Entradas

O químico Ignacio Ribas, protagonista do Día da Ciencia en Galicia

A Real Academia Galega de Ciencias informou onte de que o homenaxeado no día da Ciencia en Galicia este ano será o químico Ignacio Ribas Marqués, co obxectivo de reivindicar a importancia da “investigación” a través dunha das súas figuras máis destacadas. A homenaxe, que se celebrará o vindeiro 8 de outubro, coincide co vixésimo aniversario do falecemento do investigador, e foi decidido de forma unánime polos académicos.

A Academia destaca o papel “moi reivindicativo” de Ribas, e para iso fai referencia a unha das intervencións do químico, nun discurso no ano 1930 no que xa advertía de que “os países que non teñen ciencia son pobres e viven unha vida moral e material mediocre”. Ribas naceu en Palma de Mallorca pero viviu desde 1942 en Santiago, onde faleceu en 1996. O obxecto principal das súas investigacións foron os alcaloides das leguminosas que obter sustancias aínda non coñecidas.

MÁIS INFORMACIÓN

A ciencia ten nome de muller

Fai xa máis dun século que se eliminaron as últimas barreiras que impedían á muller o acceso aos estudos universitarios. A súa chegada ao ámbito das ciencias, a tecnoloxía e a investigación foi máis lenta, talvez polo peso secular da suposta inferioridad intelectual.

O século XX abriunos as portas aos estudos superiores e o percorrido desde entón foi enorme. Actualmente máis do 60% das persoas tituladas das universidades en España son mulleres. Con todo, a existencia dun imaxinario teito de cristal impide aínda que elas accedan en igualdade de condicións aos postos de máxima responsabilidade no mundo científico e tecnolóxico. As cifras falan por si soas: en Galicia o 61% de directores de grupos de investigación son homes mentres que o 62% dos becarios son mulleres. Capaces e brillantes, cos mesmos niveis educativos -nalgúns casos superiores- concéntranse nos estamentos inferiores da escala laboral e teñen dificultades para alcanzar postos máis cualificados e mellor pagos que eles: a presenza das mulleres vaise perdendo nos niveis de maior responsabilidade.

Ademais, o peso cultural e histórico fai que o noso papel sexa case inexistente en certas ramas. É o caso das ingenierías en Galicia, onde só una de cada dez estudantes opta por este tipo de estudos, malia que desde fai xa moito tempo sabemos que son as carreiras con maior saída laboral e mellor retribuidas. O 26% dos homes do mundo científico e tecnolóxico percibe máis de 2.500 euros mensuales e só un 15,5% das mulleres alcanza esa cifra. E nas franxas máis baixas en materia de salarios neste sector, o 11% das mulleres recibe menos de 900 euros ao mes, fronte a un 5% dos homes.

Todos estes elementos lévannos a resaltar a importancia de recoñecer o traballo das científicas e investigadoras e poñer todos os medios para corrixir os desequilibrios existentes. Ese é o obxectivo da Unidade da Muller e Ciencia da Xunta de Galicia. O premio María Josefa Wonenburger que cada ano outorga esta entidade e que se entrega hoxe pretende destacar as traxectorias das mulleres máis relevantes do sector. Este ano o galardón, que xa cumpre a súa cuarta edición, recae na catedrática de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica María José Alonso. Esta investigadora da USC foi pionera na nanotecnoloxía aplicada á biomedicina. Vacinas contra a hepatite B, a investigación dunha vacina antitetánica dunha soa dose e grupos de investigación contra o cancro son algúns dos proxectos nos que esta catedrática, investigadora e científica desenvolve o seu traballo. Ao outorgarlle este premio recoñécese o seu labor persoal, pero tamén se impulsa e estimula a toda a comunidade científica feminina. E con ela a todas as mulleres que na sombra traballan para derribar as últimas barreiras para unha igualdade plena.

Fonte: Galiciaé