrece a biblioteca para estimular a formación lectora do alumnado e reforzar a adquisición de todas as competencias e contidos incluídos no currículo.

A biblioteca escolar, esa biblioteca pola que pasan todas as nenas e todos os nenos do país, a primeira biblioteca que lles aprende, tamén, a usar as outras, que os pon en contacto con eses outros espazos do coñecemento e do lecer, eses lugares nos que pasan moitas cousas (e todas boas), que son as bibliotecas públicas, eses lugares para a igualdade e a diversidade que son as BIBLIOTECAS.

Baía Edicións celebra este día feliz de contar con moitos dos seus títulos en todas as bibliotecas de Galicia.

Hoxe celebramos o DÍA DA BIBLIOTECA

O Día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Van xa máis de dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. O cartel e”pregón” deste ano 2017 pódese consultar AQUÍ.

O departamento de Educación da Consellería de Cultura, Educación e O.U, pola súa parte, vén publicando desde 2008 uns carteis que pretenden facer visibles as distintas oportunidades e posibilidades da biblioteca escolar, porque o Día 24 de outubro é tamén o DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR, por ser esta unha biblioteca esencial xa que por ela pasa toda a poboación escolar dun país. Cada ano proponse un lema e encárgase a súa interpretación a un creador ou a unha creadora do fértil mundo da ilustración en Galicia. Xosé Tomás é o ilustrador que este ano achega a súa creación a todas as bibliotecas escolares do territorio galego. Aprender a pensar coa biblioteca escolar, o lema elixido nesta ocasión, convida ao aproveitamento dos recursos, dos espazos, dos tempos e das actividades que a biblioteca facilita a toda a comunidade educativa.

Nesta data, e diante dos momentos de cambios que sofren as bibliotecas, pode ser útil volver aos principios e lembrar ao matemático e bibliotecario hindú, Shiyali Ramamrita Ranganathan, quen en 1931 enunciou “as 5 leis da biblioteconomía”:

  1. Os libros están para usarse.
  2. A cada lector o seu libro.
  3. A cada libro o seu lector.
  4. Hai que aforrar tempo ao lector.
  5. A biblioteca é un organismo en crecemento.

Que non lle falten libros ao noso alumnado, que teñan tempos e oportunidades para usalos, que cada rapaz, cada rapaza, atope o libro (ou á persoa) que o vincule á lectura “de por vida”, e que as nosas bibliotecas escolares sigan vivas e sigan a desenvolverse en todos e cada un dos centros educativos de Galicia.

Alumn@s, profesor@s e pais/nais saen á rúa en contra da Lomce

A terceira xornada de folga de alumnos convocada polo Sindicato de Estudantes estenderase a todo o sistema educativo hoxe. Estudantes, pais/nais e profesor@s unirán forzas nas rúas de toda Galicia para reiterar de novo o seu rexeitamento á Lei Orgánica de Mellora da Calidade Educativa (Lomce), en varias protestas impulsadas polas dúas plataformas de ensino galegas.

A Plataforma en Defensa do Ensino Público, que aglutina a diversas organizacións da comunidade educativa como os sindicatos CC.OO Ensino, FETE UGT, o Sindicato de Estudantes ou Confapa Galicia, celebrará protestas ás 19.30 horas na Coruña, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Ourense e Lugo, mentres que en Ferrol e Ou Barco será ás 11.30 horas e en Santiago (no Paseo da Alameda) ás 12.00 horas.

Pola súa banda, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público, na que participan CIG-Ensino, a Federación de Anpa de Compostela, Os Comités ou a Liga Estudiantil, celebrarán protestas este xoves en 14 localidades ás 11.30 horas. En concreto, serán na Coruña, Carballo, Cee, Ferrol, Santiago (Praza do Toural), Ribeira, Ourense, Pontevedra, Vilagarcía, Lalín, Vigo, Lugo, Burela e Ou Barco.

“DEBILITAR O SISTEMA”
CC.OO. destacara durante a presentación das protestas que “coa escusa da crise” estanse recortando recursos económicos e humanos para “debilitar o sistema educativo”, co obxectivo de cambiar o modelo social e incrementar “cada vez máis a brecha entre os distintos estratos sociais”.

Deste xeito, realizarase “unha selección totalmente antinatural do alumnado” que vai chegar aos estudos superiores e non pola súa capacidade, si non por criterios económicos. Por iso, docentes, traballadores, pais e estudantes sairán á rúa “a defender os dereitos de toda a cidadanía”, e non só por cuestións laborais.

Desde FETE-UGT, Raúl Gómez fixo fincapé en que “nunca unha administración educativa tivo en fronte a todo o abanico político, social e educativo” como na actualidade. “O que nos queda é responder mediante movilizaciones públicas e accións e reaccións constitucionais”.

Luís Taboada de Confapa advertiu de que todos os sectores educativos van baleirar as aulas deste país” en todo o Estado, realizando un “penúltimo esforzo” contra unha política de recortes que leva aos mozos á “marxinalidade”.

CONTRA A “ESENCIA” DA IGUALDADE
O secretario nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao, animou a continuar protestando para tombar a Lomce malia a súa aprobación no Congreso, recordado que xa se conseguiu un “compromiso” dos grupos da oposición para derrogar a norma axiña que como se consiga unha “alternativa” de Goberno.

Louzao insistiu en que a tramitación da Lei “empeorou” en dous aspectos, como son que a lingua vehicular de todo o Estado é “o español” e non conta co resto de idiomas, e que as administracións poderán ofertar chan gratuito para construír centros privados-concertados.

Fernando Lacaci, das Anpa de Compostela, arremeteu contra esta norma por ir en contra da “esencia” da igualdade de oportunidades. “A xente está percibindo moi claramente que unha lei como esta é perniciosa”, considerou.

APOIO POLÍTICO
As protestas deste xoves contarán co apoio de representantes da Executiva do PSdeG, e o propio secretario xeral, José Ramón Gómez Besteiro, acudirá á protesta de Santiago da plataforma na que participan CC.OO. e UGT. Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence participará na protesta da Plataforma Galega en defensa do Ensino Público.

Fonte: El Correo Gallego

Arranca a semana de protestas contra a LOMCE e os recortes en toda España

A semana de mobilizacións contra a política educativa do Goberno arranca este martes 22 de outubro coa folga de alumnos de Secundaria e universitarios de centros de toda España, convocada polo Sindicato de Estudantes, que se prolongará durante o mércores 23 e xoves 24. Este último día, a Plataforma Estatal pola Escola Pública emprazou pais de alumnos, profesores e traballadores do ensino a un paro xeral.

Trátase da primeira semana de protestas deste curso escolar 2013-2014, que conclúe cunha folga xeral do ensino no que, por terceira vez, convocan tamén os pais de alumnos. Xa o fixeron o 18 de outubro de 2012 contra o decreto de racionalización do gasto educativo e o 9 de maio contra a reforma.

Os estudantes de Secundaria e universitarios farán tres días de paro — 22, 23 e 24 de outubro — e celebrarán unha manifestación o 23 pola mañá en varias cidades españolas. A de Madrid percorrerá o centro da capital dende Atocha ata a Porta do Sol.

Os docentes e pais farán tamén paro o xoves 24 e a xornada culminará con manifestacións pola tarde, convocados pola Plataforma –integrada por FAEST, Sindicato de Estudantes, CEAPA, MRP, FE-CC.OO, FETE-UGT, STRES-i, e CGT–. En Madrid, a marcha comezará as 18.30 na praza de Neptuno e rematará na rúa Alcalá fronte ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

O calendario de ‘mobilizacións en verde’ — en alusión á cor das camisetas que inicialmente levaron os docentes da Comunidade de Madrid contra a política educativa do Goberno desta rexión — comezou o pasado 23 de setembro co inicio da consulta cidadá, impulsada pola Plataforma Estatal pola Escola Pública, sobre a futura lei, os recortes e o decreto que endurece os requisitos para acceder ás bolsas.

O resultado da consulta, que finaliza o próximo 27 de outubro, foi rexistrado o xoves 17 pola Plataforma en La Moncloa. Ata agora, máis dun millón de persoas participaron nesta enquisa na que o 99 por cento dos asinantes votaron en contra da política educativa do Goberno. Ademais, os voceiros desta organización entregaron na sede do Goberno unha carta dirixida ao presidente Mariano Rajoy pedíndolle o cesamento do ministro de Educación, José Ignacio Wert, e a paralización do proxecto da LOMCE.

Fonte: Galicia Hoxe

CC BY-SA CIG