Entradas

O carballo, símbolo de vitalilade e forza!

Nas culturas tradicionais, os carballos eran algo máis cunha árbore, simbolizaban a vitalidade e forza (de ahí ser forte como un carballo) e a eles se atribuían poderes máxicos.

A palabra latina Quercus, deriva das celtas Kaer, que significa “fermoso” e Quez, “árbore”. Para os celtas, o caballo era Kaerquez,  “Árbore fermosa” e considerábase unha árbore sagrada e as carballeiras tiñan un significado especial: nelas celebrábanse os ritos relixiosos. Estes bosques sagrados chamábanse Lubre, palabra celta que se conserva intacta na toponimia galega e tamén na francesa: Louvre.

Foi tal a veneración dos galos a algúns carballos que se consideraban tótems (protector e representante) do Clan.

Desas e doutras moitas cousas fálase en O carballo, de Carlos Silvar

Calros Silvar realizará un obradoiro de debuxo da natureza sobre O CARBALLO na Galería Sargadelos

A Galería Sargadelos e Baía Edicións convidan a todo o público a participar no obradoiro de debuxo da natureza para público infantil, impartido por Calros Silvar, que nos presentará o libro O carballo. A aventura de vivir na Galería Sargadelos Ferrol (Rúa Rubalcava 30-32, esquina rúa María) o sábado día 22 de decembro, ás 12:00 horas.

Con esta obra, Baía Edicións pon en marcha unha nova colección (en formato grande e encadernación en capa dura) de divulgación de elementos singulares do noso medio natural, dirixida, fundamentalmente, a nenas e nenos de ensino primario, baixo o lema xenérico de A aventura de vivir.

Nesta primeira entrega, Calros Silvar, cun texto moi sinxelo e de fácil comprensión para as lectoras e os lectores aos que vai dirixido e mesmo cunha presentación do protagonista, humanizado ao modo dos contos clásicos e tradicionais dos animais falantes, como guía do seu ecosistema para os visitantes que acoden a coñecelo. Asemade, vai explicando quen son as árbores e, concretamente, os Quercus e as  diferenzas máis singulares entre as distintas especies,  como nacen, se desenvolven e como evolucionan durante o seu longo período de vida. Alerta tamén dos perigos que o axexan no presente e fai unha chamada para procurar a súa defensa como un piar básico da conservación da natureza. Finalmente, achegándose ao terreo cultural, explica os usos que as persoas fixeron deles e a importancia que en determinados aspectos tiveron para a evolución de moitos pobos e a súa pegada na cultura popular.

Convén salientar tamén e de forma moi especial o magnífico traballo de ilustración do seu autor, poñendo en evidencia o alto nivel da ilustración da natureza no noso país, onde Calros Silvar destaca por méritos propios.