Entradas

O CARBALLO segue dando que falar

O blogue de Proxecto Voz Natura (Custodia do territorio e biodiversidade) do CEIP de Sada e Contornos recomenda o libro d´O Carballo, de Calros Silvar.

“O carballo é unha árbore emblemática de Galicia. Neste libro de Calros Silvar, o Carballo cóntanos como é a súa vida e as relacións cos demais seres vivos do seu ecosistema, con quen se leva mellor e quen o amola. Tamén nos recorda o importante que foi e é para as persoas, e como estas son na actualidade o seu maior inimigo. Alerta dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza.

Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén, e de forma moi especial, o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

Calros Silvar é integrante da Fundación Fragas do Mandeo e neste curso agasallounos cos magníficos cromos que ilustran o álbum “Custodiamos a biodiversidade da natureza de As Mariñas” dentro do proxecto Voz Natura no que participa o noso centro.

O Carballo é un libro para ver, ler e compartir”.

Podedesde velo no ricón de Voz Natura da biblioteca.

http://voznaturasada.blogspot.com.es/

Compendio de herbas máxicas, de Montse Rubio

Antigamente homes e mulleres vivían fortemente ligados á natureza, tanto é así que as súas actividades vitais estaban vinculadas aos seus ciclos naturais e, polo tanto, eran grandes observadores das súas bondades e crueldades.

Co tempo fixémonos moi hábiles no coñecemento das súas calidades, sobre todo das plantas, usándoas para curar  e cubrir as nosas necesidades físicas e espirituais.

Só recentemente, co desenvolvemento da ciencia moderna, se deixou de lado o uso místico e espiritual das plantas, relegándoo en pouco tempo case ao esquecemento.

Este libro pretende ser unha homenaxe a ese uso “máxico-espiritual” relegado e ás meigas, feiticeiras e meigos, que, co seu bo facer, axudaron e axudan aínda hoxe en día a tantas persoas.

Con todo, non está de máis ter en conta que a natureza é unha arma de dobre fío e, por iso, espero que saibades empregar este Compendio non como un manual de consulta, para iso hai outros libros, senón como un achegamento a un aspecto tan importante da nosa tradición cultural, real-fantástica.

Máis información

Gañadores do concurso d’O CARBALLO con Cultura galega

Baía Edicións e Cultura Galega quixeron agasallar cun libro sobre a árbore máis característica do noso país. Para gañar só tiñas que demostrar que coñecías O CARBALLO. Cinco libros dO Carballo de Baía Edicións foron sorteados entre aqueles que contestaron correctamente unha sinxela pregunta: Como se chama o froito do Carballo?

Entre todos os nomes dos participantes levouse a cabo un sorteo cun programa de selección aleatoria que elixiu cinco nomes de xeito correlativo.

Respostas correctas: Landra ou belota (as dúas están recoñecidas pola RAG)

E os gañadores/as foron:

1. Mar Iglesia Cabaneiro

2. ÁngelaÁlvarez Morandeira

3. Sergio Rojo Martínez

4. Antón Romero Ces

5. Mar Corbelle Valiño

Parabéns a todas e todos!

‘O carballo’ preséntase hoxe na Casa das Ínsuas

Baía Edicións e A Casa das Ínsuas (Rábade) convidan a todas as nosas usuarias e usuarios ao acto de presentación de O CARBALLO, de Calros Silvar que terá lugar o xoves día 3 de xaneiro de 2013 na C.E.N. Casa das Ínsuas (Rábade) á 13:30 h.

 

ACTO DE PRESENTACIÓN D’O CARBALLO, DE CALROS SILVAR EN CULTURGAL

O acto de presentación terá lugar mañá sábado día 1 de decembro, ás 17:30 horas, na Tenda do Culturgal (Pazo da Cultura de Pontevedra, R/ Alexandre Bóveda, s/n. Tel.: 986 800 471), d’O carballo, da autoría do escritor e ilustrador ferrolán Calros Silvar, quen, asemade, asinará exemplares da súa obra. Esta obra está editada por Baía Edicións na versión galega, por Cossetania na edición catalá e conxuntamente por Ártabro e Lectio Ediciones, para edición en castelán.

Breve comentario sobre a obra:

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.