Artigos

Teo rende homenaxe á memoria das vítimas represaliadas no 36, representados na figura de Ánxel Casal

O Concello de Teo, como cada 19 de agosto, homenaxeou a figura de Ánxel Casal, o último alcalde republicano de Santiago, que foi asasinado e o seu corpo apareceu morto nunha gavia de Cacheiras. Este ano este acto enmárcase nunhas xornadas da “Memoria e da lembranza”xa que, segundo explicou a edil de Cultura, Carme Hermida, haberá actos de recordo a Avelino Pousa, xusto no primeiro cabodano do seu pasamento.

Todas as intervencións realizadas coincidiron en reivindicar a memoria dos represaliados no ano 36 e lonxe de centrarse en Casal fixéronse referencia ós numerosos actos que se realizan polo País durante estes días lembrando a Bóveda, Díaz Valiño, ós represaliados na illa de San Simón ou illa de Memoria, a Pepiño Areosa… Segundo dixo Xosé Luis Santos Cabanas, no nome da Oliveira, con estas homenaxes “afirmamos a vida e os valores que aqueles defendían”. Nora Pousa, filla de Avelino, e Benxamín Salgado, neto dun represaliado, protagonizaron un dos momentos máis emotivos da tarde cando leron os nomes dos represaliados naturais ou con veciñanza en Teo. Unha ristra de nomes, que como explicou Carme Hermida, pode non estar completa. Nora Pousa rematou esta intervención destacando que aquelas mortes “indicáronnos o camiño a seguir, depende de nós non extraviarnos”. Carme Hermida, a edil de Cultura, explicaba que “aquelas persoas pagaron coa súa vida o seu desexo dunha sociedade máis democrática”. Facíao antes de presentar a Aurora Pérez, concelleira de Servizos Sociais en Arzúa. Aurora reivindicou as raíces arzuanas de Ánxel Casal así como “a xenética de Casal no pobo de Arzúa”. A continuación leu un soneto Xoán Xosé Abella que interviña tamén no nome da Fundación Castelao. O alcalde de Teo pechaba o acto institucional agradecendo a implicación de todas as forzas políticas da corporación. “É un orgullo para min presidir unha corporación que se implique nestes actos de recuperación da memoria histórica” salientou. Explicou que nesta xornada “reivindicamos botando de menos a aqueles que compartían este acto con nós como Pousa ou Díaz Pardo, e botamos de menos aqueles que coa súa morte foron semente para gañar o futuro”. Durante a tarde o grupo Alvariza interpretou varias pezas musicais e unha danza de honra e respeto de Sobrado preparada especialmente para este acto. Tamén tocaron unha muiñeira composta por Nicolás Otero, músico e veciño de Lucí, adicada a Avelino Pousa. A tarde rematou coa ofrenda floral diante do monolito adicado a Ánxel Casal, Pepiño Areosa e todas as vítimas.

Fonte: Concello Teo