Entradas

Miles de manifestantes en Santiago en defensa da “lingua que nos une”

Miles de cidadáns acodiron este domingo á chamada da plataforma Queremos Galego a manifestarse en Santiago en defensa do galego baixo o lema ‘Pola lingua que nos une. Queremos galego na escola’. A plataforma, impulsada e coordinada pola Mesa pola Normalización Lingüística e conformada por máis de 700 entidades, pide a derrogación do coñecido como decreto do plurilingüismo e a retirada do proxecto da LOMCE, que os detractores denominan “lei da Wertgoña”.

A manifestación, para a que a organización fletou autobuses desde localidades das diversas bisbarras de Galicia, empezou con case media hora de retraso sobre o horario previsto, as 12:00 horas. A protesta é apoiada por líderes dos partidos da oposición, PSdeG, Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) e Bloque. Participaron na manifestactón os socialistas Pachi Vázquez, Xoán Caamaño, Carmen Gallego, Méndez Romeu, Sánchez Presedo ou Carlos Fernández; Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz, de Alternativa, e os nacionalistas do BNG Francisco Jorquera, Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich ou Bieito Lobeira.

Ao remate do acto, os milleiros de manifestantes encheron a praza da Quintana, na que non houbo palco de oradores como noutras ocasións, debido, segundo a plataforma, a que o Concello pediu 600 euros. Esta actitude das autoridades municipais foi criticada e interpretada como a vontade de impedir a protesta. Os responsables afirmaron que denunciarán os feitos ante os tribunais. O palco, nesta ocasión, substituíuse por unha pequena carpa no alto das escaleiras da praza da Quintana, a carón da casa da parra.

O acto finalizou co himno galego e os líderes recordaron que é a primeira manifestación en defensa do galego que se celebra sen a presencia do histórico Avelino Pousa Antelo.

A OPOSICIÓN, CONTRA A POLÍTICA LINGÜÍSTICA DA XUNTA

Toda a oposición galega rexeitou as medidas de Feijóo en materia lingüística e esixiu a derrogación do “decretazo”.

PACHI VÁZQUEZ

En declaracións aos medios de comunicación, segundo informa Europa Press, momentos antes da marcha, o secretario xeral dos socialistas galegos, Pachi Vázquez, considerou “incrible” que os galegos “teñan que estar loitado contra un goberno que debería ser o encargado de defender” o idioma galego. Considerou que a pesar das sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que anulan parte de dous artigos do chamado decreto do plurilingüísmo, “segue habendo unha persecución por parte do Goberno” á lingua galega.

JORQUERA

O portavoz do BNG na Cámara galega, Francisco Jorquera, criticou que a Xunta se empeñe en seguir aplicando” este decreto que “condena ao galego á marxinalidade no ensino” pese “á opinión contraria de toda a comunidade educativa e da cidadanía”.

Respecto diso, Pachi Vázquez pediu ao Executivo de Núñez Feijóo que “deixe de usar a lingua galega como unha ferramenta de confrontación política” e avogou por “buscar de novo consensos” a través da lingua como elemento que “debe de unir”.

BEIRAS

o portavoz parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda, Xosé Manuel Beiras, cualificou aos gobernantes do Partido Popular de “nazinecios” que “cren que toda a produción da cultura galega desde fai máis de mil anos é unha arte dexeneradora”.

Neste sentido, para Xosé Manuel Beiras, o Partido Popular de Galicia ten o “problema dos colonizados” que, como indicou, maniféstase no “autoodio e o desprezo aos valores do seu pobo”.

“Eles non forman parte deste pobo, son unha excrecencia que parasita as enerxías deste pobo”, reprochou Beiras para indicar que “é a cidadanía quen está a sacar adiante a este país mentres eles ponlles o freo”.

Así mesmo, augurou que “terán o seu castigo moi pronto” pois “non hai quen poida pelexar contra un pobo en pé permanentemente”, polo que considerou que o PP “está condenado ao fracaso, como fracasan as súas políticas antisociais e os seus auténticos crimes contra a cidadanía”.

Na manifestación, Beiras estivo acompañado pola viceportavoz parlamentaria de AGE, Yolanda Díaz, e diversos deputados como Antón Sánchez ou Xabier Ron.

Xunto a iso, o portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, considerou que “a principal demostración da actitude con respecto ao idioma de Feijóo” está en “o proxecto de orzamentos da Xunta que estes días se debate no Parlamento”.

“Nel, os recursos para as políticas de impulso do galego e de normalización lingüística redúcense a unha cantidade que equivale a un terzo do que se asignaba hai 20 anos cando o presidente da Xunta era Manuel Fraga”, criticou.

Ante estas cuestións, Jorquera censurou que “a actitude lingüicida de Feijóo” correspóndese “coa súa política de destrución da cultura galega” e “o tecido produtivo do país”. Ademais de Jorquera, á marcha acudiron numerosos dirixentes do BNG, como o portavoz nacional Guillerme Vázquez, ou as deputadas Ana Pontón, Montse Prado e Carme Adán.

Fonte: GaliciaHoxe

Foto: J. Seoane. Galicia Hoxe

O venres pasado desaparecía LV como publicación diaria, que pasará a ser semanario e centrarse na Rede

Finalmente (e tristemente) está a piques de esmorecer o último xornal, con publicación diaria, escrito en galego. Falamos de LV De Luns a Venres, publicación de balde do Grupo El Progreso que este 25 de xaneiro, venres, achega o seu último número na rúa como diario. A partir do 8 de febreiro, segundo informan os seus responsábeis, aparecerá con feitura de semanario. A maiores, tentarase manter viva a experiencia a través da Rede, na web de seu, onde, a tenor do que informa El Progreso, vaise proceder a reforzar a información diaria, ao tempo que se mantén a aposta polo idioma galego.

A desaparición do xornal como publicación diaria está a ser lamentada dende diversas frontes sociais, profesionais e culturais do país. Nesta liña sitúase por exemplo o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, que lle desexa “os mellores ventos á nova travesía de LV”, aínda que non pode menos que laiarse da desaparición do último dos xornais diarios en galego, despois de seis anos de presenza constante nas sete principais cidades do noso país.

Sobre todo”, informa, “cando esa desaparición non obedece á falta de receptividade e apoio dos lectores, xa que, segundo asegura o propio medio no seu derradeiro número, pechou o ano 2012 como o xornal de maior crecemento da prensa de Galicia, segundo o Estudio General de Medios (EGM), cun 34,29% de suba, que lle permitiu acadar os 38.000 lectores“. Outros 7.000 recibían o xornal a diario nos seus correos electrónicos, engade. O Colexio tamén recorda que “por moito que se compense con reforzos e apostas dixitais, unha medida como este leva aparellada despedimentos de profesionais; para eles a nosa solidariedade e o noso apoio xurídico”.

Fonte: Codigocero

A cultura de base sostén o pulso creativo de Galicia en plena crise

Por segundo ano consecutivo, Galicia alcanzou o sexto posto no barómetro que elabora o Observatorio da Cultura, e que valora tanto a calidade neste ámbito como a innovación, concepto no que a cultura galega tamén se coloca na sexta posición dunha lista que encabezan Madrid, Cataluña e País Vasco, seguidos de Andalucía e a Comunidade Valenciana. O Observatorio é unha iniciativa da Fundación Contemporánea e os seus informes elabóranse a partir dunha consulta semestral a un panel formado por profesionais da cultura, desde directores de museo a galeristas, xestores, editores, escritores, arquitectos, artistas, representantes do mundo da escena e da administración.

O director da fundación, Alberto Fesser, recorda que Galicia escalou postos no barómetro do Observatorio e que o seu sexto lugar débese a dous factores. Por unha banda, a que o que denomina «perda da biodiversidade cultural» foi menor na comunidade que noutras que dependen da actividade de grandes cidades e, por outro, ao traballo de base no campo da cultura. «Dá a sensación de que en Galicia se están facendo moitas cousas pequenas, pero moi interesantes, e cuxa suma é moi valiosa», considera. Fesser extrae unha «lectura moi positiva» deste fenómeno, que contrapone con autonomías veciñas como Asturias ou Castilla e León, cun peso cultural demasiado dependente da Laboral, o Centro Niemeyer ou o Musac leonés. «Se a súa repercusión baixa, tamén o fan as súas comunidades. En cambio Galicia valórase como unha terra onde se fan cousas de forma moi repartida, non con só unha ou dúas institucións de referencia», conclúe.

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: Premios de Cultura 2012. Xunta de Galicia.

A manifestación de Queremos Galego atopa trabas cos permisos municipais

O Concello de Santiago solicitoulle á plataforma Queremos Galego unha fianza de 600 euros para instalar un palco no que rematar a manifestación que convocou para o vindeiro domingo. Desde a plataforma recorreron esta solicitude nos tribunais considerando que é excesiva para unha entidade sen ánimo de lucro e denunciou que o concello ameazou con suspender a manifestación no caso de instalaren a plataforma sen pagar a fianza previa. Queremos Galego mantén a convocatoria que solicita a derrogación do Decreto para o Plurilingüismo no ensino para o vindeiro domingo ás 12 na capital galega.

Fonte: Culturagalega

Os profesionais formados na ESAD exhiben o seu talento nunhas xornadas

“Non é un festival, é unha degustación de teatro”. Así de claro e contundente os titulados pola Escola Superior de Artes Escénicas de Galicia definen o seu proxecto “Teatro á feria: festa de teatro emerxente”. Do 1 ao 3 de febreiro exhibirán en Vigo todas as propostas emerxentes xurdidas a raíz da súa formación no centro público. Teatro comercial, de reivindicación social, infantís, cabaré, improvisación, café-teatro, teatro contemporáneo, burlesque, teatro-danza conforman a oferta escénica dese programa que irá vencellado a unha degustación culinaria gratuita. Alén do financiamento de Verkami (destinado a sufragar os gastos) os hostaleiros implícanse nesta proposta que promove a Asociación de Titulado/as en Estudos Superiores de Arte Dramática.

Fonte: Culturagalega

Gañadores do concurso d’O CARBALLO con Cultura galega

Baía Edicións e Cultura Galega quixeron agasallar cun libro sobre a árbore máis característica do noso país. Para gañar só tiñas que demostrar que coñecías O CARBALLO. Cinco libros dO Carballo de Baía Edicións foron sorteados entre aqueles que contestaron correctamente unha sinxela pregunta: Como se chama o froito do Carballo?

Entre todos os nomes dos participantes levouse a cabo un sorteo cun programa de selección aleatoria que elixiu cinco nomes de xeito correlativo.

Respostas correctas: Landra ou belota (as dúas están recoñecidas pola RAG)

E os gañadores/as foron:

1. Mar Iglesia Cabaneiro

2. ÁngelaÁlvarez Morandeira

3. Sergio Rojo Martínez

4. Antón Romero Ces

5. Mar Corbelle Valiño

Parabéns a todas e todos!

O número de empresas que utiliza SINLI incrementouse casi un 28%

Duas mil duascentas setenta e unha empresas utilizan este sistema de información sobre o libro que facilita o traballo de xestión de toda a cadea de valor do libro. Cento sesenta e cinco editorias, cento cincuenta e dous distribuidores e mil novecentas cicuenta e catro librerías.

Duascentas setenta empresas se sumaron durante o ano 2012 a este sistema de transmisión (a través de correo electrónico) de documentos normalizados,  máis de 40, utilizados habitualmente nas relacións comerciais entre editores, distribuidorese libreiros.

SINLI permite un aforro de tempo e , polo tanto, de recursos económicos na tramitación administrativa desa documentación pois a información contén cambios de prezos, disponibilidade, albaráns, pedidos, facturas, devolucións, etc. Descárgase directamente no programa de xestión do usuario. Boa parte dos programas e aplicacións de xestión concebidos para as empresas do sector do libro xa incorporan SINLI como unha función máis.

Usuarios SINLI a finais de 2012: 2.271 empresas

·         Librerías: 1.954

·         Distribuidores: 152

·         Editores: 165

Novos usuarios ano 2012: 270 empresas (incremento do 27,96% respecto ao ano anterior).

Fonte: AGE

A Xunta lamina o investimento en conservación e pretende silenciar aos grupos ecoloxistas

Os orzamentos da Xunta para 2013, polo que atinxe aos investimentos en actuacións ambientais, afúndense un 62% con respeito aos orzamentos de 2009. Destacan especialmente os 0 (cero) euros que investirá en 2013 Xunta de Feijóo na loita contra o cambio climático, os 0€ adicados á erradicar as especies invasoras, 0€ tamén para as Axendas 21 Locais ou 0€ para educación ambiental. Xa nin falamos das axudas ás entidades ambientalistas, cuxo papel como axentes da participación pública e garantes da transparencia ambiental énos recoñecido en diversas Directivas e leis estatais e autonómicas. Non só pretenden calarnos adicando, como durante toda a era Feijóo, 0€ para actividades e funcionamento, senón que levan sen convocar os organismos consultivos (Consello Galego de Medio Ambiente e Observatorio Galego da Biodiversidade) nos que temos representación meses, incumprindo as súas propias normas de funcionamento. mensaxe a Feijóo: Nen así conseguirá calarnos!

Neste proxecto de orzamentos para 2013, e á marxe do brutal recurte dos investimentos ambientais, os capítulos de transferenzas de capital e correntes para financiar diversos proxectos e axudas de carácter ambiental a concellos e outras entidades, dibuxan unha situación preocupante. Así, por exemplo, as axudas directas a Parques Naturais (subconceito 7700) acadan uns ridículos 23.333€ no 2013, fronte aos 360.000€ para o mesmo conceito en 2009, unha redución do 93%. Se contabilizamos as axudas e medidas compensatorias a concellos en Rede Natura (subconceitos 7603 e 7700), á poboación local (falmilias) do interior e contorna dos Parques Naturais (subconceito 7800), o resultado é unha caída do 68% nas transferenzas de fondos propios nos orzamentos 2013 con respeito ao 2009 (796.619€ fronte a 2.530.000€). Á vista desta situación, o panorama dos Parques Naturais galegos para o 2013 é catastrófico, comprometéndose gravemente a súa viabilidade e o seu papel como santuarios da nosa biodiversidade máis fráxil: Só falla que os privaticen coa excusa do seus “escasos beneficios”.

Resulta moi revelador o conceito que a administración de Feijóo ten das milloras ambientais das administracións locais. Así, no capítulo de axudas ambientais a concellos (conceito 760, subconceito 7600), todos os cartos (2 millóns de €) adícanse en 2013 á redacción dos PXOM. En 2009, os cartos para os PXOM libráronse dende a consellaría de Política Territorial (tamén 2 millóns de €), e non dende Medio Ambiente. Neste departamento, adicáronse a maiores en 2009 para a mellora ambiental dos concellos un total de 3,4 millóns de €. Cousas de xestionar o formigón e a natureza na mesma consellaría: Nun exercicio de prestidixitación, Hérnández escamotea 3,4 millóns de € aos concellos en 2013.

Particularmente preocupante resulta o montante adicado este ano pola Xunta para axudar aos concellos a xestionar os animais domésticos (servizo de gardería e lacería): Uns ridículos 20.000€ para todas as instalacións do país. Como é posíbel que con estes cartos realicen unha xestión minimanente decente dos animais das canceiras? Fronte aos 450.000€ adicados a este conceito en 2009, unha redución do 95% significará que moitas instalacións deixen de ser viábeis ou que as existentes teñan que “reducir” os acollementos pola vía, claro está, do exterminio.

Nesta mesma liña hai que interpretar a redución do 52% nos orzamentos adicados ao pago dos danos da fauna salvaxe (111.616€ en 2013 fronte aos 234.000€ de 2009). Tendo en conta esta redución, resulta evidente que nen sequera os gandeiros que teñan pendente cobrar os danos de 2012 o van facer, e que a aposta da Xunta fía máis no chumbo que no euro. Así se explica que Borregón agasalle ao lobby da escopeta con 378.000€ para seguir promocionando unha “xestión cinexética sustentábel” a base de pólvora. As consecuencias para a nosa fauna serán catastróficas: Tiros nos montes todo o ano e incremento dos lazos e velenos pola frustración dos que saben que non se lles pagarán os danos causados polo lobo e outros animais no seu gando ou cultivos.

Finalmente, ADEGA quere tamén denunciar o nulo investimento (sí, trátase dun investimento, e non dun gasto) en educación ambiental e o intento de asfixiar  e censurar a actividade dos grupos ecoloxistas. Non abonda con rebaixar a 0€ os cartos adicados á promoción de actividades ambientais e de cooperación por parte do tecido asociativo (en 2009 preto de 1,2 millóns de €), a Xunta pretende tamén deixarnos sen voz: Por segunda vez ADEGA ten que acudir ao Valedor para que a Xunta convoque en tempo e forma os organismos consultivos ambientais nos que estamos representados os grupos ecoloxistas. O Consello Galego de Medio Ambiente, que por lei debe reunirse semestralmente, leva sen facelo case un ano. E o Observatorio Galego da Biodiversidade, de periodicidade anual, leva sen convocarse dende o 22 de decembro de 2010. É a austeridade de Feijóo: Tamén fai recurtes no cumprimento das leis!

Fonte: ADEGA

Cultura e Educación presenta un completo programa de actividades culturais no CGAC

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa un gran número de actividades culturais para os vindeiros meses no Centro Galego de Arte Contemporánea. Durante os vindeiros meses o museo compostelán contará con visitas guiadas por profesionais do ámbito cultural e artístico, un seminario sobre o universo artístico, dous ciclos de talleres e a estra dunha curtametraxe.

En primeiro lugar, estase realizando un programa de visitas guiadas ás exposicións do CGAC conducidas por profesionais do ámbito cultural e artístico. As visitas son os martes ás 19:00 horas e teñen unha duración de 60 minutos. Parten da recepción do museo e están abertas a todo o público interesado.

Este programa de visitas, plantéxase como unha conversa sobre as exposicións entre o público e profesionais de diferentes disciplinas culturais permitindo ao público asistente cada semana, compartir múltiples puntos de vista sobre as linguaxes artísticas contemporáneas e outras cuestións que susciten interese.

Respecto a mostra Fernando Casás. o agora xa foi e o denantes será esta mesma tarde o comisario independente e crítico de arte do Faro de Vigo, Xosé Manuel Buxán Bran será o encargado de guiar a visita; o 29 de xaneiro será a quenda do comisario de exposicións e crítico de arte Seve Penelas; e o 5 de febreiro pechará este programa o  profesor de estética da Universidade de Vigo, Alberto Ruiz de Samaniego.

Doutra banda, a Exposición Vibracións prohibidas contará o 19 de febreiro co periodista e investigador musical Xabier Valiño; e o 5 marzo co profesor de Comunicación da Universidade Complutense de Madrid Héctor Fouce.

Seminario: ‘Arte e subxectividade’

O obxectivo deste seminario é evitar que se cree unha vía única de pensamento sobre o universo artístico. Os asistentes poderán facer un traballo de arqueoloxía sobre as súas propias influencias e experiencias vitais para despois tentar desfacerse delas. Contarase coa axuda de procesos de autocoñecemento sensorial baseados no son e a investigación corporal, na busca da subxectividade.

Este seminario, que se desenvolverá dende o 28 de xaneiro ao 1 de febreiro entre as 10 e as 14 horas, contará coa participación do artista Fernando Casás, a actriz e pedagoga teatral Xela Marx e o músico e compositor Pablo Seoane. O prezo da matrícula e de 50 euros.

Taller de arquitectura con persoas con transtorno de espectro autista

O 25 de xaneiro, o CGAC en colaboración co Colexio de Arquitectos de Galicia e a Asociación de Pais de Persoas con Transtorno de Espectro Autista da provincia da Coruña, organizará un taller experimental de arquitectura en torno á exposición do artista Fernando Casás.

A partir do Sistema Lupo do aquitecto Fermín Blanco- baseado en pezas modulares para a construción de maquetas- os nenos e nenas con trastorno de espectro autista, poderán traballar en relación á obra de Fernando Casás vinculada ao universo, creando formas xeométricas e fantásticas. O taller desenvolverase entre as 11 e as 13,30 horas.

Taller de arquitectura ‘Sen moverte do sofá’

Doutra banda, o 23 de febreiro oCGAC continuará co programa Sen moverte do sofá, unha serie de talleres de arquitectura que pretenden dar a coñecer aos participantes diferentes cidades coa axuda doutros compañeiros do territorio español que, coma eles, forman parte do traballo. Este ciclo, que se desenvolverá durante os meses de febreiroe maio, esta dirixido a rapaces de 7 e 11 anos e conta coa colaboración do arquitecto Fermín Blanco, Arquitectives e o COAG.

A través de conexións virtuais, os aprendices de arquitectura, investigan e intercambian información sobre os parecidos e as diferenzas entre as urbes; a súa historia, estrutura, modelos de crecemento e singularidades, que axudan a entender, de xeito global, os lugares que habitamos. Crearán unha maqueta das cidades de destino para despois construír a grande escala algún dos seus edificios máis emblemáticos.

As construcións faranse a partir do Sistema Lupo (do arquitecto Fermín Blanco): unha serie de pezas modulares que permiten múliples posibilidades de combinacións, formas, proporcións, xogos de equilibrio e estratexias de acción.

Presentación da curtametraxe ‘A Reforma’

O vindeiro xoves 24 de xaneiro ás 20,00 horas o CGAC acollerá a estrea da curtametraxe A Reforma, do director Alejandro Goris e a produtora Fine Tea Comunicación. Unha curta subvencionada polo AGADIC onde o seu protagonista desencadea  unha inesperada loita individual contra as normas, a xustiza e o sistema establecido.

Alejandro Goris, dirixe no 2009 o súa primeira mediatrexe documental Cancións de pedra, coa que abre un camiño a outros moitos proxectos audiovisuais como o que agora se presenta no CGAC. A entrada é libre até completar localidades.

Fonte: Xunta

O Colón atenderá as peticións dos artistas no seu ciclo ‘Noites Galegas’

O Colón deixará aos propios artistas galegos que sexan os que reenchan o apartado ‘Noites Galegas’ coas súas propostas que, á súa vez, poderanse mover dos martes a calquera día da semana. O ciclo sométese ás peticións dos creadores para que a oferta sexa variada e satisfaga a todo tipo de públicos. Así o explicaban onte desde un auditorio que perfila a última quincena de mes co blues de Bakin Blues Band o venres.

A banda compostelana intentará converter o máximo posible o Colón nun bar para facer que soe a Chicago: “Será música por música e blues por blues”, co engadido dunha armónica. Tocaraa Rafa Poncela, dos Miki Nervio. Pola súa banda, SonDeSeu estará o 26 e o mes de febreiro comezará o 1 co musical de “O mago de Oz” unha revisión do clásico que dará paso á obra de teatro “Babel”, o día 8, con Aitana Sánchez-Xixón e Alicerce Castro, que farán o papel de dúas mulleres que enganan aos seus maridos á mesma hora que eles as están enganando.

O artista Javier Veiga regresará á cidade o 9 con “Amigos ata a morte”, unha comedia escrita, dirixida e protagonizada por el onde o humorista mete como ingredientes principais no pote ao amor e a amizade. A Orquesta Gaos retomará o 12 o ciclo “Noites Galegas” nun directo onde se escoitará o “Concerto de Aranjuez” e Gabino Diego encherá el só o escenario cunha posta en escena o 15, titulada “Unha noite con Gabino. (Dez Anos despois)”.

Un dos pratos fortes será o espectáculo “Galicien Amerika Linie”, de Xacarandaina, que falará o 16 da emigración e fusionará danza con imaxes cedidas polo CGAI e o Consello da Cultura Galega sobre maletas e barcos partindo. O director Quique Peón advertía de que os espectadores sairán con ganas de vivir e orgullosos de ser galegos. Funcionará como unha aspirina contra a pesadez actual. Ademais de estar de completa actualidade.

O teatro clásico estará presente da man da asociación Noite Bohemia, que representará o 19 a obra “O sorteo de Cásina” e estreará o 26 “Ifixenia en Áulide”. Dicía o seu director, Javier Fernández, que a segunda peza será especial polos 25 actores en escena. Para rematar, febreiro traerá a Javier Cansado o 22, a Rosa o 23 e despedirase con maxia o 24. Martín Camiña barallará a ritmo de funky e jazz.

Fonte: El Ideal Gallego