Entradas

Presentación de ‘ALMA. Un sopro de aire fresco’ no Numax

Xosé Lorenzo Tomé presenta o libro Alma. Un sopro de aire fresco  no Numax (R/ Concepción Arenal, 9 – Baixo) o vindeiro xoves día 1 de febreiro, ás 20:00 horas.

No acto, Xosé Lorenzo Tomé estará acompañado polo tamén filósofo, ensaísta e profesor na Universidade da Coruña Alberto Sucasas, que se encargará de facer un achegamento crítico á obra.

 

Contido do libro: Obra na colección Baía Narrativa do profesor, filósofo, ensaísta e novelista José Lorenzo Tomé, centra a súa historia na xeración beat, na xeración europea que sufriu guerras e posguerras española e europea, na persecución dos nazis, dos xudeus e xudías, da contribución de Galiza por medio das irmás ribadavienses Touza, na colaboración cos servizos secretos para salvaren o pobo xudeu dos campamentos de exterminio e propiciaren a súa fuxida a Portugal, África ou América, presentado de forma singular polo pensador Walter Bejamin.

Unha obra poliédrica na que conflúen o ensaio, o diálogo e diversos xéneros literarios, postos ao servizo de resolver unha trama que percorre a obra e que procura poñer en valor o pensamento non abondo coñecido de Bejamin. As irmás Touza son unhas figuras de recoñecido prestixio entre o pobo xudeu sendo consideradas mesmo como heroínas polo Estado israelí, documentadas por Antón Patiño na súa novela A memoria de ferro. Na actualidade, infórmase por diversos medios que Hollyvood está preparando unha película (musical) sobre o seu papel para liberar do holocausto a máis de 500 persoas.

Baía Edicións presenta ‘O falar das fadas. Lingua, música e toponimia da Galiza’ na libraría Brañas

Baía Edicións convidan ao lanzamento do libro O falar das fadas Lingua, música e toponimia da Galiza, de Xosé Manuel Sánchez Rei, que terá lugar na Libraría Brañas (Rúa Doctor Fleming, 43 – Carballo) na próxima terceira feira, 7 de marzo ás 20:00 horas.

Intervirán, para alén do autor, Xosé Cotelo, Xosé Ramón Freixeiro Mato e Belén López Vázquez.

‘Denébola a Roxa’ e ‘A nosa Terra é nosa!’ nos mellores do 2016 de Fervenzas literarias

Tras pechar o día 15 de xaneiro o prazo de votacións, Fervenzas Literarias acaba de publicar os resultados onde as lectoras e os lectores decidiron o que ao seu xuízo foi o mellor do 2016. En total, este ano recibiron 420 enquisas válidas.

Dous dos nosos títulos foron seleccionados… Parabéns ás premiadas e premiados!!!

7º posto no Mellor libro de ensaio/investigación para A NOSA TERRA É NOSA! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua.

6º posto no Mellor libro literatura xuvenil para DENÉBOLA A ROXA, de Héctor Cajaraville.

Fonte: Fervenzas literarias

Neste inicio de curso recordamos a María Barbeito, a súa vida ao servizo da escola

Dinamizadora de actividades docentes e extraescolares

Resulta difícil illar este tipo de actividades no conxunto das levadas a cabo por María Barbeito como mestra e directora, pois todas elas están intimamente unidas ao seu labor docente, pero queremos destacalas pola súa singularidade. Entre as actividades docentes están as relacionadas coas exposicións de traballos escolares, de carácter manual, que realizaban os párvulos e as seccións de nenas que estaban baixo a súa dirección . Ao longo de 30 anos, desde 1906, ao remate do curso escolar , nos espazos especialmente habilitados e decorados para a ocasión, o público coruñés podía visitar a exposición dos traballos realizados ao longo do curso. Foi unha iniciativa da mestra, de notable resultado e éxito popular, levada á práctica antes de que se convertese en obrigatoria como substitutiva dos exames suprimidos para eses niveis de ensino.

Durante anos, o alumnado das escolas públicas que máis destacara durante o curso recibía uns premios que, polo xeral, eran entregados nun acto ao que asistían autoridades e personalidades da cidade. Polo común, os premios eran entregados nas escolas Da Guarda, pero nalgunha ocasión o acto alcanzaba maior relevo e contaba coa presenza de autoridades e público. Este foi o caso do ano 1912, no que se realizou o acto de entrega de premios no teatro Rosalía de Castro coincidindo coa inauguración do novo curso; naquela ocasión María Barbeito foi designada pola Xunta Local de Primeira Ensinanza para pronunciar o discurso central do acto o día 22 de setembro.

A mensaxe final do discurso de María Barbeito tivo amplo eco entre os asistentes polas propostas formuladas pola mestra: a suxestión de que o Concello cambiase o destino das pesetas destinadas a estes premios:  La maestra Dª María Barbeito, con gran acierto, propuso transformar el beneficio del premio en creación de edificios puramente escolares, como campos de juego, casa de baños, salón de espectáculos, biblioteca pública y escuela de anormales.  Con esta proposta a oradora trataba de mellorar os servizos comúns do alumnado coruñés, poñendo de relevo o permanente desvelo e a loita interminable da mestra.

 

Texto do libro María Barbeito. Unha vida ao servizo da escola e dos escolares (1880-1970)

Baía presenta ‘A NOSA TERRA É NOSA. A xeira das Irmandades’ na Feira do Libro da Coruña

Baía Edicións convoca o Acto de Presentación do libro A nosa terra é nosa! A xeira das Irmandades da Fala (1916-1931), de Emilio Xosé Ínsua. Terá lugar na Carpa de Presentacións da Feira do Libro da Coruña (Xardíns de Méndez Núñez) o xoves día 4 de agosto ás 20:30 horas.

Contaremos coa presenza de Emilio X. Ínsua, Goretti Sanmartín e Belén López (Directora Editorial de Baía Edicións).

Esperámosvos!!!

Escolle o teu agasallo de Nadal! Regala un libro!

Non sabedes que agasallar este Nadal! BAÍA ofrece moita variedade cos seus títulos….

–  Para os máis novos contamos cunha gran variedade de libros: DRÁCULA, O MAGO DE OZ, AS VIAXES FANTÁSTICA DE JULES VERNE,  a colección A DRA. PETEIRO, FABULANDO, XIZ DE COR, GRANDES CLÁSICOS ADAPTADOS, TOCA E ESCOITA….

–  Para os amantes da natureza: O CARBALLO, GUÍAS DA NATUREZA, GUÍAS PRÁCTICAS, AS 50 MÁIS COMÚNS

–  Para os que lles gusta a cociña: COCIÑA CASEIRA GALEGA, PEIXES E MARISCOS, SOPAS FRÍAS E QUENTES, COGOMELOS. A COCIÑA DO BOSQUE, APERITIVOS E TAPAS….

–  Para os que disfrutan cos ensaios: BREVE HISTORIA DA CORUÑA, CARTAS NO EXILIO, MODELOS DE LINGUA E COMPROMISO, MARÍA BARBEITO, A POESÍA OCULTA DE FILGUEIRA VALVERDE

E moitos máis… VISITA A NOSA WEB E ESCOLLE!

AGASALLA UN LIBRO NESTE NADAL!

Os trasnos e o público falangueiro

Pensaba poñer imaxes da presentacón de onte de A poesía oculta de Filgueira Valverde e Modelos de lingua e compromiso, pero por non sei que trasno da tecnoloxía as imaxes non dan chegado a nós.

En todo caso agradecer a presenza do numeroso público asistente e ao entusiasmo do debate que provocou que excederamos de novo o horario… ao mellor foi obra do mesmo trasno, que é falangueiro.

Pido desculpas de novo a público e autoría da seguinte actividade por pisarlles 7 minutos.

Presentación dupla: Modelos de lingua e compromiso e A poesía oculta de Filgueira Valverde

Esta tarde, no marco da Feira do Libro da Coruña presentaremos dous ensaios, Modelos de lingua e compromiso, obra na que  Gorreti Sanmartín, Laura Tato,  Manuel Ferreiro e Xose Ramón Freixeiro, coordinados por Xose Manuel Sanchez Rei, todos  investigadores do grupo ILLA, achegan as súa reflexións sobre a calidade da lingua.

En paralelo Xosé Ramón Freixeiro presenta os resultados da súa investigación sobre a obra  do autor homenaxeado no Día das Letras e desvela a autoría de 2 poemas en A poesía oculta de Filgueira Valverde

De seguro dará para o debate, estades todas e todos convidadas; será ás 19:00

 

 

 

 

Baía Edicións na Feira do Libro da Coruña

Como cada ano, Baí Edicións estará presente na Feira do Libro da Coruña no stand da distribuidora, Consorcio Editorial Galego, onde poderedes ver e adquirir os nosos libro e novidades, tamén presentes nos stands das nosas mellores librarías.

Destacamos as obras que se presentarán na Feira:

Martes 4 ás 19:oo, presentación da última obra da colección Baia Verde, A horta sen químicos, de Xan Pouliken.

Mércores 5 ás 19:oo, dupla presentación de dous ensaios nos que particpa o profesor Xosé Ramón Freixeiro: A poesía oculta de Filgueira Valverde, estudo do profesor que demostra a autoría de 2 poemas antes atribuídos a Noriega Varela e Modelos de lingua e compromiso, obra colectiva coordenada por Xosé Manuel Sanchez Rei que afonda na importancia da calidade da lingua en distintos ámbitos.

Tamén poderedes ver outras novidades,  como a obr gañdora do Barriga Verde infantil, O lobo e a lúa, de Andrea Bayer.

 

 

 

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, no acto de homenaxe a María Wonenburger

No seu primeiro acto público como alcalde, Xulio Ferreiro participou na homenaxe que se lle realizou no Paseo da Ciencia do Parque de Santa Margarita á matemática coruñesa nacida en Oleiros María Wonenburger no primeiro cabodano do seu falecemento. No acto estivo acompañado polo concelleiro de Cultura, Deportes e Coñecemento, José Manuel Sande, participaron os científicos Tino Fraga e Ana Tarrío. Foi o 1 de xuño do ano 2011 cando se inaugurou o monolito en honra á matemática galega María Wonenburger coa presenza de María Xosé Bravo.

Ferreiro afirmou que “o alcalde está hoxe onde ten que estar, nunha homenaxe á ciencia, ao coñecemento e a unha das coruñesas máis ilustres”. O rexedor falou, ao igual que Elena Candia, de tradición e memoria, pero dunha memoria e tradición moi distintas: “Hai un día chegamos ao goberno local unha nova xeración; pero novidade non significa que non teñamos memoria. E a nosa memoria ten moito que ver con figuras como a de María Wonenburger, que nos demostra que antes que nós houbo moitos coruñesas e coruñeses que loitaron por un mundo máis xusto”, destacou Ferreiro, que tamén lembrou a faceta “rebelde” da homenaxeada, especialmente pola súa condición de muller, xa que “as mulleres no seu tempo pero tamén agora seguen a ser consideradas intrusas nalgúns ámbitos, sufrindo teitos de cristal que impiden alcanzar as cotas de igualdade que debería haber na sociedade”.

María Wonenburger é unha das protagonistas do libro AS MULLERES NAS MATEMÁTICAS, de Matilde Ríos Fachal, editado por Baía Edicións. Wonenburger foi unha das referencias mundiais no mundo da álxebra, pero a pesar disto e de ter regresado a Galicia xa en 1983, tivo que agardar ata os últimos anos da súa vida para recibir recoñecementos e homenaxes públicas.

Fonte: Praza Pública. Foto: © Concello da Coruña.