Entradas

Outra vez A Limia: SGHN solicita informes e plans oficiais

Dende hai anos e en múltiples ocasións SGHN expuxo os problemas da auga na comarca da Limia debido á contaminación difusa de orixe agrogandeiro e que se estenden augas abaixo polo menos ata o encoro de As Conchas. Todos os datos e análises ata agora coñecidos veñen a corroborar esta afirmación, o cal é lóxico pois baste dicir que na chaira de Antela comen, beben e defecan unha morea de porcos e galiñas, vacas e coellos, todos estabulados en macro-granxas industriais:

  • A produción de feces e ouriños é de 1,35 kg/día no caso do home, 4 kg/día nos porcos adultos, 28 kg/día nas vacas adultas para produción de carne, 45 kg/día en vacas leiteiras, 7 kg/día en terneiros, 100 g/día en galiñas ponedoras e 60 g/día en polos de carne.
  • As táboas de conversión das distintas especies gandeiras a Unidades de Gando Maior (UGM: o equivalente a vacas adultas) indican que en A Limia hai actualmente entre 70.000 e 75.000 UGM de gando estabulado en granxas industriais que en total, a 28 kg/día cada unha, producen entre 2.000 e 2.100 toneladas diarias de zurros e estercos, é dicir, unha cantidade de feces e ouriños semellante a que se xenera nunha cidade de 1,3 a 1,5 millóns de persoas ou, o que é mesmo, a metade da poboación de Galicia.

Dende o punto de vista da xeración de residuos, esta enorme “poboación humana equivalente“ en forma de gando estabulado contrasta coa cativa ”poboación humana real” de tódolos concellos da bacía do río Limia en Ourense (35.000 persoas). Unha simple regla de tres indica que alomenos o 97% dos vertidos xerados procederían do sector agrogandeiro das macro-granxas industriais. Para comparar e contrastar resultados, SGHN acaba de pedir á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil o informe que sobre o tema encargou ao Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), que aportará sen dúbida datos relevantes en relación coa orixe do problema e as súas repercusións.

Ademais do caso concreto da contaminación do recurso auga, SGHN tamén está preocupada pola xestión humana dos restantes recursos naturais da Limia, polo que ven de insistir diante da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para que dunha vez por todas cumpra as súas propias directrices e publique o Plan de Ordenación dos Recursos Naturais da ZEPA da Limia. Pois o atraso (xa de tres anos!!!) na súa aprobación produce un baleiro legal que dificulta a toma de decisións polos axentes implicados e multiplica innecesariamente os problemas socioambientais da comarca e a incerteza da poboación.

Con todo SGHN entende que outra Limia é posible e que se pode compatibilizar a conservación ambiental coas actividades agrogandeiras, e niso segue traballando.

Máis información en www.sghn.org