Entradas

Aberto o prazo de inscrición no curso “Espazos ecolóxicos e educación medioambiental”

CURSO: ESPAZOS ECOLÓXICOS E EDUCACIÓN MEDIO AMBIENTAL

CONTIDOS

Luns 23

  • 18:00 a 20:00: A conciencia ecolóxica na Xeración Nós. Vicente Risco, por Luís Martínez-Risco Daviña.
  • 20:00 a 22:00: Acción ecolóxica nos nosos días, por Ramsés Pérez Rodríguez.

Martes 24

  • 18:00 a 20:00: Ecoloxía e as políticas medioambientais, por Xavier Simón Fernández .
  • 20:00 a 22:00: Categorías na protección medioambiental, por Virxinia Quintana García.

Mércores 25

  • 18:00 a 20:00: As reservas da bioesfera, por Bernardo Varela López.
  • 20:00 a 22:00: Mesa redonda organizacións ecoloxístas: Xoán Carlos Rodrígez e Analía Moares Lameiro

Xoves 26

  • 18:00 a 20:00: Visita didáctica ao eco-espazo do Rexo.
  • 20:00 a 22:00: Visualización do filme Pradolongo.Debate e elaboración dunha proposta didáctica.

Venres 27

  • 18:00 a 20:00: “O plan do bosque”. Xogo Didáctico, por Idoia de Luxán Vázquez.
  • 20:00 a 22:00: Traballo co xogo “O plan do bosque”.

 

Máis información

Visita ao humidal das Brañas de Sada coa ‘Guía das libélulas de Galicia’ na man

Esta actividade tivo lugar o domingo 7 de agosto de 2011 pola mañá e foi aberta a todo o público, especialmente deseñada para familias, no humidal das Brañas de Sada, guiada polo naturalista e biólogo Miguel A. Fernández-Martínez; autor da Guía das libélulas de Galicia.

Esta actividade constituiu o acto de presentación da Coordinadora Tizón para o Estudo e Conservación das Libeliñas e os seus Hábitats. Realizouse en colaboración co grupo local da Sociedade Galega de Historia Natural das Mariñas, comprometido coa conservación deste importante espazo natural. A actividade dou comezo ás 10:30 ao pé do Edificio da Terraza en Sada, desde onde se partiu xuntos ás Brañas. Pola tarde, ás 19:00 horas, coordenado por Baía Edicións presentouse o libro Guía das libélulas de Galicia na Carpa da Feira do Libro da Coruña. No acto participaron, ademais do autor, Miguel A. Fernández-Martínez, o ilustrador da guía Calros Silvar, e o especialista na conservación de zonas húmidas Alberto Gil responsable da coordinadora Tizón, acompañados de Belén López, en representación de Baía Edicións.

Guía das libélulas de Galicia

Esta guía trata sobre un grupo de insectos que reciben en Galicia as denominacións de tizóns do demo, cabalos do demo, gaiteiros do demo, sacaollos, quitaollos, mollacús, lavacús, gaiteiros e candileiros ou candís. Recentemente, para denominar estes insectos, incorporáronse a estas formas vernáculas outras de orixe culta, como libélula e libeliña. En termos técnicos estes insectos son agrupados na orde Odonata e denominados como odonatos.

A guía ofrece unha introdución á bioloxía e ecoloxía das libélulas, que serviu para aumentar e revolucionar, en certos aspectos, estas ciencias nos seus mesmos fundamentos. Asemade, facilita a identificación das libélulas mediante a súa observación directa, sen intervención nin captura, facendo fincapé nas características que sirvan para a distinción mediante a única axuda duns prismáticos, e algo de paciencia, e busca, ao tempo, servir de guía de campo para os naturalistas que queiran identificar as diferentes especies de libélulas de Galicia, atendendo as formas adultas.

Descríbense 62 das especies máis habituais no noso país e mesmo algunhas que, polas condicións de cambio climático existentes, é previsíbel que comecen a ter o seu hábitat natural en breve espazo de tempo en Galicia. Todas elas magnificamente ilustradas por Calros Silvar a toda cor.

O obxectivo último, e talvez o máis importante, é aumentar o número de naturalistas e amantes da natureza que sumen esforzos para o estudo e conservación destes animais e dos fráxiles e ameazados medios húmidos onde se reproducen.

Visita o blog Luar na fraga

Calros Silvar fala das ilustracións da guía na súa web.

Gañadora do concurso XOGO DA NATUREZA

Isaura García, gañadora do noso concurso XOGO DA NATUREZA, recibe o seu premio nos Xardíns de Méndez Núñez da Coruña. Tras a conversa que mantivemos con ela o día da entrega do premio, comentounos que participou no concurso grazas á publicidade que Baía Edicións fixo no AchegArte celebrado o 28 e 29 de novembro de 2009 na Coruña. Segundo ela mesma comentaba: “As preguntas non eran moi difíciles, pero tiven dúbidas nunha delas”. Ao final, a sorte estivo da súa parte e conseguiu o PREMIO tras o sorteo entre todos os acertantes do cuestionario. Como PREMIO escolleu dúas das obras da natureza máis importantes que temos actualmente en Galicia: Guía das aves de Galicia, de Xosé Manuel Penas Patiño e Carlos Pedreira López, con ilustracións de Calros Silvar e Guía micolóxica dos ecosistemas galegos, de Marisa Castro Cerceda, Alfredo Justo Fernández, Purificación Lorenzo Castro e Ana Soliño Pérez. Read more

Presentación en Santiago de Compostela de ‘A Arca de Noé’

Presentación do libro Arca de Noé na librería Sargadelos en Santiago de Compostela (2006). Libro multidisciplinar no que teñen cabida outros moitos aspectos, non exclusivamente biolóxicos, que van desde narracións históricas sobre navegación, Erastótenes e a esfericidade da Terra, as investigacións de Alfred Wegener sobre a tectónica de placas e a súa influencia no noso planeta até Thor Heyerdal e a expedición da Kon-tiki, a conquista do planeta azul polos humanos, a caza das baleas etc. Read more

Baía Edicións e Google Play

A aplicación para Android da obra Árbores, da nova colección ‘As 50 especies máis comúns’, tamén publicada en papel, poderá descargarse na tenda  Google Play.

Encontro coa natureza

Este Encontro coa Natureza de Baía Edicións pretende ser un lugar de reunión para os amantes da natureza, sexa cal sexa a súa idade e condición, tamén un espazo aberto ao intercambio de opinións, experiencias, traballos e propostas de cantos desexen participar nel.

A nosa idea é ter un espazo para falarmos de natureza, utilizando unha linguaxe de fácil comprensión e posibilitando a participación de todas aquelas persoas que teñan algo que dicir sobre o medio natural e a necesidade de afondar nunha conciencia crítica colectiva e individual para frear as agresións que sofre e preservalo nas mellores condicións ambientais para xeracións futuras. Tamén para quen traballan no medio urbano e buscan modificar comportamentos adquiridos e que provocan un grave deterioro de vilas e cidades. Asemade, o esforzo, divulgación e propostas alternativas para conseguir a erradicación das situacións de inxustiza contra as persoas, especialmente no chamado Terceiro Mundo e países en vía de desenvolvemento, e a loita pola paz mundial tamén queremos que teñan cabida neste Encontro.

Para facermos avanzar este proxecto contaremos coa colaboración de algunha autora e/ou autor das guías que forman corpo na colección Baía Verde desde o terreo da investigación, da divulgación naturalista e da concienciación ecoloxista, pero é o noso obxectivo, como queda apuntado anteriormente, que o máis axiña posíbel poidamos contar tamén coa participación e compromiso social de todos aqueles que gozades das moitas posibilidades que a natureza nos ofrece e vos indignades ante a súa degradación e/ou destrución.

Neste curruncho verde queremos tratar as cuestións que teñan relación co medio natural desde todas as perspectivas posíbeis. É por iso que vos convocamos, sexades grupos organizados ou persoas a título individual, investigadoras, naturalistas, ecoloxistas, expertas no seu estudo ou simplemente afeccionadas, a que nos acheguedes as vosas experiencias, opinións, propostas, proxectos, convocatorias de actividades, información de observacións, fotos e todo canto consideredes de interese divulgar nun foro como este que vos propoñemos.

Este espazo contará con artigos de colaboradores (estábeis e/ou puntais) sobre temas de actualidade, cuestións que vos preocupen ou opinións sobre temas que teñan á natureza e a súa problemática como eixo central. Faranse recordatorios de conmemoracións-efemérides relacionadas coa natureza e a problemática ambiental. Realizarase unha escolla de prensa con temática ambiental e se incorporarán noticias de observacións de especies no noso país, o decurso das estacións/acontecementos estacionais característicos, lúas e mareas. Tamén se falará do equipamento, técnicas, consellos e trucos sobre xeneralidades e disciplinas diversas (observación, debuxo, fotografía…) e, incluso, consellos medioambientais, como achegar o noso gran de area para acadar un planeta sustentábel e con futuro.

Agardamos que este espazo cumpra todos estes obxectivos e que este Encontro coa Natureza sexa, grazas ás vosas suxestións e achegas, un espazo activo, útil, interesante, e no que teñan cabida para todas e todos os amantes da natureza e defensores do noso planeta. Só co voso apoio será posíbel!

Texto: Baía Edicións