Entradas

Dixitalizar os montes de todos

A iniciativa “O monte é noso, sachando procomún” crea conexións entre entidades locais e software libre para manter vivos os montes comúns.

O monte común é parte do patrimonio cultural galego: unha modalidade ancestral de autoxestión e propiedade colectiva que se vai ver afectada polo anteproxecto de Lei de racionalización e sostibilidade da administración local, coa posible perda de 3700 mancomunidades. “O monte é noso_Sachando Procomún” é un proxecto que nace da unión de varios colectivos de diversa índole cultural e artística coa finalidade de xuntar os conceptos de tecnoloxía (rede) e terras (monte) baixo un mesmo fin: a permanencia dos montes en mancomunidade.

“Unido ao rural e á idea de procomún, o proxecto desenvólvese baixo o lema reivindicativo “O monte é noso” e os seus principais obxectivos son, por un lado, facilitar a visibilidade dos montes comunais a través das novas tecnoloxías aplicadas á cartografía; e, polo outro, crear sinerxías entre as comunidades de montes para a mellora no aproveitamento e sostibilidade das terras. Unha rede de apoio mutuo que lles permita compartir experiencias aos comuneiros e axude a implementar a revalorización dos montes”

A iniciativa xorde dous anos atrás na Summerlab Feira Imaxinaria 012 de Vigo, como relata Álex Fernández, un dos participantes no proxecto: “alí encontrámonos varias xentes interesadas en atopar formas alternativas de gobernanza”. Xorde, entón, a idea de decantarse polos montes en man común, unha realidade social que se xestiona en liberdade de axentes externos. Os colectivos que forman parte do proxecto son Alg-a.org (comunidade de artistas), Rural Contemporánea (colectivo de acción social no medio rural), Asociación Artesáns de Innovación (creatividade aplicada á artesanía), Tecnologías Apropiadas e Constelaciones (medios dixitais).

O procomún dos montes veciñais
A idea de procomún (pro-proveito e común), que na actualidade se desenvolve no Laboratorio de MediaLab Pro en Madrid, rompe a clásica dicotomía público/privado. É dicir, os montes comunais non son xestionados pola Administración pública nin por unha entidade de carácter privado. O colectivo defende o procomún como “a nova maneira de expresar unha idea moi antiga: que algúns bens pertencen a todos; e que forman unha constelación de recursos que herdamos e creamos conxuntamente e que esperamos legar”. A súa principal característica é que son os propios veciños (coñecidos como comuneiros/as), que residen de maneira habitual nese territorio, os copropietarios del e os que deciden o seu uso e xestión. Son capaces de establecer gobernanza a través do consenso e do costume.

O monte é noso_Sachando Procomún quere dar visibilidade non só ao aspecto económico do monte, senón tamén ao seu carácter social e de benestar medioambiental, “o monte é moito máis ca unha terra que explotar”, afirman. Estase producindo desde hai anos unha reapropiación dos montes comunais por parte das institucións baixo a premisa de que estes están inutilizados e en mans de ninguén. Nada máis lonxe da realidade, se antigamente o monte comunal representaba un ben vital (alimento do gando, fertilizante, leña…) para o desenvolvemento das persoas, hoxe é un recurso engadido para as comunidades de montes.

Os montes en mancomún e as entidades locais veranse afectados polo anteproxecto de Lei de racionalización e sostibilidade da administración local se finalmente entra en vixencia. Co obxectivo de que estas entidades se adapten á Lei orgánica de estabilidade presupostaria e sostibilidade financeira, “disolveranse as 3725 entidades locais menores existentes, entre as que están as pedanías ou as parroquias, que pasarán a ser absorbidas polos Concellos dos que dependan” e, polo tanto, a xestión actual dos seus montes, escolas, dereitos de caza, etc. En Galicia hai 9 parroquias que son entidades locais menores. Unha en Ourense, en Berán (Concello de Leiro), e oito en Pontevedra (Gondomar), Pazos de Reis (Tui) e Queimadelos e Vilasobroso (Mondariz). Faranno aquelas mancomunidades “cuxa sostibilidade financeira non estea asegurada e as súas competencias pasarán a ser exercidas polas deputacións provinciais, que se reforzan”.

Na actualidade, existen arredor de 640 000 hectáreas de montes comunais e aproximadamente 150 000 comuneiros/as. Concéntranse sobre todo na provincia de Ourense, onde acadan case o 40% dese territorio. Pódese establecer que máis de 500 000 persoas están directamente relacionadas cos montes comunais, representando aproximadamente 1/6 do total da poboación galega. De feito, entre un 20 e un 30% da poboación das provincias de Ourense, Lugo e Pontevedra son partícipes nos montes en man común, mentres que na provincia da Coruña esta porcentaxe descende ao 5% segundo Francisco Quiroga, investigador do proxecto. Na actualidade, en Galicia o 51,6% da superficie veciñal está xestionada pola Administración, o 44,3% polas propias comunidades e o 4% da superficie está abandonada.

Cartografía estendida
Unha das iniciativas que está levando a cabo o proxecto O monte é noso_Sachando Procomún é a creación dun mapa en liña interactivo que xeolocaliza e delimita todos os montes en mancomún que existen en Galicia. “Trátase dunha forma de facer visibles os montes e que os comuneiros compartan experiencias e formas de xestionar o monte” afirma Fernández. Pretenden tecer, desta maneira, unha gran rede de comunicación eficiente para o intercambio de prácticas e experiencias entre as comunidades de montes. A idea é que de forma intuitiva calquera poida navegar no mapa e editar contidos (subir fotos, vídeos, audios, textos…), contribuíndo á construción dun coñecemento base arredor dos montes en man común. A información organízase en diferentes capas/niveis distinguindo o plano material (recursos do monte), fronte ao inmaterial (actividades socioculturais que dinamicen as comunidades).

Lar comunal
Outra proposta deste grupo de colectivos é a xénese dun grupo de investigación coñecido como Lar comunal e cuxa función é indagar sobre a xestión do chan dos montes comunais, tanto en Galicia coma noutros lugares con realidades semellantes (norte de Portugal, Alemaña ou Polonia), ter claro cal é a lexislación que o regula e ver que posibilidades e usos, ademais de gobernanza e aproveitamento, poden ofrecer as comunidades de montes: “crear un laboratorio aberto para a investigación dos montes comunais e a súa xestión baseándose no procomún que xere un lugar para a documentación e arquivo”.

Intervencións artísticas
O monte é noso_Sachando Procomún pretendeu tamén o lanzamento dunha convocatoria aberta de residencia coa finalidade de desenvolver intervencións nos montes comunais. Comezan cunha proposta específica no monte de Valadares (Vigo) e vai dirixida a arquitectos, permacultores, enxeñeiros, biólogos, sociólogos, músicos… Xunto aos propios comuneiros e tras rematar a convocatoria, “elixiremos os proxectos que sexan máis adecuados ao que pretendemos no monte”. Ao mesmo tempo, desenvólvense outro tipo de accións paralelas coma obradoiros (sobre redes sociais, xestión de subvencións, música para os nenos), exposicións, libros, etc.

Fonte: culturaggalega.org

A nova lei de montes do PP abre a posibilidade da recalificación urbana dos montes queimados

O ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, presentou hai unha semana a varias ONGs ecoloxistas o cuarto borrador da futura Lei de Montes. Un texto que, no seu artigo 50, contempla a posibilidade de recalificar montes arrasados polo lume. “Con carácter excepcional as comunidades autónomas poderán acordar cambio de uso forestal cando concorra un interese xeral prevalente o cal deberá ser apreciado mediante lei, sempre que se trate de terreos de titularidade pública e que se adopten as medidas compensatorias necesarias que permitan recuperar unha superficie forestal equivalente á queimada. Tales medidas compensatorias deberán identificarse con anterioridade ao cambio de uso”.

Así o recollía a semana pasada o diario El Confidencial que apuntaba que pese a que o texto aínda non é o definitivo, Greenpeace alerta de que este novo parágrafo (engadido agora sobre o texto orixinario da Lei 43/2003 de 21 de novembro) abre a porta a posibles recualificacións de montes queimados para convertelos en urbanizables. “Durante a reunión, o ministro Arias Cañete asegurounos que isto só se aplicaría en casos excepcionais, pero temos o razoable temor de que, como ocorre tantas veces, a excepcionalidade póidase converter en norma”, en palabras de Mario Rodríguez, director de Greenpeace en España.

Para evitar que a avaricia especulativa inspirase a propietarios de montes e construtores a arrasar con lume espazos naturais para a súa posterior recualificación, como ocorreu de forma reiterada desde os anos 70 en España coincidindo co boom inmobiliario, a actual lexislación española prohibe taxativamente o cambio de uso dos espazos queimados no prazo de 30 anos. É dicir, se un monte arde a súa recuperación está protexida pola prohibición de cambio “de uso forestal polo menos durante 30 anos” e pola imposibilidade de realizar nese espazo “toda actividade incompatible coa rexeneración da cuberta vexetal, durante o período que determine a lexislación autonómica”.

Fonte: Valminor

A LIMIA: onde unha man da Xunta non sabe o que fai a outra

Desde o desougamento da lagoa de Antela hai medio século, cun proxecto realizado en apenas 2 meses e modificado sobre a marcha durante os máis de 6 anos de obras, a ordenación do territorio e a planificación das actividades humanas produtivas (agricultura, gandería, industria, minería) brillan pola súa ausencia na Limia, deixando o presente e futuro da bisbarra en mans da improvisación e, mesmo, do surrealismo.

A última mostra, polo de agora, de actuacións caóticas e descoordinadas das administracións públicas na Limia ven outra vez da Xunta de Galicia: mentres cunha man (Consellería de Medio Rural e do Mar) declara á Limia como Zona de Especial Interese Agrario e proxecta catro novos plans de regadío, coa outra man (Consellería de Economía e Industria) somete a información pública un proxecto mineiro para extraer feldespatos a ceo aberto coincidindo exactamente cunha das catro zonas que se pretende transformar en regadío (a de Corno do Monte cunha superficie de 1060 ha e un investimento de entre 8 e 12 millóns de euros).

A descoordinación é tal que durante varias semanas coincidiron no tempo os trámites de información pública de ámbolos dous proxectos, aos que SGHN presentou ás oportunas alegacións.

Máis información en www.sghn.org

Ouro, caciquismo e loita en Corcoesto

Se finalmente a Edgewater logra explotar a metade da superficie de Corcoesto, farao coa oposición de gran parte dos veciños non só desta parroquia, senón de todo o concello de Coristanco. Quedou claro este domingo, cando a oposición á macromina de ouro logrou reunir a un milleiro de persoas na capital municipal. Era a primeira gran convocatoria en contra do proxecto da empresa canadiana.

Os veciños falan para as cámaras de Tingalaranga

Antes da manifestación, GC achegouse a Corcoesto para falar cos veciños. O seu principal argumento é que por 10 anos de minaría tanta destrución non vale a pena.  “Vivimos das vacas e da madeira” razonan antes de lembrar o estudio do Sindicato Labrego Galego que apuntan a que 1.000 explotacións gandeiras se verían afectadas.

Tamén lembran o estudio do Centro Superior de Investigacións Científicas, que indica que o Río Anllóns ten 2,1 veces os límites de arsénico permitidos pola Lei, debido á minaría de ouro dos ingleses de hai cen anos.

Os veciños falan de prácticas caciquís por parte dos alcaldes  -a mina toca tres municipios- para dividilos. En particular, critican que un edil actúe de mediador á hora de repartir os postos de traballo: “a empresa de recursos humanos está regentada polo alcalde do Concello de Cabana”. O Concello abriu unha lista para seleccionar persoas para traballar para os americanos.

Os habitantes da parroquia ameazada aseguran que Edgwater mesmo tomaron fotografías da romaría local para poñelas na súa web como  exemplo da boa relación da mina coa xente de Corcoesto, “o que non é real”.

Hai mesmo quen fai paralelismos entre a loita das Encrobas nos setenta e a actual en Corcoesto. “Hoxe non estamos neses tempos pero a presión mediática aquí é igual, aquí hai enfrentamentos, hai familias enfrentadas uns cos outros, son enfrontamentos que non se debían dar nestes tempos”.

Iso si, os habitantes da parroquia admitiron que entre eles hai división de opinións, pois os postos de traballo que xa está a ofrecer Edgewater sirven para convencer a algunhas familias.

A chegada da ‘febre do ouro’ a Corcoesto trouxo consigo outras prácticas típicas da tradición caciquil en Galicia. Edgewater, segundo os veciños críticos, tenta gañarse ao pobo investindo en iniciativas locais, dende patrocinios aos equipos de fútbol até excursións.

En Corcoesto hai xa familias  que venderon as súas fincas -non hai vivendas afectadas- malia que o proxecto aínda necesita superar as alegacións á Declaración de Impacto Ambiental, autoavaliación publicada pola Xunta e pagada pola compañía.

Crónica da manifestación

“Tu-tu-tururú, o arsénico que o métan polo cú” foi un dos berros máis coreados durante a manifestación canda o típico “a culpa de quen é, dos que votan ao PP”. Os veciños están moi preocupados polo impacto que terá a mina nos centos de explotacións agrícolas que quedarían ás beiras da industria.

Curiosamente, as críticas á mina son máis unánimes nas parroquias que ficarán preto da xigantesca fonchanca e de varias balsas de residuos tóxicos que no propio Corcoesto, admiten os veciños. Nesas parroquias non haberá beneficios económicos directos -expropiacións, compra de bens, posíbeis contratos para os fillos dos que vendan a bo prezo ….- e si o impacto dunha industria moi contaminante, que pode dificultar a viabilidade de iniciativas como a agricultura e a gandería ecolóxica ou o turismo rural.

AGE e BNG canda os veciños

A mina afecta directamente a Coristanco, e a súa zona de servidume a outros municipios. Todos teñen alcaldes do PP e todos están a favor da explotación. Ademais, o concelleiro de Medio Rural de Coristanco é do propio Corcoesto, e segundo os veciños críticos actúa como ‘conseguidor’ das demandas da mina.

Polo visto este serán en Coristanco, gran parte do electorado está en contra. Tamén se opoñen forzas como o BNG, que estivo representado por Francisco Jorquera e boa parte dos cargos do Bloque na Coruña, e Anova Irmandade Nacionalista, que estivo representando por Antón Sánchez, deputado de Alternativa Galega de Esquerda.

Jorquera, en declaracións ao GC, atacou o papel da Xunta ao apoiar un proxecto que cualifica de “colonial”. Sánchez destacou que a empresa canadiana marchará cos beneficios do ouro mentres os prexuízos da contaminación afectarán para sempre o peto dos galegos.

Quedan, iso si, tres anos para os próximos comicios electorais. A intención de Edgewater é comezar as obras este mesmo ano. A pelota está no tellado da Xunta, pero tal e como o conta a TVG parece que a decisión xa está tomada.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto: © Monte Pindo Parque Natural

O carballo, de Calros Silvar

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

Nova sobre a presentación do libro no Culturgal

Nova sobre a presentación do libro na Galería Sargadelos

AGPI fala do novo libro de Calros Silvar na súa web

Calros Silvar tamén no Diario de Ferrol falando da nova colección ‘Aventura de vivir’

Brabádegos. Portal de literatura infantil e xuvenil analiza O CARBALLO

Máis información

Compendio de herbas máxicas, de Montse Rubio

Antigamente homes e mulleres vivían fortemente ligados á natureza, tanto é así que as súas actividades vitais estaban vinculadas aos seus ciclos naturais e, polo tanto, eran grandes observadores das súas bondades e crueldades.

Co tempo fixémonos moi hábiles no coñecemento das súas calidades, sobre todo das plantas, usándoas para curar  e cubrir as nosas necesidades físicas e espirituais.

Só recentemente, co desenvolvemento da ciencia moderna, se deixou de lado o uso místico e espiritual das plantas, relegándoo en pouco tempo case ao esquecemento.

Este libro pretende ser unha homenaxe a ese uso “máxico-espiritual” relegado e ás meigas, feiticeiras e meigos, que, co seu bo facer, axudaron e axudan aínda hoxe en día a tantas persoas.

Con todo, non está de máis ter en conta que a natureza é unha arma de dobre fío e, por iso, espero que saibades empregar este Compendio non como un manual de consulta, para iso hai outros libros, senón como un achegamento a un aspecto tan importante da nosa tradición cultural, real-fantástica.

Máis información

Unha comisión europea vén a Galicia para estudar sobre o terreo varias denuncias de contaminación das rías

A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo viaxará ás rías de Vigo, Ferrol e o Burgo entre o 12 e 13 de febreiro para analizar  once denuncias presentadas por diferentes asociacións cidadás sobre os altos niveis de contaminación que sofre a zona, que poderían vulnerar as leis europeas de protección ambiental.

A delegación parlamentaria estará composta polo eurodeputado conservador francés Philippe Boulland, a austriaca do Grupo ALDE Angelika Werthmann e a letona do Grupo Verdes/EFA Tatjana Zdanoka. Acompáñanos ademais os eurodeputados españois Francisco Millán Mon (PPE), Carlos Iturgaiz (PPE), Antolín Sánchez Presedo (S&D), Ana Miranda (Verdes/EFA) e Willy Meyer (GUE/NGL).

Os membros da delegación reuniranse cos denunciantes, coas comunidades locais máis afectadas por esta situación e coas autoridades locais e rexionais, como o alcalde de Vigo Abel Caballero, o Conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández e a Conselleira de Mar e o Medio Rural, Rosa Quintana.

Entre as asociacións e grupos de cidadáns que presentaron estas denuncias en Bruxelas atópanse a Plataforma Pola Defensa da Ría de Vigo, a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón, as confrarías de pescadores e mariscadores de Ferrol, Barallobre e A Coruña, O Comité Cidadán de Emerxencia para a Ría de Ferrol e o partido Esquerda Unida, entre outros.

Queixas de asociacións galegas

A Comisión de Peticións da Eurocámara recibiu un total de 11 peticións de cidadáns e asociacións galegas, que denuncian os altos niveis de contaminación da auga en diversas zonas costeiras, sobre todo en varios estuarios incluídos na lista de enclaves da biodiversidade protexidos pola directiva europea Natura 2000. A maioría das denuncias foron previamente discutidas en Bruxelas cos denunciantes, denominados “peticionarios”.

As causas da contaminación da auga parecen estar relacionadas na súa maioría co tratamento deficiente das augas residuais urbanas en varios puntos, así como a existencia de diversas instalacións industriais na zona. Os eurodeputados realizarán visitas sobre o terreo para coñecer as áreas xeográficas principalmente afectadas: a baía de Vigo e os dous estuarios de Ferrol e O Burgo (A Coruña).

Tres de once peticións ou denuncias estudadas polo Parlamento desembocaron xa en procedementos de infracción abertos pola Comisión Europea en Vigo e o estuario do Burgo. Tras este encontro coas partes interesadas e as visitas sobre o terreo, os membros da delegación elaborarán un informe con recomendacións que serán debatidas pola comisión parlamentaria máis adiante.

Fonte: GaliciaHoxe

O PICAPEIXE

O río estaba tranquilo, as árbores e o seu teito verde de follas quedo, só o son  tímido do esvarar das augas bañando pedras e brións quebraban o delicado silencio da paisaxe. Entón foi de súpeto primeiro soou un agudo “tiit” como un asubío frenético e a continuación algo se disparou a rente polo río. Apareceu da nada e perdeuse ao longo da canle a unha velocidade de vertixe; só se podía afirmar que era azul. Esta escena pode ser moi habitual nos nosos ríos, é o paso voando do paxaro máis fermoso do bosque das augas,o picapeixe. É unha mágoa que tanta fermosura pase como un lostrego azul e se perda máis aló da nosa vista. Pero nunha debemos perder a esperanza de que algún día decida pousarse nunca póla do río, preto de nós, e por fin podemos ver con detalle aquel trasno azul que chiou  tantas veces  correndo sobre o río.

O picapeixe (Alcedo atthis) é un ave realmente pequerrecha, pode coller nun puño pechado. O seu colorido é inconfundible xa que abarca unha gran variedade de cores rechamantes. As súas partes superiores son azul verdosas apencadas de branco e o ventre dunha rechamante cor alaranxada que o chegar á gorxa se troca en branco, as ás e a cola son curtas, as patas moi pequenas son dunha cor vermella viva. Pero o que máis nós sorprende e o seu peteiro, que se fai enorme comparado o seu corpo. Esta é a súa arma esencial para a súa caza no interior das augas do río en procura de peixes. O peteiro e escuro, pero no caso das femias pode observarse na parte inferior unha liña arrubiada.

Nos nosos ríos o picapeixe é un ave pouco abondosa se o comparamos con outros ríos da Península. Este aniña á beira dos nosos ríos, en augas someras e transparentes, parcialmente sombreadas e que non resulten turbulentas. É tamén importante que teña próximo o lugar de cría árbores que lle proporcionen pólas longas para lanzarse á auga e pescar.

O niño do picapeixe é moi curioso,trátase dun buraco feito en cámaras verticais de terra, a entrada que ten de 5 a 7 cm de diámetro comeza a ser escavada a peteirazos, para iso a ave ten que peneirarse e usar o seu forte peteiro para comezar as obras, logo cando xa ten o oco para apoiarse na terra continúa coas patas, e segue escavando sen deterse ata lograr unha galería de case un metro de lonxitude que remata nunha cavidade esférica onde a femia de picapeixe terá a súa intimidade para por os ovos. Os ovos soen ser de 6 a 8, brancos, redondos e moi brillantes, estes o deposita directamente no solo aínda que máis tarde os cobre coas espiñas dos peixiños que caza do río.

A parella de picapeixes traballa á par para incubar os ovos xa que son o redor de 20 días dándolle calor para que poidan chocar, despois deste tempo saen os pitos e comeza outro traballo, o de alimentalos, para iso os seus pais teñen que escoller ben a comida  e cazar peixes que non superen 1 cm de lonxitude, para que poidan tragalos con facilidade. A medida co pito vaia medrando o peixe pode ter maior talla. Os polos  non tardaran en voar, pasado un mes xa teñen a súa propia vida no río, unha vida que comeza sendo solitaria pero que rematará en febreiro cando teña que buscar parella.

Texto: Miguel Anxo Fernández Martínez

‘O carballo’ preséntase hoxe na Casa das Ínsuas

Baía Edicións e A Casa das Ínsuas (Rábade) convidan a todas as nosas usuarias e usuarios ao acto de presentación de O CARBALLO, de Calros Silvar que terá lugar o xoves día 3 de xaneiro de 2013 na C.E.N. Casa das Ínsuas (Rábade) á 13:30 h.

 

A PIRÁMIDE DA CODICIA EN CORCOESTO. 2

Como sinalamos o pasado día 20, cando se trata de megaproxectos, como o de minería de ouro que Edgewater Exploration Ltd quere poñer en marcha en Corcoesto, é moi dificil para a meirande parte da xente facerse tan siquera unha idea aproximada das magnitudes de que se fala e comprender o que realmente significan.

Porque, cales serían as consecuencias para Galicia de que Edgewater Exploration Ltd se leve para Canadá as 34 toneladas de ouro que quere extraer en Corcoesto?

Nada mellor para explicalo que un gráfico que vale máis que mil palabras en www.sghn.org.

Ademais, con palabras sinxelas e explicacións claras ponse ao alcance de todo o mundo comprender o proxecto de Edgewater e cales serían as súas consecuencias, agrupándoas en tres apartados:

– O que é certo para o café tamén o é para as rochas.

– Onte foi Nadal, velaquí o regalo envelenado do “Papa Nöel” Edgewater Exploration Ltd para os galegos.

– Queren levarse o ouro e deixar os velenos. A Xunta quere subvencionalos.

Toda a información en www.sghn.org

Foto: Diário Liberdade