Entradas

O Gaiás festexará a próxima declaración BIC do baile tradicional galego os días 8, 9 e 10 de xuño

Serán_01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional reunirá na Cidade da Cultura entre o 8 e o 10 de xuño a todo o sector do folclore galego, desde artistas e agrupacións de música, canto e baile tradicional a integrantes de sectores relacionados a nivel artístico, técnico ou artesanal. O encontro contará con máis de 40 actuacións e ata un milleiro de artistas nun evento cultural de primeira orde, onde se amosará toda a nosa riqueza etnográfica, folclórica e creatividade tradicional, tanto amadora como profesional.

O Serán_01 foi presentado hoxe nunha rolda de prensa celebrada no Xardín Literario da Cidade da Cultura, no mesmo día no que o Diario Oficial de Galicia publica a resolución da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural pola que se incoa o expediente para declarar ben de interese cultural (BIC) do patrimonio inmaterial o baile tradicional galego. No acto de presentación, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou que Serán_01 nace para celebrar esta próxima declaración que “servirá para dotar a esta manifestación cultural do recoñecemento e protección que merece como mostra sobranceira do noso patrimonio inmaterial”. Pode consultarse toda a información sobre a tramitación a través desta ligazón do DOG.

Neste sentido, explicou o titular de Cultura, “este Encontro debe ser un paraugas que dea acubillo e poña de relevo todas as iniciativas que xorden no seo da cultura asociativa de base popular”. Non en van, continuou, “o primeiro contacto coa cultura para moitos de nós foi a través das asociacións que se dedican a  promover, estudar e recuperar as nosas manifestacións folclóricas e calcúlase que unhas 40.000 persoas desde nenas e nenos ata maiores forman parte de agrupacións folclóricas dentro e fóra de Galicia”. “Porque a nosa cultura popular é unha cultura viva”, finalizou Rodríguez.

O acto de presentación de Serán_01 contou tamén coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora xeral do Patrimonio Cultural, María del Carmen Martínez Ínsua; o director da Agadic, Jacobo Sutil; a directora de Acción Cultural da Cidade da Cultura, María Pereira Otero; e o director artístico do Serán_01, o coreógrafo, investigador, intérprete e docente no ámbito da música e a danza tradicional galega, Henrique Peón.

Peón destacou que “estamos nun momento histórico, por unha banda porque imos poñer os medios para que o noso baile tradicional se coide e se protexa e por outra porque o imos celebrar ao grande, cunha fin de semana chea de actividades, música, baile e moito baile”. O director artístico do Serán_01 quixo agradecer tamén á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, “e en nome de todo o folclore galego, o apoio e a sensibilidade cara a un sector que ven demostrando un amor incondicional a Galicia e ás súas tradicións que nos definen como pobo”, finalizou.

Ademais, o acto estivo arroupado coa presenza de medio cento de artistas e directivos pertencentes a agrupacións folclóricas de toda Galicia, finalizando cunha interpretación musical onde catro parellas de baile, ataviadas con traxes das catro provincias galegas, interpretaron unha muiñeira empregando voltas e puntos das distintas comarcas, amosando deste xeito a riqueza e variedade deste baile tradicional.

Mostra e celebración do noso patrimonio inmaterial

O nome deste I Encontro Galego de Cultura Popular, ‘serán’, é un dos termos cos que se denominaban ás ruadas, foliadas e fiadeiros, as xuntanzas dos veciños nas aldeas e vilas, realizadas varios días á semana despois do traballo, precisamente ao caer da tarde. Os seráns ou ruadas foron clave na supervivencia e transmisión, ao longo de distintas xeracións, da cultura popular e o folclore tradicional galego.

Do mesmo xeito, Serán_01 xorde con vocación de ser un verdadeiro evento social dirixido a todo tipo de público, xa sexa parte activa do sector da música e o baile tradicional ou non, contribuíndo tamén a dar a coñecer as nosas artes e patrimonio inmaterial. Ao longo dos tres días, a Cidade da Cultura acollerá múltiples actividades, todas de balde e relacionadas coa cultura popular e a danza e a música tradicional. O programa inclúe desde espectáculos e actuacións musicais, a contidos formativos, obradoiros infantís, ademais dunha zona de mercado e exposicións ou desfiles de traxes tradicionais.

Coros, feira, desfile do traxe… e unha gran foliada

Entre os espectáculos máis destacados do Encontro estará o ‘Foliadón’, unha gran foliada que ao longo de cinco horas reunirá a centos de artistas sobre o escenario. Na festa actuarán man a man artistas galegos consagrados, grupos de música e baile tradicional e informantes –persoas procedentes de aldeas de toda Galicia, auténticos transmisores da nosa cultura tradicional–.

O programa inclúe tamén un Festival Folclórico no que participarán moitos dos mellores grupos de baile tradicional de Galicia; un Concerto de Coros Históricos coa participación de Toxos e Flores (Ferrol) e De Ruada (Ourense); un Desfile do Traxe, con traxes tradicionais antigos e reconstrucións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas; ou unha feira con stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, empresas de servizos… etc.

Fonte: Cidade da Cultura

O baile tradicional galego, candidato a patrimonio inmaterial da humanidade

A Conferencia Xeral da UNESCO aprobou no ano 2003 a Convención para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial. Esta aprobación marcou un logro, xa que por primeira vez a comunidade internacional recoñecía a necesidade de prestar axuda a un tipo de manifestacións i expresións culturais que ata entón carecían dun marco desta envergadura.

En concreto, a lista de patrimonio inmaterial da humanidade ten por obxecto salvagardar os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos ou os individuos recoñecen como parte integrante do seu patrimonio cultural. En España, 10 Bens culturais inmateriais son considerados patrimonio da humanidade, ningún deles en Galicia.

Desde o colectivo XOC, Formado por tres asociación con actividade no eido do folclore galego: Xacarandaina (A Coruña), O Fiadeiro (Vigo) e Cantigas e Agarimos (Santiago), temos a firme convicción de que o baile tradicional galego merece formar parte desa lista.

En Galicia, desde tempos inmemoriais existe o baile como manifestación artística propia, cunha extraordinaria riqueza de movementos e ritmos. Ademáis dos ritmos máis exclusivos de Galicia, como a muiñeira, o folclore galego incorporou durante séculos ritmos de outras partes de España e de Europa, adaptándoos á nosa propia indiosincrasia e á nosa forma de entender as expresións artísticas, musical e coreográficamente.

Hoxe en día, o baile e a danza tradicional de Galicia forman parte da nosa vida cotián, existindo múltiples agrupacións que dunha ou outra maneira colaboran na súa difusión e conservación. O baile é a nosa tradición, é a nosa cultura, é común a tódolos galegos, é reflexo da nosa historia, é integrador. Por todo isto son necesarias accións que garantan a súa conservación e transmisión dunha forma pura e afastada de influenzas que o desvirtúen O baile tradicional galego, polo seu valor histórico, debe ser conservado, dignificado e transmitido a través de tódalas canles posibles.

O colectivo XOC ven de promover perante a Xunta de Galicia a proposta de candidatura do baile e a danza tradicional de Galicia como patrimonio inmaterial da humanidade. Conscientes de que a UNESCO valora positivamente o apoio popular da candidatura, e de que é preciso un amplo respaldo cidadán para que as institucións galegas se impliquen na candidatura, pedimos, se estás de acordo, que fagas constar o teu apoio asinando e remitíndonos a folla adxunta.

Quique Peón regresa do certame de danza de Madrid con dous premios

O seu traballo en Amizade, o último acto de Alén da croa, gustou en Madrid ata tal punto que recibiu dous dos premios do Certame de coreografía de danza española e flamenco. O traballo de Quique Peón recibiu o segundo premio de coreografía, que non ten retribución económica. Ademais, conseguiu outro galardón, o que concede o Conservatorio Superior de Danza de Madrid María de Ávila, polo que será convidado a montar a súa coreografía nun obradoiro do centro.

Fonte: Culturagalega

Foto: Jesús Vallinas