Entradas

IV Premio de microrrelatos “Mulleres progresistas”

Poderán participar todas as Mulleres que o desexen, de calquera nacionalidade ou cultura e maiores de 16 anos. Cada participante poderá presentar un máximo de 3 microrrelatos que deberán ir escritos en galego normativo.

O tema será libre, pero con especial valoración de aqueles que traten e reflexionen sobre os distintos aspectos da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes (corresponsabilidade, dereitos, empoderamento, etc.).

Enlazando o carácter reivindicativo coa vertente literaria, o microrrelato será por tanto de natureza narrativa e non de mera proclama. Teranse en conta por isto aspectos como a calidade literaria e a orixinalidade das obras.

Os microrrelatos deberán levar título e ter un máximo de 100 palabras (excluido o devandito título).

As obras serán orixinais e inéditas, non estando difundidas por ningún tipo de medio, nin en papel, nin electrónico. Se calquera dos microrrelatos presentados a este concurso incumprise tal requisito, recibira premio ou estivese pendente de resolución noutro certame, quedaría automaticamente descalificado. Tampouco serán admitidos aqueles microrrelatos que atenten contra os dereitos á intimidade, ao honor e á propia imaxe de terceiros/as ou que podan ter connotacións racistas, sexistas e/ou discriminatorias.

As autoras e as/os representantes legais (no caso de minoría de idade) responden ante a organización da autoría e orixinalidade do microrrelato, asumindo a súa total responsabilidade e deixando á Asociación Mulleres Progresistas a salvo fronte a reclamacións de terceiras persoas neste sentido.

Segundo o número e calidade dos microrrelatos recibidos designaranse até 10 finalistas, entre as que se elixirán os premios do certame:

1º Premio: 300 €, figura e diploma
2º Premio: 200 € e diploma
3º Premio: 100 € e diploma

Presentación pública das bases en outubro de 2015.

Os traballos presentaranse no formulario que consta na web da asociación (www.mulleresprogresistas.org), apuntando tamén o nome, apelidos, DNI, data de nacemento, enderezo postal, enderezo electrónico e teléfono de contacto. No caso das participantes menores de idade, no momento de aceptar as presentes bases, terán que estar asistidas pola persoa que ostente a súa tutela legal, quen deberá encher os apartados correpondentes do formulario de envío dando o seu consentimento.

O prazo de admisión para a recepción de traballos péchase ás 23:59 horas do 25 de novembro de 2015. Non se admitirán traballos fóra dese prazo, nin sequera por un retraso de minutos.

MÁIS INFORMACIÓN

Se queres ler os [Premios de Relatos ‘Mulleres Progresistas’ 2007-2011] podes facelo no título OBRAS BREVES DE IMAXINACIÓN.

SGHN colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) é unha entidade ambientalista sen ánimo de lucro e independente, fundada en 1973 baixo o nome de Grupo Ornitolóxico Galego (GOG) que, a pesar do que o seu nome indica, non restrinxía o ámbito de actuación á ornitoloxía e, por iso, en 1976 xestionou a súa conversión na actual SGHN (1977).

GOG – SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando se crean o Ministerio de Medio Ambiente e a Consellería homónimas, en 1996 e 1997 respectivamente, a SGHN levaba case un cuarto de século estudando e defendendo o patrimonio natural galego.

A SGHN ten representación no Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e pertence á Federación Galega de Mergullo; participa no programa anual Coast Watch de avaliación ambiental da beiramar e nas campañas Clean the World.

Participa na custodia do territorio a través da Fundación Fragas do Mandeo e fundou e xestiona o Museo da Natureza, situado en Ferrol, sede da colección de mamíferos mariños máis importante do Estado.

Dende 1973 realiza anualmente o Censo Invernal de Aves Acuáticas e en 1995 publicou o Primeiro Atlas de Vertebrados de Galicia.

Coordinou o Programa de Conservación do Arao Ibérico da Unión Europea.

Participa nos trámites de información pública e Avaliación de Impacto Ambiental dos proxectos públicos ou privados e presenta denuncias por delitos contra o medio natural.

Dende 1978 publica a revista Brañas, o voceiro Paspallás e monografías e boletíns divulgativos. Á par desenvolveu unha intensa actividade loitando contra a caza das baleas, a ameaza nuclear, as mareas negras, os incendios forestais, a persecución do lobo, a protección de espazos naturais, a depuración das augas, as minicentrais, as especies invasoras e tantas outras ameazas que penden sobre medio natural galego.

A SGHN organiza Xornadas, Congresos e actividades de educación e divulgación ambiental a través da súa sede central en Santiago de Compostela, das delegacións territoriais (Ferrol, As Mariñas, Ourense, Pontevedra) e seccións (Antela, Astronomía e contaminación lumínica, Entomoloxía, Herpetoloxía, Ornitoloxía e Vertebrados mariños).

Podes obter máis información e contactar coa SGHN a través da súa páxina web: www.sghn.org

Un estudo sinala o risco de “extinción dixital” do galego, eúscaro e catalán

O galego, o eúscaro e o catalán son algunhas das linguas minoritarias europeas que están en risco de “extinción dixital” polo pouco apoio que teñen nas novas tecnoloxías, segundo conclúe un estudo da Universitat Politècnica de Catalunya (UPC) e a Universitat Pompeu Fabra (UPF).

Nun comunicado, ambas as universidades informaron de que tras analizar áreas como a tradución automática, a interacción coa voz, a análise textual e a dispoñibilidade de recursos lingüísticos estas tres linguas teñen un apoio “parcial”, o que as sitúa no conxunto de alto risco, igual que o búlgaro, o grego, o húngaro e o polaco.

O estudo, que avaliou o apoio tecnolóxico co que contan 30 das preto de 80 linguas europeas foi realizado por META-NET, unha rede europea de excelencia formada por 60 centros de investigación de 34 países.

Fonte: Culturagalega

Non hai noite máis longa

Cando pecho os ollos cada noite fago un pequeno exame de conciencia para preguntarme si aproveitei cada instante do día, ou si, simplemente, estraguei esas poucas horas irreparables que me levan un paso mais cara o que será o meu derradeiro instante.

A miña avoa faleceu con 87 anos, ata o seu último alento desexou vivir cada minuto, aferrándose desesperadamente ó escaso tempo que lle quedaba. Ninguén lograba entender qué a retiña neste mundo, víctima de fortes dores, prácticamente aparcada nunha cadeira durante horas e horas, aguantando o silencio incómodo da sutil soedade, e ela, só desexaba extender o seu tempo ó máximo.

Trato de imaxinarme o que pode sentir unha persoa nesas circunstancias, o que eu mesma sentirei cando chegue a hora final. A miña homenaxe para todos eses anciáns a quen se lles foi apagando a voz, inmersos no remuíño da acelerada sociedade na que vivimos.

Se queres ler o texto clica aquí.

Foto: Solinatura

Texto: Natalia Carou

 

Espazo, esa palabra.

Espazo, esa palabra.

Ben tratando distancias siderais ou ben como cuestión básica para a ordenación dos obxectos, representa en xeral a oportunidade para facer cousas, pois son os sitios os que acaban por determinar a nosa acción. Sitios medibles en metros, áreas ou, nese misterio virtual, nos bytes, kilobytes das Novas Tecnoloxías, inaprensibles pero de capacidades inimaxinables.

As mulleres recoñecemos coma ninguén o verdadeiro valor do espazo, e as autoras de maneira especial: É significativo que o ensaio por antonomasia sobre a escrita de mulleres sexa precisamente “un cuarto de seu”, de Virginia Woolf, unha apelación á necesaria disponibilidade de sitios para a súa actividade creativa. O que seica a británica esquecía era tamén esa necesidade de contar con lugares onde ver e falar desa obra, naquela época na forma tradicional do tanxible conxunto de páxinas encadernadas. Na actualidade, esas páxinas teñen ademais a consistencia das pantallas, pero a necesidade segue intacta, ou aínda acrecentada: Temos moitas cousas que contar, e seguimos a precisar de lugares estables onde poder facelo.

E, como non, cando na mesma dimensión atopamos eses espazos e as vontades comúns, o produto resultante son as xuntanzas, verdadeiros viveiros de ideas e propostas, que, no caso da escrita, son impulsados polo motor do entusiasmo. Un entusiasmo que é vello amigo das autoras, fiel compañeiro en todo o seu proceso creativo. Unha xuntanza de escritoras vai ser, basicamente, un espazo do entusiasmo compartido, aínda que sexa nos terreos tan intanxibles do espazo virtual. A vocación común ofrecendo os mellores froitos da árbore da imaxinación e toda a reflexión que ese feito marabilloso implica.

Xuntanza de escritoras é, por tanto, ese recuncho acolledor e cheo de promesas que esta editorial pon a disposición das súas autoras na web, unha sala virtual onde a literatura é o motivo de reunión e que, como calquera estancia confortable, invita á permanencia. Aquí exporemos os nosos traballos, falaremos da escrita e intercambiaremos información sobre iso tan emocionante do negro sobre branco prolongando así a nosa paixón común aos límites case infinitos do ciberespazo. E é, tamén, a cordial invitación a quen se achegue para gozar por uns momentos dese encontro onde as historias e a palabra son os agasallos de benvida.

Texto: Conchi Regueiro