Entradas

As peaxes nas autovías e o problema da periferia galega

Nin si, nin non, nin todo o contrario. Fomento medita cobrar peaxe nas autovías a partir do vindeiro 2013. Semella decidido, pero non hai membro do Goberno que se atreva a confirmar unha decisión que saben que sería unha importante pinga máis no vaso do descontento social polos recortes e o aumento do cobro en determinados servizos públicos como educación ou sanidade. Incluso a titular do ministerio implicado, Ana Pastor, saíu pola tanxente cando se lle preguntou por esa posibilidade.

“Traballamos por un transporte en España que sexa máis eficiente e de calidade e que supoña a menor carga posible ao erario público; é todo o que podo dicir a día de hoxe”, asegurou a ministra de Fomento en Asturias. O que cala outorga, disque. En Galicia, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, non desmentiu a posibilidade dese cobro extra nas autovías até o de agora gratuítas, pero coidouse moito de ampliala a nivel galego. “A Xunta non ten previsto aplicar peaxes nas autovías de titularidade autonómica”, dixo no Parlamento tras as preguntas da oposición, pero non puido negar que esa sexa a idea para as de titularidade estatal: “É algo que se está a considerar pero, en todo caso, (o cobro) estaría vinculado ao mantemento destas propias autovías e consistiría en que o usuario contribúa a financiar o mantemento destas estradas”.

Se facemos caso ás palabras de Puy, os condutores non terían que pagar peaxe nas autovías autonómicas, pero si o farían nas de titularidade estatal: a Autovía do Noroeste e a das Rías Baixas, que suman un total de 465 quilómetros, bastante máis da metade do total de quilómetros de autovías, que suman preto dos 700. O pago nestas estradas uniríase ao que xa se fai nas autopistas que percorren o país e que superan os 300 quilómetros.O 43% da rede de alta capacidade de Galicia é de pago, fronte ao 25% no conxunto de España

Galicia xa conta cunha porcentaxe de autopistas de pago en relación ás autovías gratuítas moito maior que no conxunto de Estado. O 43% da rede de alta capacidade de Galicia é de pago, fronte ao 25% a nivel estatal (3.000 quilómetros de pago fronte aos preto de 12.400 de autovías). A implantación do que xa se denomina “peaxe branda” nas autovías prexudicaría de maneira clara a Galicia, non só pola relevancia que teñen na vertebración do país, senón polo carácter periférico da comunidade autónoma.

Así o cre tamén Carlos Nárdiz, experto na temática e decano do Colexio de Enxeñeiros, Canles, Camiños e Portos de Galicia.  “Somos unha rexión periférica dentro dun Estado periférico”, advirte, tras destacar que “a competitividade económica ten tamén moito que ver cunha dotación de infraestruturas axeitadas”. “De aplicarse esta peaxe branda, debería facerse de xeito igualitario en todo o territorio español, pero establecendo unhas marxes que puidesen aplicar as autonomías e que permitise ter certa flexibilidade para que as zonas periféricas aplicasen unha taxa mínima que se limitase unicamente aos gastos de conservación”, explica Nárdiz, que cre que sería unha forma de non afectar “a competitividade económica de Galicia”.O Colexio de Enxeñeiros propón flexibilidade na aplicación da peaxe para que non afecte a competitividade dunha rexión periférica como Galicia

A construción de autovías en España, como tamén lembra Nárdiz, fíxose con fondos europeos e co obxectivo de integrar zonas periféricas como a Península Ibérica na área central máis potente economicamente. A instauración de peaxes, de facerse de maneira unitaria, suporía un revés para unha Galicia “coa dobre condición periférica”. O decano do Colexio de Enxeñeiros recoñece que a decisión do Goberno “é complexa”, pero entende que é o lóxico de seguir a senda do resto de países europeos. “Hai que profundar en establecer algún tipo de tarifas porque España ten un modelo singular que xa non existe na Unión Europea, que leva tempo aplicando a Euroviñeta”, di Nárdiz, en referencia ao pago que grava o transporte pesado e non os particulares, xusto o contrario do que se está a propoñer desde o Goberno central.

Para Carlos Nárdiz, a Administración “debería explicar moi ben a proposta”, xa que a medida “é impopular, e máis nesta crise que está a afectar de maneira inxusta a uns sectores máis que a outros”. De todos os xeitos, o decano do Colexio de Enxeñeiro entende que a cidadanía “debería sentir que, de aplicarse a medida, tamén repercutiría favorablemente na conservación de todas as estradas, non só das que se vexan afectadas pola peaxe, senón nas estradas alternativas que deberían ser mellores e máis seguras”.

Podería ser, pero a experiencia en Galicia non é moi positiva. As queixas polos elevados custos das peaxes nas autopistas galegas son constantes, ao igual que polas deficiencias no seu mantemento. Hai catro anos, un colapso mantivo incomunicadas durante catro horas as principais cidades de Galicia tras unha xeada que cubriu a AP-9. Abríronse expedientes xudiciais sobre a responsabilidade penal de Audasa, empresa concesionaria, por neglixencias graves e incluso se abriu o debate sobre a nacionalización da Autoestrada do Atlántico. Todas as forzas políticas galegas responsabilizaron a empresa pola súa malia xestión e reclamaron a súa titularidade pública. A día de hoxe, percorrer en ida e volta a AP-9 de norte a sur (de Ferrol a Tui) costa 35 euros e a concesión esténdese até o ano 2045.

As protestas pola implantación da peaxe no tramo A Coruña-A Barcala da AG-55 tamén foron constantes durante anos, ao igual que as dúbidas sobre a eficiencia da autoestrada de peaxe entre Santiago e Ourense, cuxo tramo costa 5,50 euros e cuxa concesión non remata até o ano 2074. En Cataluña, a concesionaria Albertis calcula que 2.500 condutores, un 1,5% dos usuarios sa AP-7 e da AP-2, secundaron a campaña #novullpagar, iniciada por un condutor que hai quince días colgou un vídeo en internet na que se negaba a pagar a peaxe. A protesta, apoiada por Esquerra e Solidaritat, denuncia o que consideran unha inxustiza polo elevado e masivo das peaxes.

En Galicia, a oposición xa deixou claro o seu rexeitamento á proposta de pago nas autovías. Dende o PSdeG Abel Losada lembra que estas infraestruturas viarias “construíronse cos impostos de todos os cidadáns”, “moitas delas con fondos europeos”, polo que, de aplicarse, trataríase dun “novo repago despois de cobrar impostos”. “Se o Estado precisa fondos, o que ten que facer é unha reforma fiscal progresiva, equitativa e xusta”, xa que “calquera outra alternativa” non supón outra cousa que “abrir a porta ao negocio privado”. Na mesma liña, a voceira do BNG, Ana Pontón, advirte que, de concretarse, este sería “un novo imposto regresivo” para os cidadáns, como xa o é o IVE, que ademais “suporía un problema para a reactivación da economía” e non suporía solución ningunha para a crise económica. A decisión, o vindeiro venres no Consello de Ministros, do que se espera agora un pagamento para as autovías que antes eran gratuítas.

Fonte: PrazaPublica