Entradas

Libro dixital

Baía Edicións, pioneira entre as editoriais de ámbito galego no desenvolvemento do libro de texto virtual, dentro da integración plena das TIC na práctica educativa en Galicia, presenta o

Libro de SOCIAIS de 1º da ESO

Co inicio do curso, Baía Edicións pon á disposición da comunidade educativa o libro electrónico do alumnado. Podes descargalo no teu lapis de memoria, e activalo co código persoal que recibirás do teu profesor ou da túa profesora.

Instrucións para utilizar o libro:

  • Descarga no teu lapis de memoria unha copia do libro desde aquí.
  • Pídelle un código de activación ao teu profesor ou profesora.
  • Abre o libro facendo dobre click sobre el, e introduce o código de activación (só terás que facelo a primeira vez!).
  • Aproveita a experiencia do libro dixital interactivo, non só no centro senón tamén na casa!

 

Encontro coa natureza

Este Encontro coa Natureza de Baía Edicións pretende ser un lugar de reunión para os amantes da natureza, sexa cal sexa a súa idade e condición, tamén un espazo aberto ao intercambio de opinións, experiencias, traballos e propostas de cantos desexen participar nel.

A nosa idea é ter un espazo para falarmos de natureza, utilizando unha linguaxe de fácil comprensión e posibilitando a participación de todas aquelas persoas que teñan algo que dicir sobre o medio natural e a necesidade de afondar nunha conciencia crítica colectiva e individual para frear as agresións que sofre e preservalo nas mellores condicións ambientais para xeracións futuras. Tamén para quen traballan no medio urbano e buscan modificar comportamentos adquiridos e que provocan un grave deterioro de vilas e cidades. Asemade, o esforzo, divulgación e propostas alternativas para conseguir a erradicación das situacións de inxustiza contra as persoas, especialmente no chamado Terceiro Mundo e países en vía de desenvolvemento, e a loita pola paz mundial tamén queremos que teñan cabida neste Encontro.

Para facermos avanzar este proxecto contaremos coa colaboración de algunha autora e/ou autor das guías que forman corpo na colección Baía Verde desde o terreo da investigación, da divulgación naturalista e da concienciación ecoloxista, pero é o noso obxectivo, como queda apuntado anteriormente, que o máis axiña posíbel poidamos contar tamén coa participación e compromiso social de todos aqueles que gozades das moitas posibilidades que a natureza nos ofrece e vos indignades ante a súa degradación e/ou destrución.

Neste curruncho verde queremos tratar as cuestións que teñan relación co medio natural desde todas as perspectivas posíbeis. É por iso que vos convocamos, sexades grupos organizados ou persoas a título individual, investigadoras, naturalistas, ecoloxistas, expertas no seu estudo ou simplemente afeccionadas, a que nos acheguedes as vosas experiencias, opinións, propostas, proxectos, convocatorias de actividades, información de observacións, fotos e todo canto consideredes de interese divulgar nun foro como este que vos propoñemos.

Este espazo contará con artigos de colaboradores (estábeis e/ou puntais) sobre temas de actualidade, cuestións que vos preocupen ou opinións sobre temas que teñan á natureza e a súa problemática como eixo central. Faranse recordatorios de conmemoracións-efemérides relacionadas coa natureza e a problemática ambiental. Realizarase unha escolla de prensa con temática ambiental e se incorporarán noticias de observacións de especies no noso país, o decurso das estacións/acontecementos estacionais característicos, lúas e mareas. Tamén se falará do equipamento, técnicas, consellos e trucos sobre xeneralidades e disciplinas diversas (observación, debuxo, fotografía…) e, incluso, consellos medioambientais, como achegar o noso gran de area para acadar un planeta sustentábel e con futuro.

Agardamos que este espazo cumpra todos estes obxectivos e que este Encontro coa Natureza sexa, grazas ás vosas suxestións e achegas, un espazo activo, útil, interesante, e no que teñan cabida para todas e todos os amantes da natureza e defensores do noso planeta. Só co voso apoio será posíbel!

Texto: Baía Edicións