Entradas

Premios da Crítica Galicia 2014

Xosé María Lema, Xosé Ramón Freixeiro, Poetas D(in)versos, Berrogüetto, Antón Pulido, Lois Pereiro e Grupo Cuevas foron os premiados na trixésimo sétima edición dos Premios da Crítica Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais, Artes Plásticas e Visuais, Artes Escénicas e Audiovisuais e Cultura Gastronómica.

Baixo o lema “A beleza feriume para sempre”, recollido dun verso de Xosé María Díaz Castro, xuntáronse trescentas cincuenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país no Hotel Los Escudos de Vigo. Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abríu o acto, conducido por Inmaculada López Silva, saudando aos asistentes e lembrando a importancia desta triséxima sétima edición na que por vez primeira se convocaba a modalidade de Cultura Gastronómica.

“Costa do Solpor” de Xosé María Lema, Premio de Creación Literaria

O xurado da modalidade de Creación Literaria acordou declarar finalistas as obras Costa do solpor de Xosé María Lema (Xerais), O derradeiro libro de Emma Olsen de Berta Dávila (Galaxia) e Matarte lentamente de Diego Ameixeiras (Xerais). Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Costa do Solpor de Xosé María Lema editada por Xerais. O xurado salientou que “a obra gañadora asume diversos modelos narrtaivos cunha ampla documentación histórica e un rexistro lingüístico rico, poñendo en valor os territorios literarios vinculados co mar”.

“Estilística da lingua galega” de Xosé Ramón Freixeiro Mato , Premio de Investigación

O xurado da modalidade de Investigación acordou declarar como finalistas as obras Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos populares de Antón Cortizas (Xerais),  Arte e ciencia en Galicia de Francisco Díaz Fierros (Servizo de Publicacións da USC)  e Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio a  Estilística da lingua galega de Xosé Ramón Freixeiro Mato editada por Xerais. O xurado salientou “a novidade e orixinalidade da proposta, que é a primeira deste tipo en lignua galega, e a concepción e enfoque amplo da Estilística ao abeiro doutras disciplinas lingüísticas”. Así mesmo subliñou “o seu potencial na investigación lingüística e a súa apliación en relación ás novas tecnoloxías”.

“Ciclo Poetas D(in)versos”, Premio de Iniciativas Culturais

O xurado da modalidade de Iniciativas Culturais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Ciclo de Poetas D(in)versos, revista Luzes e Viñetas desde o Atlántico. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por unanimidade o premio a  Ciclo de Poetas D(in)versos. O xurado salientou que o Ciclo de Poetas D(in)versos, que se leva a cabo no Auditorio do Centro Ágora da Coruña, dende onde se ofrecen recitais da mellor poesía de Galicia e do Mundo, “é fonte de alimentación do gusto poético, dignificando e visualizando o xénero, consolidando un público propio para a lírica de hoxe, tanto nacional como internacional”.

O xurado subliñou, ademais, “a capacidade do ciclo para implicar ás librarías que sirven poesía á cidade, expandíndao por toda Galicia a través de recitais de poetas convidados ao ciclo, coordinado por Yolanda Castaño”. Por último, o xurado quixo recoñecer, ademais, o Festival Ponte-Poética, dirixido tamén por Yolanda Castaño, co apoio, sobre todo, do concello de Pontevedra e do Ateneo da Cidade, no que participan poetas de todo estado e se realizan actividades para insistir na alimentación do gusto literario”.

 “Berrogüetto”, Premio de Música

O xurado da modalidade de Música acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Historia da Música en Galicia de Lorena López Covas, Berrogüetto e Germán Díaz. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar o premio por maioría a Berrogüetto.  O xurado salientou “a excelente traxectoria artística de case vinte anos do grupo vigués, constituíndose nunha referencia imprescindible na música de raíz galega, e un conxunto de prestixio no panorama internacional que deixa un legado permanente na nosa cultura”.

“Antón Pulido”, Premio de Artes Plásticas e Visuais

O xurado da modalidade de Artes Plásticas e Visuais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Berta Cáccamo, Antón Pulido e Francisco Pazos. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Antón Pulido.

O xurado salientou que “Antón Pulido Nóvoa é un pintor e un excelente gravador que comenza axiña nos montes de Casaio, desenvolve un trazo profundo e denso que concreta nunha narrativa rexionalista que gabou Otero Pedrayo cando aínda non fixera Belas Artes en Barcelona. Pola súa traxectoria, pola exposición que se menciona, pola lección de frescura e renovación comprendendo o seu tempo, cremos que o artista é merecedor deste premio”.

“Costa da morte” de Lois Patiño, Premio de Artes Escénicas e Audiovisuais

O xurado da modalidade de Artes Escénicas e Audiovisuais acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Costa da morte de Lois Patiño, As do peixe de Abrapalabra creacións escénicas e Eurozone de Chévere. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio á película Costa da morte de Lois Patiño. O xurado salientou “a capacidade do filme para abrir unha liña estética non convencional e un punto de inflexión no cine galego e na revisión do diálogo entre cine e  paisaxe, así como na internacionalización do sector e na renovación dos modelos tradicionais de produción, distribución e exhibición”.

“Grupo Cuevas”, Premio de Cultura gastronómica

O xurado da modalidade de Cultura gastronómica acordou entre as propostas presentadas declarar finalistas a Empresa Cuevas S.A., Fundación Dieta Atlántica e Centro Superior de Hostelería de Galicia. Tras as derradeiras deliberacións, acordou outorgar por maioría o premio a  Grupo Cuevas. O xurado salientou que Grupo Cuevas é “unha empresa familiar de longa e consolidada traxectoria (máis de 100 anos) que ofrece dentro e fóra de Galicia un fito destacado, ser pioneira en converter un produto autóctono, a castaña, nun elemento de calidade con incidencia universal, como é a castaña confitada, sen deixar de mirar cara adiante na procura de seguir a mellorar resultados. En defintiiva, a través da posta en valor dun produto popular desprestixiado, no eido da excelencia”.

A esta edición asistiron, entre outros, Alberto Núñez Feijóo, presidente da Xunta de Galicia; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Xesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Cultura; María José Bravo Bosch, delegada da Xunta de Galicia en Vigo; Antonio Coello, subdelegado do Goberno en Pontevedra; Xosé Manuel Figueroa, vicepresidente da Deputación de Pontevedra; Xavier Vence, portavoz nacional do BNG; Iolanda Veloso, voceira do BNG no concello de Vigo; Xesús Alonso Montero, presidente da RAG; Luís González Tosar, presidente do PEN Club e Francisco Castro, presidente de GALIX, entre outros.

Fonte: Galicia Confidencial. Foto

Fantoches Baj participará con ‘Fábula Galénica’ no 25º Festival de Teatro Galego do Carballiño

Os días 2, 3, 4 e 5 de setembro ás 22:30 horas no Auditorio terán lugar as actuacións para público adulto do 25º Festival de Teatro Galego do Carballiño. Para o público infantil e familiar tamén haberá espectáculos a esgalla, no Anfiteatro, na Casa da Cultura e na Praza do Concello. Fábula Galénica, de Fantoches Baj, gañador do VIII Premio Barriga Verde de textos para teatro de monicreques modalidade infantil. A función será o mércores 3 de setembro ás 19:30 horas no Anfiteatro do Carballiño.

Non volo perdades!!!! Gratuito!!!!!

Baía tamén no catálogo de agasallos do Nadal de Abertos ao Galego

Roupa, xoguetes, libros, alimentos ecolóxicos ou bonos para turismo rural son algúns dos contidos que achega o Catálogo de Nadal de Abertos ao Galego. A rede que agrupa preto de noventa empresas sensibilizadas coa lingua presentaba onte as súas propostas para agasallar nesta época na nosa lingua. Iria Taibo, coordinadora deste proxectos desde a Mesa pola Normalización Lingüística, impulsora da rede, animou a adquirir produtos en galego para as nosas festas.

http://issuu.com/abertosaogalego/docs/catalogo_abertos_2013_web

Os lectores mozos sustentan o peso da edición galega

O informe Comercio interior do libro en Galicia 2011, que onte presentaron a Consellería de Cultura e a Asociación Galega de Editores, ofrece datos para trazar unha radiografía do sector nos últimos cinco anos. O traballo confirma a liña ascendente na produción das 48 empresas asociadas, que no 2011 editaron 2.156 títulos, un incremento do 32,9 % con respecto ao 2007, dos que 1.587 foron en galego, un aumento do 22,5 %. O número de exemplares tamén medrou: 3.364.584 o ano pasado (2.337.111 en galego), que superan nun 13,3 % os do 2007. Deste xeito, os selos manteñen un catálogo de títulos vivos de 13.994 obras, 10,708 en lingua galega.

Pero se as editoras galegas continúan a súa oferta en títulos e exemplares, a facturación non deixou de diminuír nos últimos anos. As vendas no 2011 foron de 1.949.256 exemplares, cun prezo medio de 13,94 euros, polo que a facturación total foi de 27,16 millóns, dos que 21,47 son de obras en galego. No 2007 a facturación situouse en 31,89 euros, polo que o descenso é do 14,8 % neste lustro. Un período no que tamén minguou o emprego nas editoras, que pasaron de 318 postos de traballo aos 236 do 2011; os colaboradores externos son quen acusan principalmente a baixada.

Neste contexto dominado pola crise, os lectores mozos son os principais destinatarios da edición e o seu soporte, ben sexa a través do libro de texto non universitario ou da literatura infantil e xuvenil. Segundo o informe, estes dous conceptos reúnen 79 % da produción de exemplares: un incremento do 29 % no 2011 fai que o libro de texto represente algo máis dun terzo da produción total. En termos de facturación, os manuais escolares suman o 45 %, porcentaxe que na edición en galego ascende ata 52,9 %.

Ademais, dáse a situación paradoxal de que a cota de mercado da edición galega no conxunto dos libros que se venden en Galicia é moi cativa: só un 16,1 %, 27,16 millóns, das vendas do 2011 corresponderon a volumes editados por selos galegos. Unha porcentaxe menor no caso dos títulos na lingua do país: 13,1 %.

Fonte: La Voz de Galicia

Unha aplicación para Android axuda a identificar 255 especies de cogomelos que podemos atopar en Galicia

A riqueza micolóxica dos bosques galegos é innegable, polo que recoñecer todas as especies de cogomelos que hai repartidos pola nosa xeografía resulta imposible, sendo igualmente difícil cargar con libros que axuden a identificar tal manxar durante as campañas de recollida polo monte, de aí que poida resultar de grande utilidade para os afeccionados á recollida de cogomelos a aplicación para dispositivos con Android 2.1 ou superior chamada MicoKey, que pode descargarse de balde a través de Google Play.

Esta ferramenta que recolle a 255 especies máis comúns de Galicia, incluíndo fichas con imaxe e datos de máis de 100 destas especies desenvolveuse grazas ao Grupo de Investigación Micolóxica da Universidade de Vigo, que tras publicar unha guía de cogomelos (Baía Edicións) recollendo as chaves de identificación que empregaron durante preto de 15 anos no Laboratorio de de Botánica da Facultade de Bioloxía. O encargado de traducir este traballo anterior nunha aplicación recaeu en Xan Bellón, que conseguiu fundir informática e micoloxía.

Dende o Laboratorio de Micoloxía tamén están a colaborar co Grupo Micolóxico Galego no desenvolvemento dunha base de datos en liña coas máis de 2.000 especies de cogomelos identificados en Galicia e que de momento non está dispoñible para o público, estando en fase de revisión das súas nomenclaturas.

Máis información sobre os cogomelos na Guía micolóxica dos ecosistemas galegos, de Marisa Castro, Alfredo Justo, Purificación Lorenzo e Ana Soliño e en Cogomelos, as 50 máis comúns, de Marisa Castro, Alfredo Justo e Purificación Lorenzo.

Fonte: Codigocero

Entrega do IV Premio Meiga Moira a Andrea Maceiras por ‘Violeta tamurana’ 1ª parte

Baía Edicións entregou o IV Premio Meiga Moira no Achegarte da Coruña. O acto de presentación tivo lugar, no marco de ACHEGARTE, na Coruña o sábado día 2 de abril, ás 12:00 horas, nas instalacións de Palexco (Peirao de Transatlánticos, s/n), da obra da autoría da escritora coruñesa Andrea Maceiras Lafuente, titulada Violeta tamurana e ilustrada polo boirense Rodrigo Chao Blanco. No acto, ademais da autora, participou a escritora Marica Campo, integrante do Tribunal que resolveu o IV Premio Meiga Moira de Literatura Infantil 2010, e Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións, que se encargaron de facer un achegamento crítico a esta obra.

Entrega do IV Premio Meiga Moira a Andrea Maceiras por ‘Violeta tamurana’ 2ª parte

Baía Edicións entrega o IV Premio Meiga Moira no Achegarte da Coruña en 2011. O acto de presentación tivo lugar, no marco de ACHEGARTE, na Coruña o sábado día 2 de abril, ás 12:00 horas, nas instalacións de Palexco (Peirao de Transatlánticos, s/n), da obra da autoría da escritora coruñesa Andrea Maceiras Lafuente, titulada Violeta tamurana, e ilustrada polo boirense Rodrigo Chao Blanco. No acto, ademais da autora, participou a escritora Marica Campo, integrante do Tribunal que resolveu o IV Premio Meiga Moira de Literatura Infantil 2010, e Belén López Vázquez, directora de Baía Edicións, que se encargaron de facer un achegamento crítico a esta obra.