Entradas

ABC

Álvarez Torneiro gaña o Premio Nacional de Poesía

O escritor Manuel Álvarez Torneiro (A Coruña, 1932) foi galardoado co Premio Nacional de Poesía 2013 pola súa obra Os ángulos da brasa, publicado na colección Tambo de poesía de Faktoría K. Este premio concédeo o Ministerio de Educación, Cultura e Deportes do estado español para obras editadas no ano anterior.

Os ángulos da brasa xa merecera o Premio da Crítica Española 2012, o Premio Ánxel Casal de Poesía 2012 que outorga a Asociación Galega de Editores e o Premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega 2013. Agora suma este galardón, que se entrega por vez primeira a unha obra escrita en galego.

O poemario de Álvarez Torneiro consta de 67 composicións divididas en tres seccións -Trama de vida, Terreal e sagrado e Tapiz de cinsa- nas que o poeta reflexiona sobre a cotidianeidade, as emocións íntimas e os pensamentos existenciais, xogando coa dimensión simbólica da palabra.

O xurado desta edición do Premio Nacional de Poesía estivo formado por Basilio Losada, designado pola Real Academia Galega; Inés Fernández-Ordóñez, pola Real Academia Española; Amaia Jauregizar, pola Euskaltzaindia; Susana Rafart, polo Institut d’Estudis Catalans; María Isabel López, pola Conferencia de Rectores das Universidades Españolas (CRUE); Juan Ángel Juristo, pola Asociación Colegial de Escritores de España (ACE); Juan José Lanz, pola Asociación Española de Críticos Literarios; Ramón Sánchez-Ocaña, pola Federación de Asociaciones de Periodistas de España (FAPE); María Ángeles Egido, polo Centro de Estudios de Género; Jaime Siles, polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte; a galardoada na edición de 2011 Francisca Aguirre e o galardoado na edición de 2012, Antonio Carvajal. Actuou como presidenta a directora xeral de Política e Industrias Culturais e do Libro, Teresa Lizaranzu, e como vicepresidenta a subdirectora xeral de Promoción do Libro, a Lectura e as Letras Españolas, Mónica Fernández.

Fonte: Fervenzas literarias

Foto: ABC

Baía Edicións presenta na Coruña o poemario RESINA DE POLIÉSTER, de CORREA CORREDOIRA

Monty4 e Baía Edicións presentan o poemario Resina de poliéster, de Correa Corredoira, que terá lugar en Monty4. Arte contemporáneo (Rúa Montroig, 4 –zona Orillamar–) o xoves día 23 de maio, ás 20:00 horas, en que intervirá, ademais do autor, Lino Braxe.

Celebrarase unha lectura dos poemas con música de Miguel Ladrón de Guevara (guitarra) e Ismael Berdei (piano).

Teresa Barberena contribúe ao Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a muller co poema ‘B/Valor’

Como o 25 de novembro é o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller quero contribuír a esta data publicando no espazo “Xuntanza de escritoras” o poema B/Valor.

A peza divídese en catro partes. As tres primeiras, Babuña, Bategada e Balloada, son intensidades da choiva. A babuña (ou orvallo); a bategada, (o chaparrón); e a balloada, (a choiva prolongada). Estes versos fan referencia á violencia contra a muller, neste caso, María, que está chea de Balor polas breas (palizas), polas bategadas continuas. A última parte, Escampa, é a liberación grazas a que María consegue encherse de Valor.

O ritmo do poema e o son das palabras, na primeira parte maioritariamente compostas de -b e -p e na última de -v, buscan que o lector sinta a dor de María. Acaba o poema con esperanza grazas ao valor de moitas mulleres de voar, de agarrar a vida.

Se queres ler o texto clica aquí.

Presentación do libro ‘Prenderei a lareira’ na tradicional festa de Ferramulín

Poesía, música galega, polvo e bolos cletas na primeira fin de semana de agosto en Ferramulín (2011). Despois da tradicional partida de bolos celtas, Vicente Reboleiro reuniu no campo da festa toda a veciñanza e fixo a presentación do seu libro Prenderei a lareira, na que se leron poemas que homenaxean o seu Courel sentido, vivido e amado, con esa rica linguaxe courelá, harmoniosa e musical, que nos transporta ao seu mundo, seguindo a tradición do seu mestre, Uxío Novoneyra. Houbo bágoas de emoción das veciñas e veciños, que vían os seus nomes e costumes inmortalizados neste seu libro que xa no poema preliminar é toda unha declaración de intencións:

Prenderei a lareira

e arderei de amor

aos devanceiros

Felicitar a veciñanza por ser quen de organizar por segundo ano consecutivo a tradicional festa que levaba máis de 30 anos sen celebrarse e na que, ademais da alborada, misa de campaña e sesión vermut, puidemos gozar do campeonato de bolos celtas, poesía, gaitas galegas, polbo e a popular verbena. Ao final da presentación, Uxío, un rapaciño de cidade que descubriu esta terra e xa non pode facer outra cousa que querela, leu un poema do libro que representa moi ben o que alí ocorreu:

A Patria

ARREDOR do lume da lareira

soaban as gaitas galegas,

danzaban as lapas,

brincaban as moxenas!