Entradas

Actualmente Galicia conta con 100 bibliotecas menos

A pasada semana o INE publicou a Estatística de Bibliotecas correspondente ao ano 2016, uns indicadores que na última década foron reflectindo os efectos dos recortes orzamentarios e, ao mesmo tempo, poñendo de manifesto a fundamental función que estas institucións cumpren na sociedade, achegando localmente servizos culturais a toda a poboación. Os datos de 2016 para Galicia volven amosar un descenso no número de bibliotecas existentes e tamén no persoal destinado a elas, mantendo unha tendencia negativa iniciada hai case unha década. Descenden tamén os indicadores de utilización das bibliotecas (usuarios e usuarias, visitas en sala e préstamos), que no caso dos socios e socias e dos préstamos acadaran un máximo no ano 2012.

Máis información

Fonte: Praza

Celebración do Día da Biblioteca con actividades para todo tipo de lectores

Visitas guiadas, xornadas de portas abertas, sorteos, intercambio de libros na rúa entre usuarios e actividades para fomentar a lectura entre os máis pequenos son algunhas das propostas das bibliotecas da cidade para conmemorar o seu Día Internacional. As novas tecnoloxías a través do libro electrónico, as iniciativas relacionadas co mundo audiovisual e as presentacións de obras completarán a programación de mañá nunha xornada na que as bibliotecas pretenden darse a coñecer e achegarse aos cidadáns.

O fomento da lectura e do uso das bibliotecas públicas centrarán as actividades programadas para conmemorar mañá o Día da Biblioteca. Os coruñeses poderán participar nas propostas que ofrecen tanto o centro municipal como o provincial e o estatal. Desde o servizo de bibliotecas do Concello explican que este ano “non deu tempo” a organizar actos específicos para esta data, pero nalgúns dos seus edificios tamén haberá eventos para todos os públicos.

  • Bibliotecas municipais. O programa Merenda con contos que se celebra cada dúas semanas nas bibliotecas municipais para introducir aos máis pequenos no mundo dos libros chegará mañá ao centro de Monte Alto. E na do Fórum Metropolitano aproveitarase esta data para inaugurar o ciclo Lle, escoita, mira. Visual Session. Trátase de sesións audiovisuais que percorrerán diferentes xéneros musicais, filmográficos e literarios con obras coas que conta o Fórum. Os usuarios poderán visitar unha mostra sobre o tema e levar en préstamo un paquete que inclúe un disco, un libro e unha película dos exemplos expostos.
  • Biblioteca Provincial. Os usuarios do centro provincial poderán ser bibliotecarios por un día nunha xornada de portas abertas que comezará mañá ás 11.00 horas grazas á que poderán coñecer as seccións e servizos que ofrece a institución que depende da Deputación. Tamén se poderá visitar a exposición fotográfica Por que somos unha biblioteca, unha serie dedicada ao matemático Ranganathann que fixo as cinco leis da biblioteconomía. Na súa aposta polas novas tecnoloxías inclúese unha actividade formativa sobre como manexar un libro electrónico. Os máis pequenos terán oco nesta cita e poderán participar nun taller de manualidades sobre o outono. Un ano máis o centro organiza a iniciativa A biblioteca búscache para achegarse a cidadanía sacando os libros á rúa e regalando un marcapáginas aos que se acheguen. Esa mesma tarde ás 18.00 horas haberá unha visita guiada polas obras de arte da biblioteca.
  • Biblioteca González Garcés. O centro estatal realizará mañá visitas guiadas entre as 12.00 e as 18.00 horas, sorteará unha cesta de libros entre os seus usuarios, regalará lotes de obras aos “superlectores” deste ano, realizará unha sesión de bookcrossing cos libros que rexistren os interesados para despois liberalos pola cidade e acollerá a presentación dos libros infantís As aventuras de Toreto e O Purrusco dous bosques ás 19.00 horas. Mañá ademais finalizará a campaña Eu amo as bibliotecas públicas contra os recortes nestas organizacións e de apoio aos seus servizos.

Fonte: La Opinión