Entradas

Segue aumentando o consumo de produtos ecolóxicos en Galicia

Malia a crise, o consumo de produtos ecolóxicos en Galicia segue medrando. Así se desprende do 2º Barómetro
 “Percepción e consumo de alimentos ecolóxicos en Galicia 2013” realizado polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA) e que se presentou onte na Coruña.

Así,  en 2013 medrou a porcentaxe dos que levan máis de tres anos consumíndoos: en 2010 -ano no que se fixo o primeiro barómetro- eran un 40% dos consumidores de produtos ecolóxicos e en 2013 subiu a un 60%. “Quen empeza a consumilos queda prendado e non abandona”. O 20% deste consumidores incluso aumentou o seu gasto neles.

Consumimos produtos ecolóxicos pola nosa saúde

Preguntados polo principal motivo para comezar ou seguir consumindo alimentos ecolóxicos, para a maioría dos enquisados a resposta foi “por saúde, por evitar pesticidas e produtos químicos” . O máis habitual é que o produto co que comeze o consumo destes alimentos sexan vexetais, froitas e derivados lácteos, de feito en Galicia prodúcense as tres cuartas partes do leite ecolóxico de toda España.

O traballo, realizado mediante enquisa telefónica  a 1.139 persoas entre o 14 de outubro de 2013 e o 13 de novembro, amosa que a día de hoxe o 92% dos galegos coñecen ou ouviron falar dos alimentos ecolóxicos, cando esa cifra era no 2010 dun 73%.

En canto ao criterio empregado para mercar un alimento de calquera tipo, máis do 80% dos enquisados dixo mercalo pola súa calidade

Con que asociamos os alimentos ecolóxicos?

Preto dun 80% dos galegos dí que son produtos que non usan pesticidas químicos, un 70% di que non teñen aditivos nin colorantes, e o 55% coida que son máis naturais. A cuarta característica coa que se asocian é o prezo, un 35% afirman que son “máis caros”. “Os custos de produción encarecen alguns produtos pero noutros casos non é certo, hai produtos certificados no noso consello que son competitivos cos convencionais, como a sidra.  Os custos débense a que non empregamos  substancias que aceleren os crecemento das prantas nin dos animais, as gandeirías son producións extensivas con máis tempo e terreo para pastar. A calidade ten un prezo, pero o certo é que vai subindo o número de consumidores e produtos certificados no Consello”. A produción ecolóxica certificada medrou de media nestes últimos anos un 7%.

Os galegos reclaman máis presenza de produtos ecolóxicos nos establecementos de alimentación

No relativo ao punto de compra, detéctase unha baixada de dez puntos na compra nas grandes superficies subindo un pouco as tendas especializadas, pero aínda así case un 60% merca en grandes espazos se ben en relación á variedade de alimentos ecolóxicos ofrecida polos establecementos de alimentación o 66,8% dos galegos coida que é escasa, “é unha asignatura pendente, temos que tratar de ofrecer máis gama”. Tamén hai que destacar outro dato deste segundo barómetro: existen un 26,3% de marcas brancas de produtos ecolóxicos.  “A gran distribución viu que había un nicho grande de mercado”.

O 70% da producción ecolóxica de Galicia expórtase

O 71,6% dos enquisados nunca consumiu estes alimentos nun restaurante. Por iso o Consello traballa nunha campaña de promoción cos restauradores. “Xa temos en Galicia preto de 20 que ofrecen un menu ecolóxico completo, unha demanda que nos facía o sector, que quería diferenciarse e innovar”. En canto á confianza na certificación, máis do 75% confían “moito ou bastante”  nela, “o cal é moi importante para nós, que valoren o traballo que se está facendo no Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica”,  no que hai inscritos preto de 700 produtores entre persoas xurídicas e empresas e cuxos produtos expórtanse nun 70% fóra da nosa Comunidade.

Fonte: Galicia Confidencial

Foto

Coñecemos un pouco máis a Calros Silvar

Nace en Ferrol e reside en Sada (A Coruña). É diplomado en Interiorismo e Licenciado en Belas Artes (Madrid) e, actualmente, exerce de ilustrador. É debuxante, ilustrador e autor especializado en natureza, interpretación do patrimonio e divulgación ambiental. Imparte charlas, cursos e obradoiros de banda deseñada, debuxo, ilustración da natureza e divulgación ambiental. Comeza o seu periplo profesional como ilustrador editorial, humorista gráfico e autor de banda deseñada, aínda que o seu labor centrouse, durante case trinta anos, no deseño de produto, especialmente de pezas decorativas, para unha emblemática fábrica de porcelana galega. Nesta etapa exerce tamén, durante varios anos, como coordinador e co-monitor en cursos de cerámica en alta temperatura, tanto para nenos como adultos. Natureza, debuxo, escrita, lectura, fotografía e medios audiovisuais son as súas paixóns e o eixo do seu labor actual. MÁIS INFORMACIÓN

  • Bos días Calros Silvar, cóntanos… cando empezaches a ilustrar?

Empecei polos anos 78 ou 79, sendo aínda estudante de Belas Artes, con dúas obras case simultaneamente, unha era un folleto sobre as aves de Galicia, para ser usado polos seus autores (Patiño e Pedreira) nas escolas onde impartían clases… e que acabou sendo a primeira Guía das Aves de Galicia, editada por Galaxia no 1980. A outra foi o primeiro libro dunha colección que chegou a dez tomos, baixo o título de “Historia do Pobo de Xesús”, autoría de Xosé Chao Rego, editado por Edicións do Castro, e que deu pé a que entrara en contacto coa empresa coa que cheguei a traballar máis de 29 anos.

  • Tiveches algún referente ou estilo que che gustase en particular?

Pois a verdade é que non, seguín o meu propio xeito de facer, aínda que si gustaba da obra de certos ilustradores, coma Goñi, por nomear algún sobranceiro daqueles tempos.

  • Cales son as túas ilustradoras e/ou ilustradores favoritas/os?

Hai moitos autores dos que gusto, pero por cinguirme ao eido da ilustración da natureza nomearei algúns deles: Richard Lewington, Keith Brockie, Mitchell Beazley, Bruce Pearson, Christine Hutson, Darren Woodhead, Juan Varela, Diego Ortíz, Dranae, Francisco J. Hernández, Sandra Blair, J. A. Sencianes Ortega… fican moitos no tinteiro.

  • Que é o máis che gusta do teu traballo?

Poder facelo.

  • Algo que sempre me interesou foi o tema da inspiración: como fas? No momento de creación de ilustracións para libros infantís, narrativa, novela… acodes a algún dos teus referentes?

Non: leo o libro, escollo as escenas a ilustrar, maxínoas, emborrancho papel e vou depurando a composición e concretando a técnica e estilo máis acaídos (son un tanto camaleónico neste aspecto).

  • A cal das personaxes que creaches lle tes máis cariño?

Polo tipo de ilustración que fago non teño creado persoaxes, excepto na curta etapa na que fixen humor e banda deseñada. O primeiro e único personaxe que creei foi un neno (Xurxo) que dialogaba e interactuaba co seu amigo, un caracol agudo e sabichón (Balbino).

  • Con Baía nace a colección de Guías da natureza de Baía Verde con 25 títulos xa… entre títulos divulgativos sobre espazos naturais e guías de especies de fauna e flora galega.  Con cal das guías te quedarías? Por que?

Sinto un especial orgullo e aprecio por esta colección, pois foi a proposta miña que Baía a iniciou. A máis emblemática é a Guía de Aves, pero quedei máis satisfeito co resultado final (e falo exclusivamente do meu traballo) das Guía de mamíferos e de libélulas.

  • Con estas guías acadaches o 1º Premio Isaac Díaz Pardo ao mellor libro ilustrado pola Guía dos mamíferos no ano 2007, xunto co Premio Irmandade do Libro, na categoría de Mellor Obra Editorial en 2012. Que sentiches cando te informaron dos premios?

Pois loxicamente grande satisfacción, especialmente por ser unha das miñas guías favoritas. Alén diso, gustoume que se premiara un libro dunha colección emblemática para o noso país, e sen parangón no resto do Estado, pois non hai que esquecer que foi colección pioneira que non ten par en ningunha das outras linguas peninsulares.

  • A maioría dos teus títulos son guías de natureza, verdade?  Que guía foi a que máis traballo che dou?

A Guía de aves e máis a de cogomelos foron especialmente traballosas: a grande cantidade de especies e de detalles a ter en conta abondaron niso.

  • Tiveches algún problema con algún dos autores/as dos libros que ilustraches?

Non, con algún traballei máis comodamente ou con máis sintonía, pero non podo dicir que tivera problemas con ninguén.

  • Poderías explicarnos cales son os pasos a seguir cando realizas unha ilustración dunha ave ou unha árbore, por exemplo?

A primeira fase é a de documentación e, neste senso, procuro ter a miña propia documentación: bosquexos feitos pola miña man e directamente dos exemplares; se non queda outra utilizo outro material de referencia, empezando por fotos que eu mesmo poda ter feito ou material que o autor forneza.

Logo ven a fase de bosquexar no papel o exemplar ou a escena e, unha vez concretado, paso á fase de dar cor. Como traballo con acuarela, ás veces fago varias ilustracións ao tempo, aproveitando os tempos de secado dunhas para avanzar nas outras.

Unha terceira fase é, logo de escaneada a ilustración final, limpala e retocala dixitalmente.

  • E, en cuestión, de tempos… canto che leva facer unha ilustración para unha guía?

Pois depende moito do tema que se trate e no número de ilustracións que haxa que facer por cada especie, ou mesmo o nivel de detalle ou estilo que o autor do texto prefira. Algúns queren ilustracións máis soltas, tipo bosquexo, outros prefírenas moi detalladas… por termo medio digamos que entre 8 e 16 horas, pois as editoriais tamén marcan un ritmo e non podes durmir nos loureiros.

  • En 2012 nace a colección Aventura de vivir e, con esta colección, O carballo… Que pretendes con este libro?

Foquei o libro na dificultade que os seres vivos teñen para sobrevivir na natureza… e, a maiores, enfrontados co máis temible dos predadores: os humanos. Alén diso, o libro destaca, e tenta divulgar, a importancia ecolóxica, económica e cultural desta especie na nosa sociedade e no noso contorno natural.

  • A que público vai dirixido? Poderías explicarnos que podemos atopar neste libro?

Vai dirixido a nenos a partires de 10 anos e rapaces e adultos que non teñan especiais coñecementos no ámbito das ciencias naturais. É un libro de divulgación, interdisciplinar, no que tanto se fala de como dexergar as diferentes especies do xénero Quercus que habitan na nosa contorna, do seu hábitat e ecoloxía, como da súa importancia económica ou mitolóxica nas diferentes culturas europeas.

  • Visitaches moitos centros educativos presentando o teu libro, verdade? Que reacción atopaches no alumnado?

Si, xa levo varios Centros visitados e, polo xeral, despértase a curiosidade logo dun inicio tinxido de certa incredulidade… iso de que che vaian “soltar o roio” sobre unha árbore, así de primeiras, non soa moi ben!.

  • E falando nun ámbito máis global, como ves o papel da ilustración galega neste momento?

No mellor momento da súa historia, cun importante número de autores dunha calidade excepcional. Hai moita creatividade e calidade no país, mesmo recoñecida a nivel mundial.

  • E a situación no mercado editorial hoxe en día?

Pois nun dos peores momentos, hoxe a situación é case de parálise, e só nos salva a diversificación ou traballo no exterior. Supoño que os ilustradores de “Infantil-xuvenil” aínda van zafando, pois é o eido que mellor terma, pero o descenso radical das vendas e o estrangulamento da produción propia é letal para o ilustrador.

  • Se queres comentarnos algo máis sobre ti ou sobre a túas obras deixamos este oco…

Sobre min pouco máis podo dicir do que aireo na miña web, que logo todo se sabe!, e da miña obra, pois é o público quen a xulgará como mellor lle preste. A min só me resta centrarme nos meus proxectos e tentar facer o que máis me gusta o mellor que sei.

Grazas Calros polas túas respostas! Foi un pracer!

O lume arrasa a riqueza natural e paisaxística do monte Pind

As chamas afectaron a especies endémicas como o carballo anano
O Pai Sarmiento, Otero Pedrayo e unha extensa relación de personalidades históricas de Galicia elevaron á categoría de mitológico ao monte Pindo, unanimemente cualificado como o Olimpo Celta. Onte pola noite, todo indicio de fauna e flora desta paraxe polo que, desde hai anos, loitan pola súa declaración de parque natural, sucumbira ao lume, e o peculiar ton rosado das súas pedras volveuse gris. A catástrofe empezou a fraguarse o mércores sobre as 21.30 horas na Cima Darca, paraxe forestal que marca os límites de Carnota e Mazaricos, e a medianoite seguía activo, aproximándose ás 2.000 hectáreas calcinadas. Só entre o mediodía do mércores e a noite do xoves, en apenas 34 horas, en Galicia arderon unhas 3.000 hectáreas, segundo datos oficiais.
Algúns testemuños aseguran que o lume comezou en dous focos a ambos os dous lados da pista que leva ao cume, e foi alentado por un forte vento do nordeste, que atopou abundante foresta, agreste e moi seca, para avanzar descontrolado sen que nada puidesen facer as cisternas e cuadrillas que chegaron ao pouco.
As chamas propagáronse polas ladeiras deste espazo, dentro da Rede Natura e que conta con 650 especies catalogadas, entre elas o carballo anano, que era única no mundo e que foi afectada as chamas.
O epicentro da traxedia viviuse de madrugada nos lugares de Panchés e A Curra, cuxos veciños foron os primeiros en sentir a calor do lume nas súas caras e casas, en cuxas xanelas derretidas constatábase onte pola mañá as altas temperaturas que se rexistraron.
A rapidez do lume fixo tensa e larga a noite aos residentes tanto das aldeas afectadas como doutras próximas que vían como as chamas se achegaban ameazantes pola cima do monte a Cabanude e Ou Lugariño; por unha banda, a Cornido, San Cibrán e Valdebois; pola costa, a Caldebarcos e Quilmas; xa ao amencer, á propia vila de Ou Pindo.
O lume afectou as instalacións de electricidade e telefonía, o que deixou sen servizo durante horas aos municipios da comarca de Muros e causou trastornos noutros próximos.
A asociación Monte Pindo Parque Natural culpou do desastre ao desinterese da Xunta por protexer a paraxe, polo que pide dimisións e convocou unha manifestación en Santiago de Compostela para o 6 de outubro.

Fonte: La voz de Galicia

Fotografía Simón Balvis

Comunicado público da Comisión Rectora da Asociación Monte Pindo Parque Natural

A Asociación Monte Pindo Parque Natural, reunida en Comisión Rectora de urxencia hoxe, día 12/09/13, comparece publicamente ante a sociedade galega para trasladar as seguintes reflexións:

  1. Ás 21:36 horas de onte, 11 de setembro de 2013, declarouse un incendio na Cima de Arca que ao cabo duns minutos as autoridades locais e os medios de extinción xa anticipaban que sería imparábel, e as consecuencias catastróficas. En efecto, á hora de emisión deste comunicado, arderon xa 1.600 hectáreas segundo cifras oficiais, o que supón a práctica totalidade do macizo granítico e parte das marismas de Carnota.
  2. Ademais o incendio ameazou durante horas os domicilios e as vidas de moitos dos nosos veciños e veciñas.
  3. O feito de que se prendera nun sitio de dificil acceso, xusto á hora en que deixan de ser efectivos os medios de extinción aéreos, e aproveitando un vento fortísimo de nordés, aclara non so a intencionalidade do incendio senón que se trata dun atentado ecolóxico co obxectivo claro de destruir por completo o Monte Pindo como finalmente aconteceu.
  4. Este atentado e as súas brutais consecuencias non sería posibel unicamente pola intencionalidade dunha ou varias persoas, senón que foi necesario a existencia doutros dous factores fundamentais: a meteoroloxía adversa e a carencia máis absoluta de medidas de prevención, sendo esta última unha causa totalmente subsanábel.
  5. En setembro de 2010, hai agora exactamente 3 anos, xurdía un movemento social para declarar o Monte Pindo coma Parque Natural, pois é a única figura que obriga legalmente a comprometer un investimento real e anual, crear unha rectora coa participación de todos os interesados e incluso un corpo de vixiancia do monte. Os partidarios desta iniciativa aglutináronse en torno á Asociación Monte Pindo Parque Natural, un colectivo nacido para ese fin por vontade de veciños de Carnota sensibilizados coa problemática específica do Monte Pindo, que rapidamente aglutinou no concello, na comarca, en Galiza e en todo o mundo o apoio de centos de entidades sociais de todo tipo, milleiros de persoas a título individual e ducias de científicos, investigadores e profesores universitarios.
  6. Desde o nacemento de dita plataforma a Xunta de Galicia, e nomeadamente a área de goberno responsábel da declaración de Parque Natural, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, dependente da Consellería de Medio Ambiente dirixida por Agustín Hernández Fernández de Rojas, non atendiu en ningún momento esta demanda alegando que o Monte Pindo xa estaba suficientemente protexido baixo a figura de Rede Natura 2000, e incluso que desde as distintas administracións se tiñan destinando ata 360 mil euros nese período 2010-2013 para actuacións no Monte Pindo, dos cales non coñecemos a que se destinou un só euro se é que se gastou. O que é certo é a falta de base e argumentos desta negativa, que primeiro aludía á pouca superficie do espazo a protexer (a pesar de que sería o 5º parque galego en extensión), para logo argumentar que o custe da declaración sería excesivo, etc.
  7. Nos últimos anos a Xunta vén distribuindo anualmente entre 2 e 2,2 millóns de euros a repartir entre os seis parques naturais existentes en Galiza. Cunha ínfima parte destes podería terse creado e activado a pleno rendemento o Parque Natural do Monte Pindo, e calculamos que coas actuacións que poderían terse levado a cabo en todo este tempo serían máis que suficientes para minimizar agora os efectos dun incendio coma este, e evitar uns custos en extinción que consideramos moito maior que o gasto de crear o espazo natural protexido que viñamos solicitando.
  8. Vivimos varios avisos tanto no ano 2012, cun incendio pequeno no entorno do encoro de Santa Uxía, como hai tan só unha semana na zona de Arcos (Mazaricos), en ambos casos a rápida acción dos contraincendios e as mellores condicións meteorolóxicos fixo posíbel detelos antes de que afectara gravemente ao espazo natural do Monte Pindo. Porén, supuxeron 2 avisos importantes do extremo risco existente, e asi llos transmitimos tanto ás Administracións coma á opinión pública. Nada se fixo ao respecto.
  9. No ano 2005 houbo no Monte Pindo un incendio gravísimo que arrasou aproximadamente 550 hectáreas, a terceira parte do que se leva arrasado a esta hora. Pouco despois, sendo lider da oposición no Parlamento de Galicia Alberto Núñez Feijóo (PP) declarou publicamente o seguinte “Canto do queimado se debe aos pirómanos e canto á imprevisión, indolencia e irrespondabilidade do goberno?”. Tamén dixo que “É probábel que as condicións meteorolóxicas sexan peores, e é certo que non é doado apagar o lume, pero en situacións coma esta é na que se mide a eficacia dos gobernos”.

En vista de todo o anterior, entendemos que o gravisimo alcance da catástrofe vivida onte e hoxe no Concello de Carnota tamén ten as súas causas fondamente enraizadas no factor humano, concretadas no desleixo e falta de preocupación dos nosos representantes políticos nas cuestións do seu ámbito de incumbencia, como asumía o propio Feijóo no ano 2006, e que son as que levaron á destrución total do Monte Pindo.
Polo dito, a Asociación Monte Pindo Parque Natural ESIXE:

  • A declaración inmediata do Monte Pindo como Parque Natural.
  • A declaración do Concello de Carnota coma zona catastrófica.
  • A dimisión de Agustín Hernández Fernández de Rojas, conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras, por ser o máximo responsábel da consellería que decide as novas declaracións de parques naturais en Galiza.
  • A dimisión de Rosa Quintana, Conselleira de Medio Rural, por ser a máxima responsábel da consellería da Xunta de Galicia responsábel da xestión de espazos naturais protexidos.

Ademais, a Asociación Monte Pindo Parque Natural COMUNICA:

  • Convocamos un Roteiro reivindicativo de subida ao Monte Pindo o día sábado 28 de setembro de 2013, con saída simultánea ás 11:00 horas desde O Pindo (Carnota), Caldebarcos (Carnota), e o Fieiro (Mazaricos).
  • Chamamos a toda a cidadanía galega e as organizacións sociais a concurrir nunha gran Manifestación Nacional, propoñendo como data o domingo día 6 de outubro de 2013, ás 12:00 horas na Alameda de Santiago de Compostela, con obxecto de esixir un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia e no tratamento das problemáticas dos espazos naturais protexidos.

Agradecemos o esforzo obstinado dos medios contraincendios por minimizar esta catástrofe poñendo incluso en risco as súas vidas para facer todo o posíbel por salvar o espazo natural e os domicilios da nosa veciñanza, e lamentamos todos os danos materiais que esta traxedia ten ocasionado.
Ante a unanimidade dos presentes, asinamos no lugar do Pindo (Carnota) o 12 de setembro de 2013 sendo as 18:00 horas.

Fonte:montepindo.org

Todos os días deben ser o Día Mundial do Medio Ambiente

O Día Mundial do Medio Ambiente, creado por acordo da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, celébrase cada 5 de xuño dende 1973; xa que logo, hoxe cumple 40 anos.

O Grupo Ornitolóxico Galego, xérmolo da SGHN, rematou todos os trámites para a súa legalización o 31 de agosto de 1973; xa que logo, faltan só 87 días para que cumpla 40 anos.  GOG-SGHN é a máis veterana das organizacións de defensa ambiental galegas e unha das máis antigas de España. Cando os nosos gobernantes comezaron a decatarse da importancia do medio ambiente (creación do Ministerio e da Consellería homónimas en 1996 e 1997, respectivamente) o GOG-SGHN levaba xa case un cuarto de século estudiando, divulgando e defendendo o patrimonio natural galego. Lamentablemente, para moitos políticos, incluidos os que teñen as máis altas competencias e obrigas en Santiago e Madrid, o medio ambiente non é máis que unha excusa para facerse unha foto cada 5 de xuño; non semella próximo o momento en que, como SGHN, adiquen os 365 días do ano a defender o noso patrimonio natural.

Seguro que xuntos lograremos que todos os días sexan o Día do Medio Ambiente. E para elo nada mellor que inspirarse nos 40 anos de historia da Sociedade Galega Historia Natural, unha afanosa traxectoria guiada pola paixón e o compromiso na que destacan:

– Conseguir o apoio de España á moratoria da caza de baleas.

– Prohibir os vertidos radioactivos na Fosa Atlántica.

– Aportar información básica para a declaración dos 5 humidais galegos de importancia internacional.

– Declarar a Illa de Cortegada como parte Parque Nacional das Illas Atlánticas (o único en Galicia).

– Declarar Parque Natural a Serra de Enciña da Lastra.

– Publicar e actualizar o Atlas de Vertebrados de Galicia.

– Mellorar o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

– Publicar Braña, a primeira revista científica en galego.

– Ser pioneiros na Custodia do Territorio (acordo cos monxes de Sobrado e participación en Fragas do Mandeo).

– Crear, manter e potenciar o Museo de Historia Natural de Galicia (Ferrol)

– Coidado, recuperación e liberación ao medio mariño de exemplares de especies recollidas no seguemento de varamentos na costa (en colaboración coa CEMMA).

– Censos anuais de aves invernates.

– Seguemento de incendios forestais.

– Representación en distintas comisións, comités, etc. de participación cidadá; así como participación moi activa nos trámites de información pública de proxectos que afecta ao medio natural.

– Realización de estudos, comunicacións e informes do medio natural (fauna vertebrada e invertebrada, flora, espacios, paisaxe, …).

En definitiva, moito traballo para facer honra aos obxectivos fundacionais de ESTUDIAR, DIVULGAR E DEFENDER O PATRIMONIO NATURAL GALEGO de xeito que, xunto co resto dos grupos, manteñamos viva a concienciación ambiental en Galicia

Dende estas liñas queremos rendir homenaxe a toda a xente (fundadores, socios, colaboradores, simpatizantes, …) que ao longo destes anos fixeron posible moitos logros co seu esforzo, entrega e adicación desinteresada, porque XUNTOS, con rigor e obxectividade, SOMOS QUEN DE PROCURAR unha VIDA XUSTA e SOSTIBLE para todas as persoas.

Máis información e acceso a todas as reseñas sobre o “Día MENSUAL do medio ambiente” en www.sghn.org

Calros Silvar presenta este venres O CARBALLO

O próximo venres 10 de Maio no Colexio Sada e Contornos de Sada presentará Calros Silvar O Carballo, editado por Baía Edicións.

Previamente acompañará aos alumnos nunha visita didáctica ao humidal d´As Brañas. E para completar a xornada, ás 19:00 da tarde, participará na presentación d´O Carballo na Libraría Carricanta de Betanzos.

BAÍA EDICIÓNS gana o Premio a OBRA EDITORIAL DO ANO polas GUÍAS DA NATUREZA Baía Verde

Este recoñecemento nos Premios Irmandade do Libro á colección Guías da natureza Baía Verde ten unha especial importancia para nós porque describe case a nosa traxectoria vital, como empresa e como proxecto cultural desde os seus inicios no ano 1990, un ano antes da publicación da primeira edición da Guía de aves de Galicia.

Parécenos importante que o premio recoñeza o esforzo realizado por Baía Edicións coa publicación dos 25 títulos das GUÍAS DA NATUREZA Baía Verde nas súas distintas variantes dedicadas:

  • á divulgación de espazos naturais,
  • ao aproveitamento sustentable dos nosos recursos (falo das guías prácticas de cultivo, ás que incorporamos este último ano a pesca),
  • á descrición e catalogación das especies galegas tanto de flora como fauna, aínda incompleta.

Por iso moitas grazas á Federación de Librarías de Galicia ao recoñecer indirectamente o valor de dúas máximas que guiaron o noso traballo:

          unha do saber popular:

«só se valora e se pode conservar aquilo que se coñece»

          e a outra de Álvaro Cunqueiro:

«[…] dicir rula e abidueira e dorna e fonte […] fanme dono da rula e da abidueira, da dorna e da fonte».

Grazas tamén, a todas as autoras e autores que fixeron posible, co seu saber e traballo, que chegaran a nós a rula, a bidueira, a zarrota, o lavacú, o leirón, a leituga de mar, a herba dourada, a sacabanta, pero tamén o mergullo, o engado, a barbuda etc., nun esforzo non só por catalogaren senón tamén por daren nome ás distintas especies.

E un agradecemento moi especial a Carlos Silvar, que puxo imaxe a todos eses nomes e aos 25 títulos da colección, converténdose, á vez, no mellor e máis recoñecido debuxante naturalista galego e da península.

A TODOS ELES, A TODAS ELAS DEDICAMOS ESTE PREMIO.

Mañá sábado daranse a coñecer os 22 Premios Irmandade do Libro

O xurado dos Premios Irmandade do Libro, organizados pola Federación Galega de Libreiros desde hai 22 anos elixiu á escritora María Xosé Queizán como gañadora da edición dos premios do ano, por votación da ampla maioría dos membros

A motivación que levou ao xurado a votar esta candidatura foi a longa e moi definida traxectoria en traballar polo galego desde todos os xéneros, sendo pioneira na narrativa galega despois da guerra. Resultando, ademais, que no ano dedicado ao teatro, María Xosé é precisamente unha persoa moi vinculada ao xénero dramático.

Quedaron pendentes de fallar os gañadores no resto de modalidades convocadas:

  • Libro do ano 2012
  • Obra Editorial do ano 2012
  • Libraría
  • Centro de Ensino
  • Fomento da Lectura

A decisión do xurado darase a coñecer o mesmo día da celebración do acto de entrega dos 22º Premios Irmandade do Libro, acto que terá lugar na Casa da Cultura de Monforte de Lemos o vindeiro sábado, día 20 de abril, a partir das 19 horas.

A nova lei de montes do PP abre a posibilidade da recalificación urbana dos montes queimados

O ministro de Agricultura, Miguel Arias Cañete, presentou hai unha semana a varias ONGs ecoloxistas o cuarto borrador da futura Lei de Montes. Un texto que, no seu artigo 50, contempla a posibilidade de recalificar montes arrasados polo lume. “Con carácter excepcional as comunidades autónomas poderán acordar cambio de uso forestal cando concorra un interese xeral prevalente o cal deberá ser apreciado mediante lei, sempre que se trate de terreos de titularidade pública e que se adopten as medidas compensatorias necesarias que permitan recuperar unha superficie forestal equivalente á queimada. Tales medidas compensatorias deberán identificarse con anterioridade ao cambio de uso”.

Así o recollía a semana pasada o diario El Confidencial que apuntaba que pese a que o texto aínda non é o definitivo, Greenpeace alerta de que este novo parágrafo (engadido agora sobre o texto orixinario da Lei 43/2003 de 21 de novembro) abre a porta a posibles recualificacións de montes queimados para convertelos en urbanizables. “Durante a reunión, o ministro Arias Cañete asegurounos que isto só se aplicaría en casos excepcionais, pero temos o razoable temor de que, como ocorre tantas veces, a excepcionalidade póidase converter en norma”, en palabras de Mario Rodríguez, director de Greenpeace en España.

Para evitar que a avaricia especulativa inspirase a propietarios de montes e construtores a arrasar con lume espazos naturais para a súa posterior recualificación, como ocorreu de forma reiterada desde os anos 70 en España coincidindo co boom inmobiliario, a actual lexislación española prohibe taxativamente o cambio de uso dos espazos queimados no prazo de 30 anos. É dicir, se un monte arde a súa recuperación está protexida pola prohibición de cambio “de uso forestal polo menos durante 30 anos” e pola imposibilidade de realizar nese espazo “toda actividade incompatible coa rexeneración da cuberta vexetal, durante o período que determine a lexislación autonómica”.

Fonte: Valminor

O CARBALLO segue dando que falar

O blogue de Proxecto Voz Natura (Custodia do territorio e biodiversidade) do CEIP de Sada e Contornos recomenda o libro d´O Carballo, de Calros Silvar.

“O carballo é unha árbore emblemática de Galicia. Neste libro de Calros Silvar, o Carballo cóntanos como é a súa vida e as relacións cos demais seres vivos do seu ecosistema, con quen se leva mellor e quen o amola. Tamén nos recorda o importante que foi e é para as persoas, e como estas son na actualidade o seu maior inimigo. Alerta dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza.

Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén, e de forma moi especial, o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.

Calros Silvar é integrante da Fundación Fragas do Mandeo e neste curso agasallounos cos magníficos cromos que ilustran o álbum “Custodiamos a biodiversidade da natureza de As Mariñas” dentro do proxecto Voz Natura no que participa o noso centro.

O Carballo é un libro para ver, ler e compartir”.

Podedesde velo no ricón de Voz Natura da biblioteca.

http://voznaturasada.blogspot.com.es/