Os clubs de lectura conforman un gran universo de lectores atentos
As Bibliotecas Escolares de Galicia promoven a lectura entre os escolares galegos e fornecen aos clubs de lectura dos centros de información e materiais, tratando de introducir os recursos lectores como os alicerces do auténtico aprendizaxe. A Asesoría de Bibliotecas, cuxas fornecedoras son as coñecidas mestras Cristina Novoa e Pilar Sampedro, e o profesorado implicado traballan conxuntamente no fomento da lectura entre o alumnado, tamén nas etapas de descanso vacacional, ofrecendo recomendacións de lecturas.
O DOG do 18 de setembro do ano pasado publicaba a Orde do 2 de setembro de 2013, pola que se resolve a convocatoria do Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios para o curso 2013/2014. Segundo a información facilitada por ese recurso, coas tres baixas habidas no curso anterior e a incorporación de 23 centros novos, esta Rede de bibliotecas escolares galegas consta dun total de 524 centros. Todos os centros incluídos neste programa reciben axudas para renovar os fondos da colección (en formato impreso ou electrónico) e os equipamentos oportunos. As actividades destas bibliotecas de centros públicos de ensino secundario contan con axudas de 65.000 € para custear os gastos derivados da actividade do club, fundamentalmente a adquisición de libros que, posteriormente se incorporan aos fondos da biblioteca escolar. Un total de 209 centros con club de lectura (un ou varios grupos) reciben axuda para o funcionamento desta iniciativa, encadrada no programa Hora de ler.
Logo da viaxe pola rede realizada por Marta Sucasas, apréciase que os blogues de internet son a ferramenta esencial que os escolares empregan para achegarse os seus usuarios. Estes poden ser tanto específicos para esta iniciativa como de uso común co centro en cuestión, pero o certo e que en ámbolos dous casos é un recurso esencial para a súa actividade. Naturalmente non todas contan co mesmo grao de desenvolvemento. A través das súas publicacións atopámonos con boletíns de novas da biblioteca, reseñas e recomendacións (novidades, por idades, por temas e pos departamentos), información sobre figuras e datas sinaladas, recordos de exposicións e celebracións feitas nos centros, anuncios sobre futuros eventos (proxeccións durante os recreos, visitas de persoeiros relevantes, eventos temáticos) e incluso información sobre novas de interese de ámbito xeral como concursos locais ou autonómicos. Pese a ser un espazo para nenos e xoves é perceptible a vontade de concienciación que se desenvolve nos centros a través dos clubes en relación ós dereitos humanos, a violencia de xénero, o defensa da paz e os valores en xeral.
Resulta interesante o uso dos blogues como mediadores entre outras páxinas, sempre relacionadas co ámbito da cultura. Así nos atopamos con información e links sobre a iniciativa Crowdfunding da Revista Oink, unha revista mensual integramente en galego para os máis pequenos con ilustracións de autores de renome e seccións moi interesantes para empregar dentro das propias aulas. Cabe dicir que nestas webs nos atopamos cunha maior presenza de libros en galego destinados a nenos que a xoves, onde priman as obras en castelán en moitos casos traducidas doutros idiomas.
Tamén podemos atopar en certos blogues, links a páxinas de descarga directa e gratuíta de PDF. Un método eficaz de achegarlles a cultura escrita a través de medios accesibles a todo o mundo. Quizais resulta unha oportunidade perdida para as editoriais de ofrecer enlaces coas súas novas e obras en formato ebook a bo prezo. De feito existe unha cada vez máis ampla amalgama de blogues que ofrece recursos electrónicos legais dende a páxina da biblioteca. Esta implantación forma parte en boa medida do proxecto E-LBE para o 2012/2013 convocado inicialmente entre os centros do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Decembro 2012). Cabe dicir que neste proxecto-piloto se lle deu prioridade ao abastecemento dos centros rurais.
Poucas lecturas en galego
O fenómeno dos clubs de lectura non se queda varado nos centros escolares senón que conta cunha importante implantación nas bibliotecas locais e municipais onde de forma presencial ou dixital a xente atopa un lugar de encontro cada semana ou quincena.
A páxina web que engloba aos clubs de lectura de A Coruña (http://clublecturacoruna.wordpress.com) aporta información sobre as novas das bibliotecas subscritas, recomendacións, etc. Cada un deles consta dun máximo de 20 membros, xa que existen vinte exemplares de cada obra seleccionada, unha cifra un tanto baixa. O contacto directo co catálogo de bibliotecas posibilita que os usuarios poidan facer peticións sobre as novas adquisicións. Entre as novas incorporacións vemos que das nove obras que se compraron en decembro so unha, Ás veces quero morrer coa risa, estaba en galego.
Entre as recomendacións da propia web a cantidade de libros en galego tamén é ínfima. Non ocorre o mesmo con Espazo de Lectura (http://espazolectura.org) dirixida por unha asociación en Gondomar. Entre os tres clubs de lectura que recolle (Sete Vidas, Lecturas Debuxadas e Lendo Contigo) as lecturas do plan son case todas en galego proxectando para os próximos meses as lecturas de Nada se esquece, Matarte lentamente, O edificio Yacoubian, Vida de nai, O raposo e a mestra, O poder de Amabel e Un rato díxolle á Lúa. O espazo onde menos obras en galego podemos atopar e no de cómic.
Unha das actividades destacadas recollidas pola páxina da Coruña é o ciclo de Lecturas en Directo onde os lectores poden atoparse no Centro Agora con autores como Eduardo Punset, Valeire Tasso e Eloy Tizón nos próximos meses. Tamén no centro de Gondomar existe unha iniciativa semellante, Lendo Contigo, destinada aos máis pequenos e contando tamén coa presenza de diversos autores. O próximo invitado será Manuel Rivas.
Fonte: AGE