Entradas

Gañadores do concurso d’O CARBALLO con Cultura galega

Baía Edicións e Cultura Galega quixeron agasallar cun libro sobre a árbore máis característica do noso país. Para gañar só tiñas que demostrar que coñecías O CARBALLO. Cinco libros dO Carballo de Baía Edicións foron sorteados entre aqueles que contestaron correctamente unha sinxela pregunta: Como se chama o froito do Carballo?

Entre todos os nomes dos participantes levouse a cabo un sorteo cun programa de selección aleatoria que elixiu cinco nomes de xeito correlativo.

Respostas correctas: Landra ou belota (as dúas están recoñecidas pola RAG)

E os gañadores/as foron:

1. Mar Iglesia Cabaneiro

2. ÁngelaÁlvarez Morandeira

3. Sergio Rojo Martínez

4. Antón Romero Ces

5. Mar Corbelle Valiño

Parabéns a todas e todos!

Calros Silvar presenta na SGHN a exposición de pintura ‘UNHA OLLADA NATURAL’

Hoxe venres, día 18, ás 20:00 horas no salón de actos do Museo de Historia Natural da SGHN, preséntase a conferencia “Dous anos de Fragas do Mandeo, o fondo de conservación da natureza de As Mariñas” a cargo de Fernando Bandín, membro da Fundación Fragas do Mandeo, da que forma parte a SGHN. Nesta conferencia falarase dos avances de Fragas do Mandeo na preservación da biodiversidade de As Mariñas mediante a custodia do territorio.

Previo a esta conferencia presentarase a exposición de pintura “Unha ollada natural”, obra do artista ferrolán e membro da SGHN, Calros Rodríguez Silvar, licenciado en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense de Madrid e deseñador industrial, traballa como ilustrador no mundo editorial, no que son ben coñecidas as súas guías da natureza de Galicia. A exposición permanecerá aberta no noso espacio expositivo ata finais de marzo.

O PICAPEIXE

O río estaba tranquilo, as árbores e o seu teito verde de follas quedo, só o son  tímido do esvarar das augas bañando pedras e brións quebraban o delicado silencio da paisaxe. Entón foi de súpeto primeiro soou un agudo “tiit” como un asubío frenético e a continuación algo se disparou a rente polo río. Apareceu da nada e perdeuse ao longo da canle a unha velocidade de vertixe; só se podía afirmar que era azul. Esta escena pode ser moi habitual nos nosos ríos, é o paso voando do paxaro máis fermoso do bosque das augas,o picapeixe. É unha mágoa que tanta fermosura pase como un lostrego azul e se perda máis aló da nosa vista. Pero nunha debemos perder a esperanza de que algún día decida pousarse nunca póla do río, preto de nós, e por fin podemos ver con detalle aquel trasno azul que chiou  tantas veces  correndo sobre o río.

O picapeixe (Alcedo atthis) é un ave realmente pequerrecha, pode coller nun puño pechado. O seu colorido é inconfundible xa que abarca unha gran variedade de cores rechamantes. As súas partes superiores son azul verdosas apencadas de branco e o ventre dunha rechamante cor alaranxada que o chegar á gorxa se troca en branco, as ás e a cola son curtas, as patas moi pequenas son dunha cor vermella viva. Pero o que máis nós sorprende e o seu peteiro, que se fai enorme comparado o seu corpo. Esta é a súa arma esencial para a súa caza no interior das augas do río en procura de peixes. O peteiro e escuro, pero no caso das femias pode observarse na parte inferior unha liña arrubiada.

Nos nosos ríos o picapeixe é un ave pouco abondosa se o comparamos con outros ríos da Península. Este aniña á beira dos nosos ríos, en augas someras e transparentes, parcialmente sombreadas e que non resulten turbulentas. É tamén importante que teña próximo o lugar de cría árbores que lle proporcionen pólas longas para lanzarse á auga e pescar.

O niño do picapeixe é moi curioso,trátase dun buraco feito en cámaras verticais de terra, a entrada que ten de 5 a 7 cm de diámetro comeza a ser escavada a peteirazos, para iso a ave ten que peneirarse e usar o seu forte peteiro para comezar as obras, logo cando xa ten o oco para apoiarse na terra continúa coas patas, e segue escavando sen deterse ata lograr unha galería de case un metro de lonxitude que remata nunha cavidade esférica onde a femia de picapeixe terá a súa intimidade para por os ovos. Os ovos soen ser de 6 a 8, brancos, redondos e moi brillantes, estes o deposita directamente no solo aínda que máis tarde os cobre coas espiñas dos peixiños que caza do río.

A parella de picapeixes traballa á par para incubar os ovos xa que son o redor de 20 días dándolle calor para que poidan chocar, despois deste tempo saen os pitos e comeza outro traballo, o de alimentalos, para iso os seus pais teñen que escoller ben a comida  e cazar peixes que non superen 1 cm de lonxitude, para que poidan tragalos con facilidade. A medida co pito vaia medrando o peixe pode ter maior talla. Os polos  non tardaran en voar, pasado un mes xa teñen a súa propia vida no río, unha vida que comeza sendo solitaria pero que rematará en febreiro cando teña que buscar parella.

Texto: Miguel Anxo Fernández Martínez

CORCOESTO: un pouco de ouro e MOITO, MOITO ARSÉNICO

Coincidindo case coa Declaración de Impacto Ambiental positiva que a Consellería de Medio Ambiente (rapidísima neste caso e lentísima en calquera iniciativa de defensa ambiental) acaba de outorgar á explotación mineira de ouro pola compañía canadiana Edgewater Corporation, SGHN ven de ter acceso a un artigo de investigadores do Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC) e a Universidade de Vigo sobre os niveis de arsénico na bacía do río Anllóns que aínda non estaba publicado na data das alegacións presentadas por SGHN ao dito proxecto mineiro.

Debido a presenza de zonas de arsenopirita semimasiva na área mineira de Corcoesto as concentracións de arsénico en rochas chegan a superar en 50.000 veces a media da corteza terrestre e nos solos superficiais poden superar ata 400 veces os niveis de solos non contaminados.

Pola súa banda, nas augas do Anllóns as concentracións de arsénico duplícanse ao atravesar a zona de Corcoesto ata chegar xa á metade do límite aceptable en augas para consumo humán, e na metade dos puntos de mostraxe no esteiro do Anllóns os niveis de arsénico nos sedimentos superan amplamente os límites para consideralos contaminados.

Segundo palabras textuais extraidas do artigo dos investigadores galegos publicado nunha moi prestixiosa revista científica internacional dita contaminación dos sedimentos “debe ser consecuencia de rápidos picos de fluxo do río Anllóns que poden transportar sedimentos de maior tamaño de partícula procedentes da zona mineira”.

Se esas son as consecuencias actuais da antiga mineiría a pequena escala en Corcoesto, as repercusións futuras poderían ser tan enormes como o propio proxecto mineiro de Edgewater Corporation: 774 ha de mina a ceo aberto, 20 millóns de metros cúbicos de estériles de mina, 100.000 toneladas anuais de estériles de mina tratados con cianuro-sosa cáustica-ácido clorhídrico que, ademais do ouro, solubilizarán tamén o arsénico das rochas.

Polo devandito, SGHN ven de solicitar á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que en aplicación do principio de cautela se anule a Declaración de Impacto Ambiental positiva para o proxecto mineiro.

Fonte: SGHN

Foto: Panageos

O sábado comeza a Feira do Libro de Guadalaxara, México

Doce editores galegos amosarán as súas novidades editoriais na FIL, a Feira do Libro de Guadalaxara, México. O sábado terá lugar a apertura deste evento, un dos máis importantes do mundo do libro. A relación de editorias componse das seguintes empresas:Editorial Linteo, Editorial Ideas Propias, Kalandraka Editora, Biblos Clube de Lectores, Ediciones del Viento, Alvarellos Editora, OQO Editora, Everest Galicia, Editorial El Patito, Editorial Galaxia, Edicións Xerais de Galicia e MCSport.

A Asociación Galega de Editores e a Consellería de Cultura participan con stand dende o ano 2008. Formaron parte dos  programas  programas da FIL destinados á promoción do libro e a lectura, os autores galegos:  Fina Casalderrey, Manuel Rivas, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Kiko da Silva, Rosa Aneiros, Agustín Fernández Paz e Marcos Calveiro, entre outros.

A edición deste ano non contará coa presenza de creadores e de representación institucional. A AGE conta cunha axenda de traballo propia destinada á promoción comercial da produción galega.

Cámara de Comercio da Coruña

A Cámara de Comercio da Coruña organizou unha misión comercial composta por 9 empresas do ámbito editorial, tecnolóxico e bibliotecario. Odile Lueiro, responsable de comercio internacional da Cámara, estará á fronte da mesma.

Fonte: AGE

Foto: Xunta de Galicia

DOUS ANOS DE FRAGAS DO MANDEO

A Sociedade Galega de Historia Natural e a Fundación Fragas do Mandeo ofreceremos unha conferencia en Santiago sobre a custodia do territorio titulada “Fragas do Mandeo: O fondo de conservación da natureza de As Mariñas”, que impartirá o Presidente da Fundación, Fernando Bandín, o mércores 28 de novembro ás 7 da tarde na sala da Galería Sargadelos.

A custodia do territorio é unha fórmula de conservación da natureza que busca preservala biodiversidade mediante acordos cos propietarios de fincas. A Fundación Fragas do Mandeo – constituida por Sociedade Galega de Historia Natural, Grupo Naturalista Hábitat e a asociación cultural O Rabo do Galo – é unha entidade non lucrativa declarada de interese galego que practica a custodia do territorio na comarca coruñesa de As Mariñas.

Na conferencia vaise falar das características da custodia do territorio, da súa eficacia como fórmula para protexe-la natureza, da súa implantación no estranxeiro e no conxunto do Estado, das fórmulas legais para aplicala (compra-venda, doazón, legado testamentario, cesión, etc.) e das actividades de Fragas do Mandeo nos seus dous primeiros anos de vida.

ADEGA colabora con Baía Edicións no espazo ‘Encontro coa Natureza’ informándonos das súas actividades e problemáticas

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) é unha asociación ecoloxista democrática, independente e sen ánimo de lucro, que traballa en defensa do medio ambiente galego e o global, do que depende a nosa calidade de vida.

ADEGA avoga por un modelo de desenvolvemento ecoloxicamente sustentábel e socialmente xusto, un modelo sen destrución ambiental que reduza as desigualdades dentro de cada país e entre os diferentes países.

ADEGA é unha das máis veteranas entidades ecoloxistas galegas, fundada en 1976, e posiblemente a máis implantada no territorio galego.

Centra o seu traballo en Galiza sen por iso deixar de ter unha visión global da problemática ambiental e de exercer a solidariedade coas loitas ambientalistas doutros pobos.

ADEGA entende que a diversidade biolóxica ten o seu reflexo na diversidade cultural e que ambas as dúas deben ser preservadas. Isto supón asumir un compromiso coa defensa da cultura e a lingua propias de Galiza.

ADEGA forma parte da Federación Ecoloxista Galega (FEG) que agrupa á maioría das asociacións ecoloxistas galegas, da Oficina Europea do Ambiente (OEA), a federación constituída polas organizacións de defensa do ambiente máis importantes da Unión Europea, tamén da Federación de Transporte e Medio Ambiente Europea, da Plataforma Nunca Máis, da Coordenadora para a Defensa dos Ríos (COGADER) e da Coordenadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA).

Podedes informarvos polo miúdo ou contactar con ADEGA nos seguintes enderezos:

Web ADEGA

Correo electrónico: adega@adega.info

Travesa dos Basquiños, nº 9 baixo

Tlf. 981 570 099

adegalugo@adega.info

R/ Fontiñas nº 180 Ent. Lugo.

Tlf. 982 240 299

 

Galicia é a última de España na Rede Natura

Co verde que é Galicia e tan só o 11,88 por cento da súa superficie forma parte da Rede Natura 2000. Pouco máis do seu terreo, o 12,88%, é espazo protexido. Eses son os datos do último anuario do Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente a decembro de 2011, e sitúan a Galicia como a comunidade autónoma que, en relación ao seu tamaño, ten menos superficie que forme parte da rede. Só a cidade autónoma de Melilla lle gana nestes termos.

Natura 2000 é o principal instrumento para a conservación da natureza na Unión Europea e protexe as especies e os hábitats máis ameazados, evitando a perda de biodiversidade ocasionada polo impacto do home.

Fonte: El Correo Gallego

Baía Edicións presenta A ARTE DO BO PESCAR en Foz

Baía Edicións presenta A arte do bo pescar, de José María Vilar Varela en Foz.

O acto terá lugar mañá venres 17 de agosto ás 19:00 h na Feira do Libro de Foz. Este acto terá lugar na Feira do Libro de Foz e intervirán, ademais do autor, Eduardo Míguez López (Director do Porto de Celeiro) e Belén López Vázquez (Directora Editorial de Baía Edicións).

A arte do bo pescar, en definitiva, é unha obra que pon en valor esta actividade que forma parte tamén da cultura das nosas vilas e cidades mariñeiras. Esta guía representa, por unha banda, a plasmación dos coñecementos adquiridos polo autor ao longo da súa dilatada experiencia e, por outra, o seu desexo de transmitirllos aos apenas iniciados nesta práctica e a quen aínda non se deixaron atraer por ela.

Presentación da Guía das Libélulas en Ponteareas

O próximo sábado día 23 de xuño realizarase a presentación da Guía de libélulas de Galicia, de Miguel A. Fernández-Martínez e ilustraciós de Calros Silvar. O acto terá lugar ás 11:30h na Sala de Conferencias do Auditorio Reveriano Soutullo de Ponteareas e contará coa presenza do autor, Miguel A. Fernández Martínez.

Despois da presentación realizarase unha visita ao río Tea para, se hai sorte!, aprender algo sobre a identificación de libélulas en situ. A actividade está aberta a todos e todas de xeito gratuíto!