Entradas

Baía Edicións tamén en Agasallo.eu

Agasallo.eu. é unha plataforma que premite visibilizar os servizos e produtos que creas, fas ou elaboras en galego.

En Agasallo.eu teñen cabida todos os produtos que sexan agasallables e que estean en galego, que o contido lingüístico que teñan sexa en lingua galega.

Por exemplo: libros, discos ou dvd en galego; produtos alimentarios que estean etiquetados en lingua galega; aparellos electrónicos ou teléfonos que teñan a opción de ter os seus menús en galego; xogos ou xoguetes en lingua galega; camisolas ou outros produtos téxtiles que teñan contido lingüístico en galego; produtos de complementos, cerámica, artesanía, vestimenta, etc., que sexan elaborados e distribuídos por empresas ou entidades que teñen o galego como lingua de uso normal; servizos que sexan ofrecidos en galego e por empresas que usan a lingua galega na súa comunicación (hostalaría, experiencias, saúde, etc.); etc.

Baía xa AGASALLA en galego!!!

Agasallo.eu estará operativa a partir do mércores 11 de decembro a media mañá

Promovida pola CTNL, Agasallo.eu preséntase como unha plataforma en liña “que compila, difunde, dá a coñecer e recomenda agasallos en galego de diverso tipo, para todas as idades e para todo tipo de acontecementos e épocas do ano”.

O obxectivo da plataforma é difundir produtos, creacións e servizo que usan o galego entre a cidadanía, promover que os comercios teñan maior oferta de agasallos na nosa lingua, apoiar a produción propia e contribuír a que o consumo teña tamén responsabilidade lingüística.

Nace Agasallo.eu no tempo no que, sen dúbida, a práctica do regalo é máis habitual, mais promete acompañar tamén en aniversarios, nacementos, casamentos, agradecementos, día do libro ou día do pai e a nai.

Para produtos “agasallables e en galego”

Que pode estar na plataforma? Empresas ou entidades que elaboren produtos “agasallables e que estean en galego”. Para difundir as propostas a través da plataforma terán que se dar de alta e pagar unha tarifa anual que vai desde o  50 euros por cinco produtos aos 160 por 25 durante todo o ano. Con eses prezos publicarán directamente os produtos mais se queren que sexan a CTNL quen os suba á plataforma establecese tamén unha reducida tarifa anual. A recadación por este concepto investirase principalmente na difusión e mantemento da plataforma e tamén para gastos de xestión.

A plataforma ofrece tamén unha ferramenta para crear catálogos en pdf para distribuír en entidades, centros de ensino ou empresas, un buscador que indica tipos de agasallo por idade ou prezo ou unha axenda de días especiais para agasallar.

Para partillar da iniciativa e darse de alta na plataforma compre escribir un correo a altas@agasallo.eu ou chamar ao 981757815. A CTNL apunta que cantas máis empresas apoien a iniciativa, máis difusión se lle poderá dar e máis eficaz será a promoción do galego no consumo.

Fonte: SermosGaliza