Entradas

Xornadas: Historias da Coruña. A memoria da cidade

Con motivo das Xornadas: Historias da Coruña. A memoria da Cidade organízase o día 20 de novembro de 2008 unha xornada dedicada a “María Casares. Memoria e Vida” sendo María Lopo a que realizou a conferencia. Neste mesmo acto tamén se presentou o último libro editado por María Lopo en Baía Edicións Cartas no exilio que incorpora a correspondencia intercambiada entre Santiago Casares Quiroga e a súa filla, a actriz, María Casares. O acto tivo lugar, como non podía ser doutro xeito, na Casa Museo Casares Quiroga.

Presentación do ensaio ‘Xeografía real e mítica das augas de Galicia’ en Santiago de Compostela

Baía Edicións presentou en Santiago o libro Xeografía real e mítica das augas de Galicia, de Gonzalo Xosé de Francisco da Rocha. O acto tivo lugar o sábado 8 de maio de 2010, ás 20:00 horas, na carpa da Feira do Libro de Santiago de Compostela (Paseo da Ferradura) no que intervviron, ademais do autor, Manuel López Torrente (Profesor de Ciencias Sociais e Comunicación de Vigo e xornalista da CRTVG) e Patricia Gómez Uzal (Coordinadora editorial de Baía Edicións).

Texto de Manuel López Torrente na presentación do 8 de maio de 2010 na Feira do Libro de Santiago de Compostela. Ver

Espazo, esa palabra.

Espazo, esa palabra.

Ben tratando distancias siderais ou ben como cuestión básica para a ordenación dos obxectos, representa en xeral a oportunidade para facer cousas, pois son os sitios os que acaban por determinar a nosa acción. Sitios medibles en metros, áreas ou, nese misterio virtual, nos bytes, kilobytes das Novas Tecnoloxías, inaprensibles pero de capacidades inimaxinables.

As mulleres recoñecemos coma ninguén o verdadeiro valor do espazo, e as autoras de maneira especial: É significativo que o ensaio por antonomasia sobre a escrita de mulleres sexa precisamente “un cuarto de seu”, de Virginia Woolf, unha apelación á necesaria disponibilidade de sitios para a súa actividade creativa. O que seica a británica esquecía era tamén esa necesidade de contar con lugares onde ver e falar desa obra, naquela época na forma tradicional do tanxible conxunto de páxinas encadernadas. Na actualidade, esas páxinas teñen ademais a consistencia das pantallas, pero a necesidade segue intacta, ou aínda acrecentada: Temos moitas cousas que contar, e seguimos a precisar de lugares estables onde poder facelo.

E, como non, cando na mesma dimensión atopamos eses espazos e as vontades comúns, o produto resultante son as xuntanzas, verdadeiros viveiros de ideas e propostas, que, no caso da escrita, son impulsados polo motor do entusiasmo. Un entusiasmo que é vello amigo das autoras, fiel compañeiro en todo o seu proceso creativo. Unha xuntanza de escritoras vai ser, basicamente, un espazo do entusiasmo compartido, aínda que sexa nos terreos tan intanxibles do espazo virtual. A vocación común ofrecendo os mellores froitos da árbore da imaxinación e toda a reflexión que ese feito marabilloso implica.

Xuntanza de escritoras é, por tanto, ese recuncho acolledor e cheo de promesas que esta editorial pon a disposición das súas autoras na web, unha sala virtual onde a literatura é o motivo de reunión e que, como calquera estancia confortable, invita á permanencia. Aquí exporemos os nosos traballos, falaremos da escrita e intercambiaremos información sobre iso tan emocionante do negro sobre branco prolongando así a nosa paixón común aos límites case infinitos do ciberespazo. E é, tamén, a cordial invitación a quen se achegue para gozar por uns momentos dese encontro onde as historias e a palabra son os agasallos de benvida.

Texto: Conchi Regueiro

Presentación en Santiago de Compostela de ‘A Arca de Noé’

Presentación do libro Arca de Noé na librería Sargadelos en Santiago de Compostela (2006). Libro multidisciplinar no que teñen cabida outros moitos aspectos, non exclusivamente biolóxicos, que van desde narracións históricas sobre navegación, Erastótenes e a esfericidade da Terra, as investigacións de Alfred Wegener sobre a tectónica de placas e a súa influencia no noso planeta até Thor Heyerdal e a expedición da Kon-tiki, a conquista do planeta azul polos humanos, a caza das baleas etc. Read more