Entradas

Exposición NÓS SOMOS ELAS

A exposición NÓS SOMOS ELAS, organizada pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, xunto coa Área de Igualdade da Deputación da Coruña, e a colaboración do Concello de Laxe, permanecerá na Mariña desde o 1 ata o 30 de agosto.

Son 24 fotografías do fondo do Arquivo Fotográfico Vidal que forma parte da colección permanente do Museo do Mar de Laxe e vinte e catro voces poéticas para servir de elo coa imaxe:

  • Ana Romaní
  • Antía Otero
  • Berta Dávila
  • Chus Pato
  • Clara Vidal
  • Dores Tembrás
  • Eli Ríos
  • Emma Pedreira
  • Estíbaliz Espinosa
  • Eva Veiga
  • Helena Villar Janeiro
  • Lucía Aldao
  • Lucía Novás
  • Luz Pozo Garza
  • María do Cebreiro
  • Marica Campo
  • Marta Dacosta
  • Medos Romero
  • Mercedes Queixas
  • Miriam Ferradàns
  • Olga Patiño
  • Pilar Pallarés
  • Rosalía Fernández Rial
  • Yolanda Castaño

 

NÓS SOMOS ELAS quere ser a memoria do futuro. Se as fotos de Xosé Vidal son a memoria do pasado, a poesía é a memoria do futuro, é o plano para ollar, para volver a remirar.

Contra a desmemoria e o silenciamento do mundo rural e mariñeiro, a forza das mulleres que miran (nos) e semellan tamén escoitar o que temos que dicir.

NÓS SOMOS ELAS é o eloxio desde mundo rural e mariñeiro que dá visibilidade a certo vínculo emocional entre esa fotografía de mulleres e a palabra poética. Palabra poética que abre portas a entender, mais tamén que respecta o misterio, a beleza, o deleite nu…

Vinte e catro fotografías e vinte e catro poetas, desde as novísimas ás consagradas… para prestar vida a través da palabra, para descubrir sutilezas, praceres, significados, historias fracturadas…

Esta exposición Nós Somos Elas quere ser tamén unha mensaxe de esperanza, a certeza de que o futuro será mellor.

 

O GOCE DO ARREPÍO: PRESENTACIÓN DE INFERNO E ORQUESTRA

O terror obedece a pulsións fondas, queda disimulado por capas e capas de cultura e convencións sociais e o mundo da imaxinación de cando en vez decide exorcizalo argallando historias que rañan neses medos e logo lemos ou contemplamos nunha mestura deliciosa de angustia e ledicia.

Gústanos ese espanto desenvolvido en páxinas ou fotogramas por canto nos permite revisar sen perigo os abismos escuros íntimos e colectivos e seica recapitular sobre a nosa seguridade presente. Un terror que dispón de moitas formas, pois nos asusta aquilo que apela á nosa tranquilidade mental e emocional, pero tampouco soportamos os riscos sobre a nosa integridade física. Arrepiámonos así tanto ante o atentado á nosa percepción dun aparecido, como ante a ferida e o sangue pola furia dun lobishome. Dous bos exemplos estes da iconografía galega do medo, á que tamén habería que engadir a Santa Compaña, meigas ou sacaúntos,  entre outras figuras do imaxinario autóctono. Todas configuraron moitos dos sustos e pesadelos do país, pero o temor é un corpo multiforme que engorda con achegas de todos lados, incluso de aquelas orixinarias de vellas películas americanas de serie B cheas de vísceras e sangue.

Traio, pois, a Xuntanza de Escritoras unha historia de terror por episodios na que casan elementos tan distantes (e paradigmáticos) como zombis caníbales vítimas dunha infección e festas patronais dunha parroquia afastada. Os monstros posmodernos fronte ás celebracións tradicionais nunha mestura que conforma unha novela curta e, podemos falar de novidade, escrita por unha muller, pois aínda segue a ser minoritaria a presenza feminina na autoría deste tipo de historias. Inferno e orquestra son nove capítulos nos que un grupo de xente corrente se ve inmersa nun pesadelo que os obrigará a loitar pola súa vida, unha das premisas básicas do xénero.  Hoxe presentamos o primeiro deles onde coñeceremos á maioría dos personaxes principais e o inicio do desastre nunhas paisaxes próximas e escenarios cotiáns.

Co desexo de que pasen un rato distraído (e se arrepíen), invítoos/as cordialmente a pasar polas Festas de San Xacobe.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto

Texto: Conchi Regueiro