Entradas

A Xunta amplia as axudas aos medios a un mes das eleccións

O pasado 8 de xuño o Diario Oficial de Galicia publicaba a convocatoria das axudas “destinadas a empresa xornalísticas e de radiodifusión” correspondentes ao ano 2012. Daquela a Secretaría Xeral de Medios, órgano con dependencia directa da Presidencia da Xunta, dotou estas axudas cun crédito de 1,7 millóns de euros, dos que 1,3 terían como destino “xornais escritos”, 300.000 “empresas radiofónicas privadas” e os restantes 100.000 “empresas xornalísticas que transmitan a súa actividade informativa mediante Internet”. Como adoita acontecer nas convocatorias de subvencións, esta resolución sinalaba que as dotacións iniciais poderían variar en función de que existise unha “maior dispoñibilidade orzamentaria”, como marca a lei de subvencións. As axudas iniciais contaban cun crédito de 1,7 millóns, que agora é ampliado.

En tempos de recortes e de redución xeral dos importes das subvencións e axudas públicas estas achegas aos medios de comunicación seguen a ser a excepción. Así, ao contrario do que aconteceu con outras convocatorias de axudas nos últimos anos -como as destinadas, por exemplo, a asociacións culturais- este organismo público vén de considerar, cando apenas resta un mes para as eleccións autonómicas, que “existen dotacións dispoñibles” para poñer en marcha unha “variación” derivada dunha “maior dispoñibilidade orzamentaria”. Por este motivo, explica Medios nunha resolución publicada este martes no DOG, “cómpre modificar o importe dos créditos inicialmente asignados”. A “finalidade” é “manter esta acción de fomento en niveis axeitados.

Así as cousas aos 1,7 millóns iniciais engádese unha achega adicional, non tan significativa pola súa contía -en comparación co montante total das axudas- senón polo momento no que se produce. Nomeadamente, a “contía máxima dos créditos destinados a dar cobertura orzamentaria” ás subvencións aos medios sobe en 76.927,28 euros. Esta ampliación non afecta aos prazos previstos na resolución inicial polo que, agás que a Xunta decida reducir os seis meses previstos -a contar dende comezos de xullo-, será o Goberno saído das urnas o 21-O o que as resolva. Isto sucederá, polo tanto, tras unha lexislatura na que, malia ás promesas formuladas por todos os partidos en campaña electoral, tampouco saíu adiante un marco legal para regular a relación do Goberno galego cos medios e, dentro dela, estas axudas.

Fonte: Praza