Entradas

Entrega dos premios de literatura dramática da AGADIC

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presidiu hoxe na Cidade da Cultura o acto de comunicación e entrega dos premios de literatura dramática da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que este ano recaeron en Manuel Lourenzo, Carlos Labraña, Roi Vidal Ponte e Inacio Vilariño.

Román Rodríguez expresou que co recoñecemento que se lle fai ao traballo destes catro nomes, ponse en valor toda a historia da dramaturxia galega actual e contemporánea, xa que a produción dos autores distinguidos abrangue practicamente as cinco últimas décadas da literatura na nosa lingua. Destacou, nese sentido, a presenza dunha figura fundamental en todos os eidos do noso sistema teatral, como é o caso de Manuel Lourenzo, así como as posibilidades de futuro para a escrita dramática que se abren ao integrar neste palmarés a dramaturgos emerxentes e das últimas xeracións.

Suma de esforzos
O conselleiro de Cultura incidiu tamén na importancia do xénero dramático como un dos puntais da cultura galega, nas múltiples utilidades sociais que ofrece e na necesidade de prestarlle apoio para acadar un catálogo de títulos amplo e variado, integrado por pezas que poidan ser efectivamente levadas ás táboas ou mesmo ás pantallas.

Neste sentido, anunciou a nova liña de traballo conxunto que se vai abrir entre o Centro Dramático Galego (CDG) e a recentemente constituída asociación DramaturGA, que se materializará coa celebración dunhas xornadas conxuntas a principios de decembro.

Lourenzo, coa obra ‘Suite Artabria’, é o gañador do XXIII Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais, o máis lonxevo do seu ámbito en Galicia e un dos referentes do alento á dramaturxia escrita en galego. A concesión deste galardón, que o dramaturgo do Valadouro recibe por segunda vez, desvelouse canda a do IX Manuel María de literatura dramática infantil, que foi para Carlos Labraña por ‘O valo’, e o XII Barriga Verde de textos para teatro de monicreques, que na modalidade para adultos recaeu en Roi Vidal Ponte por ‘Marcha fúnebre para un monicreque’, e na infantil, en Inacio Vilariño por ‘Os golfiños e o xigante’, quen xa foi distinguido con este premio en dúas ocasións anteriores.

MÁIS INFORMACIÓN