Entradas

Queres saber algo máis sobre os Cogomelos?

Baía Edicións conta con tres títulos diferenciados sobre os Cogomelos en Galicia. A primeira é unha GUÍA MICOLÓXICA DOS ECOSISTEMAS GALEGOS, que recolle as 556 especies máis habituais en Galicia, é especialmente importante para a Micoloxía Galega, porque conxuga nun mesmo traballo a experiencia herdada dos nosos maiores e mestres co zume novo das últimas xeracións de micólogos, formados profesionalmente nas nosas universidades.

Desde un punto de vista máis gastronómico contamos con dous títulos:

Os cogomelos na cociña e outras cousas que é unha singular achega á literatura gastronómica. Atopamos pratos que podemos encadrar na ‘nova cociña’ e outros que adaptan receitas tradicionais, convertendo os cogomelos habitualmente, tratándose tanto unhas como outras de composicións innovadoras.

Valorando a importancia do coñecemento do que a natureza pon nas nosas mans, a súa utilización para fins gastronómicos e o papel da conservación, a obra está concibida en tres partes:

Na primeira, Na cociña cos cogomelos, preséntase un pequeno mostrario dos cogomelos máis apreciados na cociña e unhas notas sobre conservación e precaucións básicas a ter en conta cando estes se recollen para comer.

Na segunda, Receitas, propóñense diversas preparacións do cociñeiro Pedro Roca, un dos maiores e mellores divulgadores da excelencia dos cogomelos na cociña, e de Paco Bernabeu, Manolo Costas, Quico Fraguela, José Andrés Moure e Andrés Roca.

Na terceira, Da nosa Asociación, faise un repaso das actividades da Asociación Micolóxica Viriato nos seus trinta anos de andaina.

E Cogomelos. A cociña do bosque, libro que nos ofrece un repertorio de 104 pratos elaborados con cogomelos de todo tipo. Un abano de sabores e aromas de bosques outonais e prados de primavera. Atoparemos desde pastas, arroces, ensaladas, cocas, pasteis salgados até ovos, carne  e mesmo peixes e mariscos. Como todas as propostas de Mariona que xa coñecemos, receitas fáciles de facermos na casa, con base clásica e toques de actualidade.

O libro foi prologado polo escritor e presidente da Asociación Micolóxica Viriato, Xosé Manuel Fernández Costas, quen aproveita para facer, desde a súa particular vivencia, un percorrido histórico da micoloxía e da situación actual en Galicia, así como unha serie de propostas de aproveitamento gastronómico dos cogomelos dos nosos bosques e prados.