Entradas

O servizo bUSCatermos acubillou xa case 14.000 sesións de consulta

O servizo bUSCatermos, lanzado pola Universidade de Santiago co obxectivo de atender as demandas lingüísticas dos usuarios alleos á institución educativa USC, atesoura xa seis meses de actividade, dende a súa apertura en consulta libre o pasado 1 de outubro, intre a partir do cal, calquera de nós tivo a oportunidade de acceder a toda a información deste banco de termos, só con dispor dunha conexión a Internet. Este medio ano de vida serviu aos seus responsábeis para lanzar unha serie de conclusións acerca da actividade xerada polo servizo. Por exemplo: que canto menos atrancos haxa para que os internautas interactúen cos recursos lingüísticos existentes (eliminando intermediarios como atencións telefónica ou por correo electrónico), acadarase máis utilidade, participación e repercusión. As cifras de bUSCatermos (que ofrece máis de 155.000 rexistros e 450.000 denominacións en distintas linguas) así o confirman.

Segundo nos contan, o servizo acubillou nos seis primeiros meses de actividade un total de 5.704 visitantes únicos, que realizaron un total de 13.803 sesións de consulta e accederon a 56.991 páxinas. “Isto supón unha media de case tres visitas por visitante, e un pouco máis de catro páxinas vistas por visita”, informan. Con todo, engaden, os datos medios non representan ben o uso efectivo de bUSCatermos durante este semestre. E explican: “Os dous primeiros meses foron para moitas persoas un período de probas que produciu un alto número de accesos ocasionais (3.758 visitantes e 7.182 visitas que consultaron 26.398 páxinas); pero a partir de decembro xa se acadou a que parece ser a velocidade de cruceiro da ferramenta, cuantificable nuns 700 visitantes únicos ao mes, que fan arredor de 1.700 visitas no transcurso das cales se procuran unhas 8.000 páxinas”.

Fonte: Codigocero

A base de datos de bUSCatermos achega en acceso libre até 180.000 denominacións galegas

Temos datos máis concretos sobre as funcionalidades da base de datos terminolóxica bUSCatermos da Universidade de Santiago, posta a disposición da toda a comunidade internauta a comezos de outubro, tal e como sinalamos dende Código Cero, co obxectivo de atender as demandas lingüísticas dos usuarios alleos á USC. Como lembraremos, o servizo, no que se comezou a traballar en 2001, ficaba até o de agora a disposición dos computadores da rede interna universitaria, cousa que non impediu que os seus desenvolvedores se decatasen, xa dende o principio, do amplo potencial de uso da base de datos a nivel xeral. Se non se puído facer até o de agora, foi por non ter lista unha aplicación informática que soportase visitas e consultas de xeito masivo. Con esta nova andaina, temos ao alcance da man a cifra nada desprezábel de 180.000 denominacións galegas.

Para facérmonos unha idea, sinalar que o que achega o dicionario da Real Academia Galega son algo máis de 50.000 entradas, o da Real Academia Española unhas 88.000, e un dos maiores dicionarios de galego, o Gran Dicionario Xerais da Lingua, non chega ás 100.000. As 180.000 que fornece o bUSCatermos, a maiores, constitúen unicamente unha parte dun todo. A estas entradas cómpre engadir outras 100.00 en castelán “e tamén equivalentes (aínda que non en todos os casos) noutros idiomas, portugués e inglés, sobre todo, e en menor medida en francés, catalán, alemán e italiano”, informan fontes do Servizo de Normalización Lingüística da USC, departamento responsábel en boa medida de todo este inxente labor, que incluíu entre outras moitas cousas unha escolma de todo seu material terminolóxico, xerado ao longo das súas tres décadas de actividade. Con todo isto, e co labor de “moitas persoas e institucións que cederon de xeito gratuíto e xeneroso os seus traballos terminolóxicos para incorporalos á base de datos”, bUSCatermos suma case medio millón de termos.

A posibilidade de consultar o bUSCatermos dende calquera computadora do mundo conectada a Internet tamén se debe á Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, que coa súa achega económica fixo posible que a Área das TIC da USC liderara o deseño e integración dunha nova aplicación que permite que agora bUSCatermos sexa accesible a todo o mundo.

A engadir a todo o devandito, cómpre sinalar que o equipo de localización para o galego de Firefox desenvolveu un complemento que permite integrar o bUSCatermos na caixa de procuras deste navegador, sen ter que ir á páxina principal da ferramenta terminolóxica.

Fonte: Códigocero