Entradas

Benigno López dimite como Valedor

Foron uns días moi intensos para Benigno López. As súas palabras xustificando os recortes do Goberno e dando por morta a Lei de Dependencia desde o seu nacemento provocaron, de primeira intención, a demisión da vicevaledora, que foi louvada por ese xesto cualificado de coherente e valente por uns partidos da oposición que cargaron contra o Valedor acusándoo de incumprir a súa función. Xa  viñan de atrás os problemas e as críticas severas polo posicionamento e contra da lingua galega en varias ocasións, coas treobadas políticas consecuentes. Benigo López quedou só co apoio do Partido Popular de Galicia e, finalmente, deixou o cargo pouco despois de que o PPdeG rechazara, este mismo martes, a inclusión dun debate no pleno do Parlamento para discutir o seu cese, esixido pola oposición. Os populares adiantaran que, en canto se incluíra esta proposta impulsada polos socialistas, a súa postura sería oporse á saída do alto  comisionado, ao que defenderon insistindo en que cumpriu co seu labor estatutario.

O xuíz Benigno López González (A Coruña, 1952) presentou este martes a súa renuncia ao cargo de valedor do pobo doce días despois da polémica xerada polas súas palabras nas que formulou a suspensión da Lei de Dependencia e xustificou os recortes, o que orixinou unha crise dentro da propia institución, que levou a dimitir á vicevaledora segunda.

Tras semana e media de presión política por parte dos grupos da oposición, que reclamaron reiteradamente a súa dimisión ou o seu cesamento, Benigno López, que accedeu ao posto en xullo de 2007, presentou esta tarde á presidenta do Parlamento galego a súa renuncia ao posto.

A punto de completar os cinco anos á fronte do alto comisionado e tras ser elixido co visto bo dos tres grupos parlamentarios cando socialistas e nacionalistas ostentaban a maioría no hemiciclo galego, Benigno López remitiu esta tarde un escrito a Pilar Rojo no que presenta a súa renuncia ás funcións como valedor do pobo.

Segundo recolle a Lei do Valedor de 1984, e a súa modificación posterior de 1994, a presidenta terá que declarar vacante o posto do alto comisionado e, “nun prazo non superior a un mes”, deberán iniciarse os trámites para a elección dun novo representante.

A renuncia de Benigno López prodúcese despois de que varias entidades sociais e os grupos da oposición reclamasen a súa dimisión pola polémica suscitada a raíz das súas declaracións sobre a posibilidade de suspender a Lei de Dependencia e nas que xustificou os recortes. Ademais, a vicevaledora segunda, que fora designada polo PSdeG, presentou a súa dimisión.

DEFENSA DO PP

Pola súa banda, este mesmo martes o PPdeG defendeu que Benigno López había cumprimento co seu labor estatuaria, coa presentación dos informes e a dación de contas ante a Cámara autonómica de forma anual, e mesmo realizara varios informes extraordinarios. “É evidente que non está a incumprir as súas obrigas”, dixera horas antes da súa dimisión o voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, quen criticou o “intento de desprestixiar” esta institución ao insistir no cesamento do seu presidente.

Todo iso o dixo Pedro Puy despois de defender que, “por responsabilidade” institucional, o seu grupo non apoiaría a petición de cesamento que demandaban socialistas e nacionalistas, que este mesmo martes reclamaron a inclusión da súa reprobación coincidindo coa celebración do pleno ordinario da próxima semana. Fronte a iso, o PSdeG e o BNG lamentaron que os populares evitasen o debate e cualificaron a Benigno López, respectivamente, como “valedor do Gobierno e valedor do PP.

Pendente tamén quedaba a tramitación da petición do BNG para que se celebrase unha reunión da Comisión de Peticións, outra das alternativas que a oposición buscaba para esixir o cesamento inmediato do López, sobre o que perderon a confianza depositada cando conformaban o bipartito. De feito, tanto María José Caride (PSdeG), como Ana Pontón (BNG), apelaron a que as súas formacións suman “máis votos” que o PPdeG, que prefería esperar ao vencemento do cargo en xullo.

OUTRAS POLÉMICAS

Aínda que a presentación do informe de 2011, cando na Comisión de Peticións chegou a formular que se “suspediese” a aplicación da Lei de Dependencia, foi a última das polémicas, Benigno López tamén protagonizou outros incidentes en sede parlamentaria, en especial co BNG pola defensa do idioma galego.

De feito, esta situación vivida en 2010, chegou a motivar que o deputado nacionalista Alfredo Suárez Canal pedise o amparo da presidenta do Parlamento. Ese día, Benigno López advertiu ao BNG que “hai moitas formas de defender o galego e a Galicia” e espetoulle: “E a Galicia que vostedes defenden non ten nada que ver coa que sente a maioría.

Outra das polémicas aconteceu este mesmo ano cando, ante unha denuncia presentada na sede do alto comisionado por un militante de UPyD, Benigno López recomendou que a Consellería de Educación “adoptase as medidas oportunas para que non se utilizase o libro de texto citado” ata que se corrixise o manual.

Concretamente, o libro de texto aludía ao galego como lingua propia de Galicia, de forma que omitía a cooficialidade do castelán. Isto tamén motivou as protestas da oposición e de colectivos como a Plataforma Queremos Galego, que entón tamén demandou a dimisión de Benigno López.

Cando faltaba un ano para o vencemento do seu mandato, no mes de xullo de 2011, este maxistrado do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) asegurou que a súa renovación á fronte do Valedor non lle preocupaba, tras coincidir con dúas presidentas do Parlamento (Dolores Villarino e Pilar Rojo) e distintas cores políticas na Xunta (o bipartito de PSdeG-BNG e o PPdeG).

A renovación do vehículo oficial do Valedor do Pobo tamén levantou polémica a mediados do ano pasado debido ao seu custo, que se elevou a case 63.000 euros. Benigno López xustificou no seu día o cambio de vehículo en que ao anterior lle rompera a caixa de cambios e a reparación non compensaba economicamente.

ASUNTOS PENDENTES

Coa súa renuncia no cargo, Benigno López deixa pendente a tramitación o informe da súa xestión referido a 2011, o cal só foi presentado ante a Comisión de Peticións e, polo tanto, aínda ten que ser levado ao pleno da Cámara.

Así mesmo, estaba prevista a celebración dunha comisión na que o valedor tiña que presentar un dos informes extraordinarios que realizou o alto comisionado, concretamente, sobre o uso de internet en menores de idade. Tamén o BNG pedira abordar a petición de que se retirase o libro de texto.

Fonte: GaliciaHoxe