Entradas

O artista lugués Baldomero Pestana no Museo do Pobo Galego

A partires do 5 de Xuño o público poderá achegarse a parte da xenial obra do artista lugués Baldomero Pestana, no Museo do Pobo Galego. Un histórico da fotografía americana -conserva mais de 17.000 negativos-, debuxante, pintor, e un galego universal.

Escribira Vargas Llosa na altura de 1966: “aquí está, en efecto, todo: a verdade e a mentira do Perú, a riqueza e a pobreza de Lima. O insólito, o tenro e o odioso que nos rodea transparéntase suavemente nestas cartolinas animadas pola intuición certeira e a mirada profunda de Pestana. Non só sentiremos admiración e gratitude polo artista, tamén nos recoñeceremos un pouco mellor” e, Bryce Echenique, repenicara no 1982: “…non sei que dicir do asombro. Sinto ese efecto, ese interese por todo, ese desgarramento do tempo e a indiferenza da morte neste mundo que nos dá as costas, de tan natural. E, de novo, só atino a dicir que Pestana está como o pro-home sobreentendido (…) Que nada nin ninguén tenda un veo sobre isto”. Comentarios do tipo son tan só unha pequena escolma entre centos que poden atoparse en publicacións tan influíntes coma Le Figaro ou L´Express Magazine, fundamentalmente entre os anos 60´s e 90´s do século pasado, a unha beira e outra do Atlántico sobre a figura e a obra deste artista que “aspira ao Renacemento”, pero que é “contemporáneo”.

Co remate da primeira Guerra Mundial -en 1923- marchou do lugar de Pozos, na parroquia de Pena -Castroverde- un meniño de catro anos que se instalou coa familia na Arxentina fuxindo da miseria e dando comezo así á súa única e particular viaxe, que arrancou formándose e forxándose en oficios distintos e continuou baleirándose na súa completa dedicación -como fotógrafo profesional e despois de maneira artística- ao retrato, ao debuxo e maila pintura. A súa cámara captou a esencia de personalidades políticas ou artísticas do talle de Pablo Neruda, García Márquez, Nixon ou Roman Polanski, e outros moitos da intelectualidade latinoamericana coa que se relacionou e logo coa do efervescente Paris revolucionario de 1968. Moitos dos seus traballos publicáronse en revistas coma Time, Esquire ou Life. Traballou tamén para a axencia McCann-Erikson, así como para UNICEF ou a ONU.

En 1967 regresa a Europa, asentándose na capital francesa, onde continuou coa súa labor fotográfica dando axiña o salto á súa verdadeira paixón da infancia: a pintura. A selección das temáticas xunto a execución da técnica hiperrealista -desempeñada a lapis- só pode ser catalogada de maxistral e de sublime. Expuxo en galerías de Washington, Bruxelas, Rijeka -Iugoslavia-, Seúl, Boloña, Copenhague, Lima, o propio París….e agora, aos seus 95 anos, chega a Santiago de Compostela para “fechar o círculo” dunha extensa traxectoria vital na que puido mirar, con distintos ollos e ópticas, a Galiza anterior á II República, a axitación social e política da Arxentina dos anos 30´s, 40´s e 50´s, o Perú dos 60´s, a España franquista, ou o Maio francés e o que veu despois ata o seu regreso a Lugo fai menos dun lustro.  Pisou terras diferentes, ollando os mundos do mundo cos ollos dun neno. Aquel cativo que observaba timidamente pola fiestra da casa retornou á patria para sempre e agora ensínalle o que viu, interpretou, e fixou no maxín durante nove décadas. Un novo Ulises, coma o bautizara Darío Xohán Cabana ao coñecer de preto a súa historia.

É un home extremadamente culto e correcto no trato, que mantén o acento porteño. Humilde e descarado, de conversa extensa, profusa e profunda. Desprende humanidade, intelixencia e un sentido do humor francamente envexable. Un auténtico mozo de 95 tacos que gusta de conversar e de escoitar aos amigos e ás visitas que recibe con asiduidade, de pasear, ler, escoitar música e de estar informado sobre todo o que acontece na actualidade. Fai dous anos o xornalista Xabier R. Blanco dedicoulle un magnífico reportaxe para o desaparecido Xornal de Galicia xa difícil de recuperar, e hai uns días a axencia EFE publicaba en distintos medios outra pequena entrevista que se recolle aquí. Tamén a TVG, a conto da exposición da que falamos, dedicoulle uns minutos en A Revista.

Fonte: Praza