Artigos

Galicia destina á súa Academia cinco veces menos que Cataluña

A Real Academia Galega afrontará a decisiva entrevista do vindeiro mércores entre o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, e o xefe da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, cunha batería de datos sobre a mesa. Conseguido un trato igualitario por parte do Goberno central (que desde o ano pasado concede idéntica subvención ás academias das diferentes nacionalidades históricas), a RAG quere agora resolver o que considera un agravio ao comparar o financiamento que esta corporación centenaria recibe da Consellería de Cultura e o que teñen asignado por parte dos seus respectivos Executivos autonómicos institucións homólogas de Cataluña (Institut d?Estudis Catalans) e País Vasco (Academia de la Lengua Vasca-Euskaltzandia e Sociedad de Estudios Vascos-Eusko Ikaskuntza).

Diferentes achegas

Á espera de que se perfilen definitivamente os presupostos deste ano (prorrogados en Cataluña, a falta de tramitación parlamentaria en Galicia e aínda pendentes polo relevo no Goberno en Euskadi), a RAG ten elaborado un informe no que analiza polo miúdo as achegas do 2012. Segundo este documento, a Academia Galega recibiu o ano pasado unha subvención de 370.000 euros da Xunta -partida que no presente exercicio redúcese a 287.265 euros- fronte aos 5.538.947 euros que a Generalitat de Cataluña concedeu no 2012 ao Institut d?Estudis Catalans e os 1.332.820 euros que o Goberno vasco asignou o ano pasado á Academia de la Lengua Vasca-Euskaltzandia. Como a mesma RAG recoñece no seu estudo, nin as poboacións, nin o PIB, nin o presuposto das tres nacionalidades históricas son equiparables, polo que a Academia vén de analizar os datos comparando estas variables para compensar esas diferenzas. Se se compara o investimento por habitante, Cataluña multiplica por 5,6 o que destina Galicia e o País Vasco por 4,35. Se tomamos como referencia o que cada comunidade destina por cada millón de euros do seu PIB, a RAG obtén respectivamente 4,35 veces menos que a súa homóloga catalá e 3,17 veces menos que a institución vasca. E se a variable que se considera é canto asigna cada comunidade á academia propia por cada millón de euros, o resultado é que Cataluña destina 4,9 veces máis presuposto e o País Vasco 3,4.

A desexada homologación

Á luz destes datos, a Academia Galega conclúe que para obter un financiamento equiparable á media das institucións vasca e catalá debería recibir da Xunta unha partida 4,3 veces superior á que obtivo no 2012, o que suporía unha transferencia anual de 1.591.000 euros.

Fonte: La Voz de Galicia

A edición española perde o stand na Feira do Libro para rapaces de Boloña

Por primeira vez a Federación de Gremios de Editores de España non estará presente na Feira do Libro Infantil e Xuvenil de Boloña. O ano 2013 será o de menor participación dos gremios de editores nas feiras internacionais. Xa no ano 2012 as administracións públicas deixaron de apoiar numerosos eventos profesionais do libro. É un fito histórico para a edición española que a Federación de Gremios de Editores de España non teña presenza nunha das feiras de compravenda de dereitos máis importantes do mundo.

Segundo a nota difundida pola entidade, á que pertencen os gremios de Cataluña, Andalucía, Castela- León, País Valenciá, Euskadi, Madrid e Galicia, ademais de ANELE, son motivos económicos os que impiden a organización desa presenza na feira italiana.

Fonte: AGE

Foto: Belén López Vázquez, directora editorial Baía Edicións, na Feira de Boloña.

Un Chío! para finalizar o Twitter en galego

Twitter é a rede social que máis está a medrar, impulsada polo crecemento do tráfico a través dos teléfonos móbiles. Con todo, o galego aínda non é unha das 21 linguas nas que se pode utilizar esta ferramenta.

Para superar esta eiva, unha iniciativa nas redes sociais logrou que a compañía abrise unha canle para que voluntarios traducisen Twitter ao galego. A empresa asegura que 400.000 voluntarios teñen colaborado nos últimos anos na tradución ás diferentes linguas.

Agora pare dos voluntarios galegos organízanse a través de Chío!, un portal “para informar e axudar a finalizar a tradución do Twitter ao galego” e “como desenvolver novas iniciativas co fin de dar difusión da nosa lingua polos distintos ámbitos”.

Chío! explica que “despois destes meses de tradución, aínda non estea en galego, débese, a que non hai suficientes votacións polos termos traducidos, xa que o proceso de tradución dos termos está case finalizado”. O portal explica que  tan só falta que un gran número de tradutores/as voten ou melloren as traducións realizadas ata agora, para dar paso o último paso e rematar a tradución.

Fonte: Galicia Confidencial

A PIRÁMIDE DA CODICIA EN CORCOESTO. 2

Como sinalamos o pasado día 20, cando se trata de megaproxectos, como o de minería de ouro que Edgewater Exploration Ltd quere poñer en marcha en Corcoesto, é moi dificil para a meirande parte da xente facerse tan siquera unha idea aproximada das magnitudes de que se fala e comprender o que realmente significan.

Porque, cales serían as consecuencias para Galicia de que Edgewater Exploration Ltd se leve para Canadá as 34 toneladas de ouro que quere extraer en Corcoesto?

Nada mellor para explicalo que un gráfico que vale máis que mil palabras en www.sghn.org.

Ademais, con palabras sinxelas e explicacións claras ponse ao alcance de todo o mundo comprender o proxecto de Edgewater e cales serían as súas consecuencias, agrupándoas en tres apartados:

– O que é certo para o café tamén o é para as rochas.

– Onte foi Nadal, velaquí o regalo envelenado do “Papa Nöel” Edgewater Exploration Ltd para os galegos.

– Queren levarse o ouro e deixar os velenos. A Xunta quere subvencionalos.

Toda a información en www.sghn.org

Foto: Diário Liberdade

Nace na Coruña un festival de curtametraxes Por amor al arte

Fano sen orzamento, por iso, o título da primeira edición do Festival de curtametraxes levará o título Por amor al arte. O seu cometido é exhibir artistas traballos audiovisuais, aínda que a cita tamén se abre tamén a outras disciplinas como o teatro ou a arte. Pretende achegalo á cidadanía buscando locais atípicos, como os bares e pubs, aínda que tamén haberá actividades na Fundación Seoane e no Fórum Metropolitano. O prazo para presentarse ao certame cinematográfico péchase o 31 de decembro e os traballos seleccionados exhibiranse do 16 ao 23 de febreiro.

Fonte: Culturagalega

A RAG necesita preto dun millón de euros para manter o seu funcionamento actual

A Real Academia Galega (RAG) necesita ao redor dun millón de euros para manter o seu funcionamento actual. É o cálculo que realiza o seu presidente, Xosé Luís Méndez Ferrín, tendo en conta tanto as súas actividades e proxectos, como as súas instalacións, a súa páxina web e o persoal funcionario que traballa xunto cos académicos no día a día.

A Academia atópase nun momento “crítico” tras a redución nun 70 por cento das achegas por parte do Goberno estatal nos dous últimos anos, a súa “principal fonte de recursos”. Por iso, Méndez Ferrín solicitou o amparo da Xunta de Galicia, pedindo que asuma a súa “función” como responsable dunha nacionalidade histórica para garantir a supervivencia da institución, tal e como trasladou a Jesús Vázquez nunha reunión o pasado xoves.

“Pensamos que a Xunta de Galicia, ante esas rebaixas de Madrid, terían que saír na nosa axuda e deixar nosa situación como estaba”, sinalou Ferrín, nunha entrevista concedida a Europa Press.

En concreto, o presidente da RAG considera que é o momento de que a Xunta actúe como a responsable dunha “nacionalidade histórica”, do mesmo modo que Euskadi e Cataluña e mesmo a Comunidad Valenciana, cuxa academia da lingua recibe tres millóns e medio de euros.

“Aquí non se subvenciona só unha Academia”, quixo matizar Ferrín, recordando que os académicos “non cobran” e teñen “desprazamentos como calquera sindicalista ou empregado”. Ademais diso, conta con organismos importantes como unha biblioteca pública con “fondos únicos” de Galicia ou un arquivo histórico documental con pezas “que non existen noutro lugar”, como o patrimonio de Emilia Pardo Bazán (mobiliario, cadros) o legado da cal “non está en Meirás”, senón en A Coruña.

“E iso que pasa, ¿hai que pechar as portas? Non creo”, considera. A actividade da RAG tamén pasa pola comisión de órganos de lexicografía, de sociolingüística, de onomástica ou o despacho permanente de consultas sobre cuestións lingüísticas, con “centos e centos” de preguntas dos cidadáns.

A iso ha engadido ademais a súa páxina web ou todo o corpo de funcionarios “de altísima cualificación” que axudan a sacar a actividade adiante. Todo esta acción, ademais doutros proxectos e actividades, require “ao redor dun millón de euros” para poder manterse. “Son todos estes organismos, que son públicos e funcionan de xeito óptimo e podían funcionar máis e mellor. Iso é o que está en xogo”.

REUNIÓN CON FEIJÓO

Segundo sinalou a Europa Press a principios de decembro o secretario da institución académica, Xosé Luis Axeitos, a achega da Xunta no actual exercicio foi de preto de “370.000 euros”, segundo un informe elaborado pola RAG e remitido a todos os grupos con representación no Parlamento galego. Esta cifra sitúaa por debaixo da achega que realizan outras autonomías ás súas institucións da lingua.

A achega por parte do Estado, pola súa banda, reduciuse nun 70 por cento e antes xa “contribuían con cantidades inferiores” ás outras academias, recorda Ferrín, algo que se remediou por iniciativa de deputados galegos do PP e o apoio do PSOE e do BNG, que permitiu “igualar” a contía.

“Agora redúcese na mesma medida que a vasca e a catalá”, lamenta Ferrín, quen percibe que esta caída presupostaria non se dá igual “coas de corte español”, como a academia de Historia ou de Veterinaria. “Simplemente concédese menor importancia, ou dáselle un trato secundario. No caso do galego dende logo”.

Por iso, Ferrín é consciente de que a RAG atopa “nun momento crítico” no que “hai que manter a calma”, con “confianza en que a Xunta de Galicia resolva positivamente” ás súas peticións. O segundo contacto será tras as festividades navideño, nunha próxima reunión co presidente galego, Alberto Núñez Feijóo.

PROXECTOS PARALIZADOS

Mentres está situación non se solucione, a maioría de proxectos nos que a RAG está inmersa atopan “en stand by, como están os barcos antes de entrar en porto,” sinala Ferrín. Entre eles, “revisar a toponimia” ou a elaboración dun dicionario de apelidos galegos que é “importantísimo” para que os cidadáns “saiban as súas orixes e significados”.

“É un patrimonio inmaterial e cultural máis importante que o Pórtico da Gloria”, destaca, incidindo en que representan a historia, a vida, a familia e os antepasados dos galegos. “E corre perigo ese traballo. Así mesmo, referiuse a unha gramática que se atopa en marcha e que necesita de persoal e fondos “para facer as cousas ben”.

Finalmente, tamén resaltou a importancia realizar viaxes A Portugal, Cataluña, Brasil, Madrid e “establecer contactos necesarios coas culturas máis próximas”, recordando que por motivos de “control de fondos” a RAG non puido asistir a un evento internacional de estudios galegos celebrado en Gran Bretaña.

Fonte: Galicia Hoxe

Berrogüetto inicia na Coruña a súa Xira de andar por casa

Unha Xira de andar por casa é a proposta de Berrogüetto para estas festas. Os sete membros do grupo “poñen batín e zapatillas” para unha serie de sete concertos que serán, por vez primeira na carreira do grupo, integramente acústicos. Ademais do seu repertorio propio, interpretarán cantos de Nadal nun proxecto que pretende buscar o achegamento co público. As entradas, xa á venda, cubrirán todos os custes da xira. O Teatro Colón da Coruña abre o día 22 a iniciativa, que seguirá por Lugo o 23, Santiago o 27, Ourense o 3 de xaneiro, Vigo o 4 e Narón o 12.

Tamén a coincidir con estas datas, o grupo dará un concerto didáctico na Cidade da Cultura na tarde do vindeiro día 21, a coincidir coa programación de Nadal do Gaiás.

Fonte: Culturagalega

Presentado o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia

O Presidente da Asociación Galega de Editores, Manuel Bragado, e o Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lorenzo,  presentaron esta mañá na Biblioteca da Cidade da Cultura, o Informe de Comercio Interior do Libro de Galicia. Os datos proceden das enquisas realizadas a unha mostra representativa de empresas do gremio editorial galego e reflicten a situación do sector en función da actividade editorial e da coxuntura  económica do ano  2011.

Manuel Bragado manifestou que malia os datos, o sector resistía e mantiña a súa actividade produtiva e contribución  ao incremento do catálogo editorial galego, coa aportación cultural que iso supón. Amosou a súa preocupación pola redución do emprego, que afecta tanto a traballadores fixos como a colaboradores externos, e tamén pola caída da facturación, que provocou que o número de empresas que facturaban por enriba dos catro millóns de euros, pasaran de cinco a dúas  en dous anos.

Lorenzo subliñou que o sector agremiado representa ao 80% do sector e que polo tanto a mostra recollida no informe e plenamente representativa pois descontando as cifras da edición institucional( 14%), o sector non  agremiado acada o 10%.

Radiografía da situación da edición

O informe foi realizado pola consultora Conecta Research&Consulting, que elabora tamén os mesmos datos para a Federación de Gremios de Editores de España referentes ao conxunto de España. Del despréndese unha radiografía da situación da edición privada en Galicia que, segundo anunciou o secretario xeral de Cultura, “será unha base fundamental das próximas iniciativas que poñamos en marcha no sector editorial”, entre as que destacou o Plan Director do Libro.

O informe reflicte datos xa publicados no Informe do Comerio Interior publicado pola FGEE, confirmando a facturación de  27 millóns de euros,  un 12,3% menos pero a  caída dende o ano 2009 acumula un 20%. O texto non universitario e o libro de infantil e xuvenil facturaron  máis da metade do total.  As empresas privadas da edición publicaron 2156 títulos, dos cales foron en galego 1.587 .

Informe

Fonte: AGE

Foto: Xunta de Galicia

Os lectores mozos sustentan o peso da edición galega

O informe Comercio interior do libro en Galicia 2011, que onte presentaron a Consellería de Cultura e a Asociación Galega de Editores, ofrece datos para trazar unha radiografía do sector nos últimos cinco anos. O traballo confirma a liña ascendente na produción das 48 empresas asociadas, que no 2011 editaron 2.156 títulos, un incremento do 32,9 % con respecto ao 2007, dos que 1.587 foron en galego, un aumento do 22,5 %. O número de exemplares tamén medrou: 3.364.584 o ano pasado (2.337.111 en galego), que superan nun 13,3 % os do 2007. Deste xeito, os selos manteñen un catálogo de títulos vivos de 13.994 obras, 10,708 en lingua galega.

Pero se as editoras galegas continúan a súa oferta en títulos e exemplares, a facturación non deixou de diminuír nos últimos anos. As vendas no 2011 foron de 1.949.256 exemplares, cun prezo medio de 13,94 euros, polo que a facturación total foi de 27,16 millóns, dos que 21,47 son de obras en galego. No 2007 a facturación situouse en 31,89 euros, polo que o descenso é do 14,8 % neste lustro. Un período no que tamén minguou o emprego nas editoras, que pasaron de 318 postos de traballo aos 236 do 2011; os colaboradores externos son quen acusan principalmente a baixada.

Neste contexto dominado pola crise, os lectores mozos son os principais destinatarios da edición e o seu soporte, ben sexa a través do libro de texto non universitario ou da literatura infantil e xuvenil. Segundo o informe, estes dous conceptos reúnen 79 % da produción de exemplares: un incremento do 29 % no 2011 fai que o libro de texto represente algo máis dun terzo da produción total. En termos de facturación, os manuais escolares suman o 45 %, porcentaxe que na edición en galego ascende ata 52,9 %.

Ademais, dáse a situación paradoxal de que a cota de mercado da edición galega no conxunto dos libros que se venden en Galicia é moi cativa: só un 16,1 %, 27,16 millóns, das vendas do 2011 corresponderon a volumes editados por selos galegos. Unha porcentaxe menor no caso dos títulos na lingua do país: 13,1 %.

Fonte: La Voz de Galicia

Os dous institutos Carlos Casares renden homenaxe ao escritor na Penzol

As fundacións Penzol e Carlos Casares organizaron unha homenaxe a Carlos Casares non décimo aniversario do pasamento do escritor. A idea inicial era reunir aos cinco centros que levan ou nome do galeguista, pero debido a problemas loxísticos só poideron acudir vos IES de Viana de Birlo e Vigo. Ou director dá biblioteca amosoulle aos alumnos a Fundación. Valentín García, secretario xeral de Normalización Linguística, recordoulle aos invitados a importancia de Carlos Casares. A Fundación Penzol cumprirá ou vindeiro ano medio século de existencia, sendo un dous principais centros de estudos galegos do mundo.

Fonte: La Voz de Galicia

Foto: Jorge Lamas