Entradas

Nova edición do encontro literario Coruña Mayúscula no Centro Ágora

22 autores participan no encontro literario Coruña Mayúscula. Historias, encontros con autores, talleres literarios, espectáculos… todo o que rodea a PALABRA. Do 25 ao 28 de marzo, A Coruña será o centro da mellor literatura con este Festival, un macroevento literario que se celebrará no Centro Ágora. O Premio Príncipe de Asturias das Letras John Banville, Lorenzo Silva, Toni Hill ou Alfredo Conde son algúns dos participantes da iniciativa que toma este ano a novela negra como eixe. O papel da muller no xénero negro, a relación entre plaxio e homenaxe neste ámbito ou a situación da narrativa policial en Galicia son algúns dos temas que se abordarán.

Autoras e autores galegos participan nos encontros da Federación Galeusca

Cesáreo Sánchez Iglesias, Mercedes Queixas Zas, Ledicia Costas e Suso de Toro compoñen a delegación galega no encontro anual da Federación Galeusca. Esta entidade que agrupa a escritores vascos, galegos e cataláns, celebra a súa xuntanza o vineiro sábado 4 en Barcelona cun programa que inclúe a presentación de estudos sobre a mellora da condición profesional no mundo da cultura e a situación dos escritores en catalán. A Federación desenvolverá no mesmo encontro a súa asemblea anual.

Fonte: Culturagalega. Foto

O anteproxecto de Lei de Propiedade Intelectual elimina os dereitos de autoría do libro educativo

O presidente de CEDRO, Pedro de Andrés, asegura nunha entrevista realizada para blog da entidade, que o anteproxecto de Lei de Propiedade Intelectual acaba cos dereitos de autoría para os libros educativos, pois non se contempla a compensación de autores e editores, asegurando que supón unha expropiación.

Os autores e editores recibirán  xa un 70% menos durante este ano e as actividades de CEDRO quedaron reducidas á mínima expresión, explica  De Andrés, afirmando que a situación actual supón unha clara discriminación dos autores e editores españois en relación aos doutros países do entorno, onde dispoñen de fortes sistemas de propiedade intelectural. Esta realidade tamén vai afectar á sociedade no seu conxunto pola merma da creación, a renovación e a innovación.

Fonte: AGE

Dispoñíbel unha ferramenta de balde para achegarnos ao enoturismo galego a través dos móbiles

Turismo de Galicia, Turgalicia, presentou este mércores 13 de febreiro unha nova ferramenta para a promoción do enoturismo e a enogastronomía botando man dun recurso que se afianza cada vez máis entre os viaxeiros que percorren a nosa terra: os teléfonos intelixentes. O recurso dado a coñecer poderase descargar de balde, previa introdución dos termos “enoturismo” e “galicia”, para iPhone, trebellos con Android ou Blackberry. O servizo inclúe tres linguas de uso, galego, castelán e inglés, e achega información de utilidade subministrada polas asociacións das Rutas dos Viños de Galicia, correspondentes a cada unha das Denominacións de Orixe Protexida vitivinícolas galegas: Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra, Ribeiro e Rías Baixas.

Os datos, que foron complementados e avaliados en detalle por Turgalicia, serven entre outras cousas para amosarnos en detalle as características de cada D. O, dos contornos xeográficos que abranguen e dos seus caldos.

Un dos piares sobre os que se apoia o servizo é a tecnoloxía GPS que vén inserida nos devanditos móbiles. Grazas a ela, achégase a localización do usuario de xeito inmediato e exacto e, a partir de aí, a dirección que ten que tomar para chegar ao seu destino enolóxico ou enogastronómico, “superándose con isto as dificultades de sinalización dada a complexidade xeográfica e orográfica do territorio”, sinalouse na presentación do servizo, no que participaron a secretaria xeral para o Turismo, Nava Castro, e máis a xerente de Turgalicia, Carmen Pita. Outra das características da ferramenta na que fixeron fincapé é no proceso de optimización informativa ao que está sometida de continuo. Así, fixeron saber, “a información actualízase en tempo real cada vez que se introduce nova información na web de Turismo de Galicia, dado que esta aplicación está deseñada para ler inmediatamente a información da base de datos de Turgalicia, cousa que permite que as actualizacións sexan continuas e que a ferramenta goce da axilidade e flexibilidade necesarias para afrontar os rápidos cambios tecnolóxicos do sector turístico”. Segundo explicou a secretaria xeral durante a presentación, “con esta acción, Turismo de Galicia consegue situar á nosa comunidade autónoma como unha das primeiras que deseña un proxecto de promoción integral para o desenvolvemento de todo o noso sector enoturístico usando as máis actuais tecnoloxías”.

Pulo á enogastronomía

Segundo explicou Nava Castro, a iniciativa presentada insírese no Primeiro Plan de Enogastronomía de Galicia, un programa de acción que combina o pulo a nivel internacional do noso sector vitivinícola e gastronómico. A secretaria xeral tamén salientou a aposta pola Calidade Turística de Galicia e a súa incidencia no eido enoturístico. “Ademais de ser a Comunidade Autónoma Española na que máis medrou a cifra de establecementos certificados coa Q de Calidade Turística e de ser líder no sector de balnearios, turismo rural ou turismo activo, somos tamén a primeira comunidade en certificacións Q de Calidade Turística no sector do Turismo Industrial porque 9 das 11 adegas certificadas de España co distintivo Q están en Galicia, o 81,8 por cento”, dixo.

Fonte: Codigocero

O Xabarín Club recibirá o premio de honra da Academia Galega do Audiovisual

Son moitos os motivos polos que a Academia Galega do Audiovisual decidiu darlle o seu premio de honra, Fernando Rei, a un programa de televisión como é o Xabarín Club. Primeiro porque foi “un espazo pioneiro no concepto imitado posteriormente pola maioría de canles”, segundo porque “conseguiu espallar a lingua galega polos fogares da nosa comunidade dando nome a toda unha xeración: A xeración do Xabarín”. Pero tamén porque “foi plataforma de base para actores, actores de dobraxe e incluso músicos” e mesmo chegou a xerar un xénero musical propio: o bravú. O programa, que chegou a ter cen mil socios, pervive mantendo a súa esencia e por iso a Academia lle concede este premio de honra. Entregarase no marco da Gala dos premios do Audiovisual Galego que terá lugar o 6 de abril no Pazo da Ópera da Coruña baixo a dirección de Dani de La Torre. Os finalistas saberanse este venres 15 de febreiro da boca de Luis Tosar e Camila Bossa.

Fonte: Culturagalega

Os Premios da Cultura Galega 2012 entréganse a vindeira semana no Gaiás

Salvador García Bodaño, Manuel Quintana Martelo e Manuel Rodeiro serán algunhas das personalidades que o próximo 21 de febreiro estean convocadas na Cidade da Cultura para recoller os Premios da Cultura Galega 2012, neste caso nas categorías de Letras, Artes Plásticas e Música, respectivamente.

Así, o Centro de Innovación Cultural da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acollerá a partir das 19.00 horas do día 21 o acto no que se entregarán estes galardóns convocados pola Xunta de Galicia.

Ademais destes tres premios, tamén será recoñecida o labor do grupo de teatro Airiños na categoría de Artes Escénicas, da Asociación Internacional Estudos Galegos na categoría de Promoción Cultural de Galicia e de Miguel Anxo Fernández no apartado de Creación Audiovisual. A Fundación Eduardo Pondal recollerá o premio ás Iniciativas en favor do Patrimonio Cultural.

A Xunta de Galicia convoca estes premios anuais co fin de recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, a conservación e a posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do capital creativo galego. Os galardoados recibirán como premio unha escultura realizada polo artista ourensano Xosé Cid.

Fonte: GaliciaHoxe

Foto: Xunta