Entradas

BAÍA ACTUALIZA OS MATERIAIS DA AULA VIRTUAL PARA O CURSO 2015-2016

No ano 2012, co obxectivo de complementarmos os materiais didácticos e textos dirixidos aos niveis educativos de secundaria e bacharelato, Baía Edicións crea a AULA VIRTUAL, proxecto que nace coa idea de facilitarmos tanto ao profesorado como ao alumnado todos os recursos didácticos e materias educativos dos que se dispón de cada un dos libros de texto publicados na actualidade.

Desde esta plataforma pódense descargar materiais para o uso do profesorado, Proxecto curricular establecido e a Programación proposta para cada unha das disciplinas como materiais complementarios de axuda ao profesorado no seu labor didáctico e pedagóxico diario nas aulas tan só co seu REXISTRO.

Debido aos cambios que se están a producir neste momento, convivimos con dúas leis: LOE e LOMCE. Dependendo do curso o libro de texto terá que rexirse pola LOE ou pola LOMCE, e aí os diferentes apartados que se presentan na nosa Aula Virtual. Actualmente contamos con:

Ciencias SociaisLOE

Matemáticas

Economía

Valores éticos

Filosofía Bach.LOMCE

Xeografía e Historia LOMCE

Física e Química

Lingua e literatura

Grego

En cada un dos títulos se especifica o material dispoñible e como descargalo así como información do que se atopará despois de realizar a descarga. Actualmente e, debido a que o currículo definitivo aínda non está dispoñible, contamos con varias mostras dos diferentes proxectos que ofertamos para o próximo curso escolar 2015-2016, que poderán descargarse gratuitamente para a súa visualización.

Baía segue traballando na creación de novos materiais interactivos! En breve… na  AULA VIRTUAL!

Libros finalistas dos Premios da Edición 2013

A Asociación Galega de Editores convoca anualmente os Premios Ánxel Casal da Edición en galego, galardóns que pretenden recoñecer o traballo realizado polos editores galegos ao longo do ano. A presentación de candidaturas e a primeira votación é realizada polos editores e, posteriormente, de entre os libros e proxectos finalistas, o xurado delibera e decide os premiados de cada unha das categorías.

O pasado día 14 de febreiro tivo lugar o reconto e traslado do resultado correspondente aos libros editados en galego durante o ano 2013  e o 17 de febreiro foille comunicado ese resultado aos  editores e aos integrantes do xurado.

Do proceso resultaron finalistas: 

Premio Ánxel Casal ao Libro de Ficción 2013:  Acordes Náufragos de Antón Riveiro Coello;  O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila;  O corazón de Branca de Neve, de  Francisco Castro, editados por Galaxia; O elefante branco de Xesús Fraga editado por Tambre e A Memoria da Choiva de Pedro Feijoo e Matarte lentamente de Diego Ameixeiras editados por Xerais.

Premio Ánxel Casal ao Libro de Poesía ou Teatro 2013: Sobre Ruinas de Xesús Rábade Paredes, editado por Alvarellos; Espiral de Sombras de Xabier Seoane, editado por Kalandraka e Caderno do Nilo de Cesáreo Sánchez Iglesias, editado por Xerais.

Premio Ánxel Casal ao Libro de Non Ficción 2013: Cantares Gallegos, hoxe. Unha lectura actualizada de Rosalía de Castro de María Pilar García Negro, editado por Alvarellos; Corasons do Colectivo Corasons, editado por Kalandraka; Historia da Música en Galicia de Lorena López Cobas, editado por Ouvirmos e Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos Tradicionais de Antón Cortizas, editado por Xerais.

Premio Lois Tobío á Tradución 2013: Ulises, traducido por María Alonso, Eva Almazán, Xabier Queipo e Antón Vialle, editado por Galaxia; Un ianqui na corte do rei Artur, traducido por  Carlos Acevedo, editado por Kalandraka; Tonino, traducido por Yolanda Castaño, editado por OQO; A arte da Guerra de Sun Zi, traducido por Xulio Ríos e editado por Teófilo Edicións; Eneida, traducido por Xoán Fuentes Castro, editado por Toxosoutos e Astérix e os pictos, traducido por  Xabier Senín e Isabel Soto, editado por Xerais.

Premio Isaac Díaz Pardo ao Libro Ilustrado 2013: Nicomedes o Pelado ilustrado por David Pintor e Pan de Millo ilustrado por Dani Padrón, editados por Kalandraka; Oliver Twist ilustrado por Daniela Volpari, editado por Baía.

Premio Neira Vilas ao Libro Infantil e Xuvenil 2013:  As dúas casas de Alicia de Christelle Vallat, traducido por Marica Campo, e O galo Ernesto de Mon Daporta, editados por Baía; A Pantasma da Casa da Matanza de Miro Villar, editado por Biblos; Xogos Musicais de Luis Pregos e Marta Iglesias e Tambo de Laura García Ferro e Victor Castro Martínez, editados por Cumio; O Carnaval dos animais de Jose Antonio Abab e Joao Vaz de Carbalho e Pan de Millo de Migallas e Dani Padrón, editados por Kalandraka; Montañas na Cama de Maricuela, editado por OQO; O elefante branco de Xesús Fraga, editado por Tambre; Bágoa de Lúa de Sabela González, editado por Galaxia e Un rato díxolle á Lúa de Antonio García Teijeiro, editado por Xerais.

Premio Xosefa Iglesias Villaverde ao Libro Educativo 2013: Historia dos bonobos con gafas de Adela Turín e Nella Bosnia, editado por Kalandraka; Historia da literatura galega dos orixes a 1853 de Xosé Ramón Pena Sánchez e Vento e Chuvia. Mitoloxía da Antiga Gallaecia de Manolo Gago, editados por Xerais.

Premio Rosalía de Castro á Iniciativa Editorial 2013: Recursos educativos da Aula Virtual Baía da editorial Baía; Tastarabás. Enciclopedia de Brinquedos tradicionais de Xerais; o Proxecto Corasons de Kalandraka e a serie de animación “Cocorico” de OQO.

Por último, na categoría ao Premio Xosé María Álvarez Blánquez ao autor/autora ou colectivo de autores en lingua Galega 2013 resultaron finalistas Berta Dávila, Manuel Gago e Xosé Neira Vilas.

A entrega dos  Premios da Edición terá lugar no Liceo de Betanzos o próximo 21 de marzo.

Fonte: AGE

Hai un 37,5% de mulleres dentro do sector TIC de Galicia

As mulleres representan o 37,5% do total de traballadores do sector TIC (Tecnoloxías de Información e Comunicación) galego, superando o promedio europeo, que se sitúa por baixo do 36%. A porcentaxe de mulleres empregadas no sector TIC de Galicia mantense estable nos tres últimos anos, aínda que cun boquete de 25 puntos porcentuales entre os homes e as mulleres.

A presenza das mulleres nas empresas tecnolóxicas galegas varía segundo a actividade desenvolvida. O dato máis positivo corresponde ás empresas de telecomunicaciones, nas que as mulleres representan o 46,4% do total de traballadores.

No outro lado da balanza están as comerciais TIC e as autónomas, que en ambos casos están nunha porcentaxe de ao redor do 30% respecto aos homes con este perfil profesional no sector TIC galego.

Foto

Fonte: El Correo Gallego

Baía Edicións vén de poñer en marcha a súa AULA VIRTUAL

Baía Edicións segue innovando no eido da edición e da achega dos seus fondos en versión dixital, desta volta coa creación da Aula Virtual: Plataforma de distribución de recursos didácticos e materiais educativos.

Despois de sermos unha das primeiras editoras galegas en crear unha páxina web interactiva, onde, ademais de proporcionar información sobre os títulos publicados e a visualización das súas novidades mesmo antes da súa distribución e comercialización, se ofrece a posibilidade de comprar os seus fondos na Tenda online Baía. Nesta tenda pódense visualizar as distintas coleccións e os libros que as compoñen, obter información básica de cada un dos títulos: autoría, ilustración, ISBN, páxinas, PVP, comentario da obra, imaxe da capa do libro etc. No caso específico das obras de creación literaria, tanto de adultos como infantil-xuvenil, inclúese un capítulo do libro en formato dixital, co fin de axudarmos aos usuarios da rede e futuros lectores e lectoras a facérense unha idea clara do conxunto da obra, como se se estivese remexendo nas obras que se atopan nas librarías, bibliotecas, espazos de lectura etc.

Ante a demanda de moitos dos usuarios e das usuarias da nosa páxina web, nace en 2011, Espazo editorial Baía, onde se incorporan diariamente novas relacionadas coa actualidade editorial e cultural galega.

Ante o aumento da demanda da información e da necesidade de ofertarmos espazos de participación, materiais e formatos de edición, Baía Edicións  decide ampliar a súa web e crear nela novos espazos onde incorporarmos artigos, recensións, imaxes, vídeos etc. Como consecuencia deste esforzo, xorde un espazo interactivo, onde a editora, os autores e as autoras, colaboradores e calquera persoa que o desexe poden compartir a súa opinión sobre os artigos e informacións que se propoñen como obxecto de debate. Neste novo espazo incorpóranse, á súa vez, varios apartados independentes como os orixinais Xuntanza de escritoras e Encontro coa natureza, que acompañan o xa existente de Novas sobre a actualidade e unha a galería de imaxes e vídeos:

>      En Xuntanza de escritoras son as escritoras as auténticas  protagonistas, incorporando artigos, recensións, notas, relatos etc. Con este faladoiro virtual buscamos que as escritoras falen do seu papel na sociedade, de como ven a literatura…

>       En Encontro coa natureza procúrase achegar a natureza e a súa problemática a todo o mundo (nenos, nenas , adultos, especialistas etc.), incorporando informacións, novidades, recensións de publicacións temáticas, calendario de conmemoracións e actividades dos grupos ecoloxistas e naturalistas, artigos de opinión, consellos medioambientais etc. É dicir, un espazo aberto a cada vez máis amplos sectores da sociedade galega interesados polo medio natural e preocupados pola súa degradación.

Finalmente, e co obxectivo de complementarmos os materiais didácticos e textos dirixidos aos niveis educativos de secundaria e bacharelato, Baía Edicións decide crear a Aula Virtual, proxecto que nace coa idea de facilitarmos tanto ao profesorado como ao alumnado todos os recursos didácticos e materias educativos dos que se dispón de cada un dos libros de texto publicados na actualidade.

A Aula Virtual conta cos libros dixitais de Sociais de 1º e 2º de ESO, dirixidos tanto ao alumnado como ao profesorado, e desde a cal se poden adquirir.

Asemade, desde esta plataforma poderanse descargar tanto o Proxecto curricular establecido e a Programación proposta para cada unha das disciplinas como materiais complementarios de axuda ao profesorado no seu labor didáctico e pedagóxico diario nas aulas tan só co seu rexistro  (http://aulavirtual.baiaedicions.gal/usuario/rexistro).

Defendo o carácter activo da Aula Virtual, Baía Edicións irá incorporando progresivamente novos materiais e recursos que fagan dela un espazo referencial no mundo virtual da edición en galego.

E, como non podía ser doutro xeito, Baía Edicións tamén participa das redes sociais a través do seu Facebook, Twitter e Canal en Youtube.

As axudas a materiais didácticos en galego continúan a descender

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de axudas á edición de materiais didácticos en galego. En total, a Consellaría de Cultura destína 250.000 euros para este fin, aos que poden obtar as editoras da nos país. O orzamento supón unha diminución de 50.000 euros sobre a anterior convocatoria, e continúa na liña descendente desta liña de axudas, que arrincaba en 2008 con 1,05 millóns de euros. En 2011, a suspensión da convocatoria por problemas orzamentarios motivara unha forte polémica. Entre os criterios que se consideran na actual xeira está o feito de seren materiais orixinais e da súa adaptación aos contidos curiculares ou a calidade da lingua empregada. A convocatoria vai dirixida tanto a material impreso como a outros soportes.

Fonte: Culturagalega

Accede aos LIBROS VIRTUAIS de BAÍA EDICIÓNS

Para poder acceder aos libros virtuais de Baía Edicións debes rexistrarte na nosa Aula Virtual.

Instrucións para utilizar os libros virtuais:

  • Descarga no teu lapis de memoria unha copia do libro desde a Aula Virtual.
  • Pídelle un código de activación ao teu profesor ou profesora.
  • Abre o libro facendo dobre click sobre el, e introduce o código de activación (só terás que facelo a primeira vez!).
  • Aproveita a experiencia do libro dixital interactivo, non só no centro senón tamén na casa!

Se tes algún problema ou dúbida durante a instalación ou o emprego do libro, seguramente a resposta estea aquí.