Entradas

Os recortes da Xunta lévanse por diante máis de 1.000 profesores para o curso que vén

Cando menos, os centros públicos de Galicia comezarán o vindeiro curso cun baleiro de 1.000 profesores. A Xunta vén de publicar as listas profesionais de docentes interinos que iniciarán o seu traballo no mes de setembro e, tal e como destaca a CIG, o cadro de persoal do ensino medio terá 999 mestres menos dos que tiña hai un ano. Iso, como mínimo.

Así, e segundo os datos facilitados polo sindicato nacionalista, a Consellaría de Educación vén de adxudicar seis prazas menos en Primaria e 993 menos en Secundaria. O Goberno galego asegura que non son listaxes definitivas, pero a variación será mínima. O que non é definitiva é a perda de docentes, xa que como aclara Anxo Louzao, secretario nacional de CIG-Ensino, “o dato de eliminación de profesorado irá a máis cando se coñezan as vacantes de xubilacións que non serán cubertas”, un dato que será público no vindeiro mes de setembro.

En Secundaria, calcúlase que serán sobre 200 os profesores que accederán á xubilación e cuxos postos non serán cubertos, polo que a perda de docentes agudizarase, ao que hai que incluír a morea de recortes que a educación pública leva sufrido nos últimos anos durante o Goberno do PP. “Nesta lexislatura, o PP destruíu máis de 3.000 postos de traballo no ensino público, mentres se reforza o privado”, engade Louzao, que advirte da “conflitividade” dun curso que se ve afectado tamén pola eliminación de unidades, o aumento das ratios por aula e, en consecuencia, “o empeoramento da calidade da ensinanza”.

Louzao enumera as “continuas agresións” que o ensino público leva sufrindo en Galicia nos últimos anos e lembra tamén que 161 docentes especializados en determinadas manterias “non teñen aínda destino e, con moita probabilidade, acabarán por non impartir hora ningunha da súa especialidade, sen saber tampouco cando se incorporarán ao seu posto de traballo”. “O PP é unha máquina de destruír emprego e minar o ensino público; estamos falando de profesorado interino que levan algún deles máis de 20 anos traballando”, asegura.”Quen máis sufrirá estes recortes será o alumnado”, recorda Anxo Louzao.

“Quen máis vai sufrir estes recortes son os alumnos, que xa non terán profesorado de apoio, nin especializado nin de atención á diversidade, por poñer varios exemplos”, insiste Louzao, que advirte de continuas mobilizacións e que recorda que a “conflitividade xa existente” nos centros públicos aumentarase cando se confirmen os novos recortes. “Estamos a vivir e a sufrir permanentes agresións a todos os dereitos democráticos, ás conquistas sociais e laborais que non paran de poñerse en telas de xuízo”, remata.

Fonte: Praza Pública

Foto: Anxo Louzao, á dereita, responsable de CIG-Ensino.